Laxeiro, paisaxes de adolescencia

Título:                  Laxeiro, paisaxes de adolescencia

Artista:                 Laxeiro (José Otero Abeledo, 1908-1996)

Tipo de obra:      lapis, carbón e acuarela sobre papel

Inicio:                  xoves, 3 de agosto, 2023

Clausura:            domingo, 15 de outubro, 3023

Lugar:                  Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo

O labor de investigación que a Fundación Laxeiro leva a cabo de forma continuada, posibilita ofrecer ao público estas obras de case cen anos de antigüidade, localizadas en coleccións privadas que, por primeira vez, se mostran en forma de exposición.

Este traballo de localización e selección permite poñer en contexto pezas concretas que axudan a avanzar na comprensión do significado cultural e artístico do legado de Laxeiro e, nesta ocasión, albiscar as orixes dun rapaz que quería ser artista, e que andaba a procura da súa propia mirada, aínda sen desenvolver.

O adolescente que mostramos nesta exposición, aínda posúe a inocencia de quen ten todo por facer e simplemente obedece á pulsión de pintar e debuxar, aínda sen un programa concreto, xusto antes de que, a partir dos anos trinta, comezara a desenvolver o seu proxecto renovador, unha vez integrado no grupo Os novos, todos eles mozos que se identificaban máis co París da bohemia ou o Berlín vangardista do período de entreguerras, que coa pintura galega da xeración anterior

Proxectos coma este son posibles grazas á colaboración de coleccionistas particulares que, de forma desinteresada, ceden as súas obras para o goce do público, nun xesto de sensibilidade e xenerosidade mediante o que, por uns meses, posibilitan borrar o límite entre o ámbito público e o privado, conscientes do valor patrimonial das súas coleccións.

Laxeiro é un artista que pinta homes e mulleres, tamén animais, pero non é frecuente atopar paisaxes na súa obra. A Laxeiro, como fabulador extraordinario que foi, interésanlle as persoas e os animais, interésanlle os personaxes.

A razón pola que o título desta exposición fai fincapé na idea de adolescencia, é que as obras que a conforman están datadas a finais dos anos vinte e principios dos trinta, cando o pintor tiña entre dezaoito e vinte e dous anos. Esa foi unha época de aprendizaxe, non só técnica, senón tamén de aprendizaxe da mirada como elemento constitutivo da personalidade, a partir da que irá xurdindo o que o artista ten que contar, o argumento que conformará a súa personalidade narrativa. A aprendizaxe está presente nestas fermosas paisaxes, nestes bosquexos nos que o mozo Laxeiro xogaba a capturar o visible na súa contorna inmediata. O interese destas obras non reside tanto na súa orixinalidade ou a súa calidade, como na busca dunha mirada propia que nestes debuxos, seguramente, aínda non atopara.

Trátase de bosquexos temperáns, dos seus anos de barbeiro pintor cando, chegado de Cuba, o rapaz decidira ser artista, aínda sen ter desenvolvido ese proxecto narrativo que, co paso dos anos, sería tan extraordinario e persoal.

Estamos por tanto, ante ensaios de liña, de cor e de composición. Exercicios de selección do encadramento nos que o tema aínda non era unha preocupación e o seu futuro como artista, aínda era unha incógnita, un desexo incerto que o mozo pintor alimentaba de forma autodidacta, cunha vontade inquebrantable.

Laxeiro, paisaxes de adolescencia quere mostrar a ollada virxe dun mozo aprendiz de artista que, ao longo do século XX mudaría a pintura galega para sempre.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo