Seis cabezas de Alejandro Fuertes
Seis cabezas é un proxecto presentado no espazo Arte CTJV, en Monçao, Portugal, entre o 16 de novembro de 2024 e o 17 de xaneiro de 2025. Agora o proxecto chega á Fundación Laxeiro, comisariado por Javier Pérez Buján, o seu Director Artístico.
Alejandro Fuertes (Avilés, 1997) é un artista formado nas facultades de Salamanca e Pontevedra cun evidente interese no que el denomina a estética da devastación que materializa mediante unha obra realizada a partir da ensamblaxe de elementos de refugallo.
LIÑA E GARABATO. Recursos expresivos no debuxo de Laxeiro
A Fundación Laxeiro presenta este proxecto que, mediante unha escolma de obras sobre papel, pretende afondar nos recursos expresivos que un debuxante excepcional como era Laxeiro, utilizaba para desenvolver o seu universo estético, narrativo e artístico.
Esta exposición propón un achegamento ao debuxo de Laxeiro a partir da coexistencia da liña limpa e o garabato, dous recursos que conforman os dous extremos expresivos a partir dos que o noso pintor construíu un dos máis sólidos discursos estéticos da arte galega do século XX.
Laxeiro, paisaxes de adolescencia
Por primeira vez, a Fundación Laxeiro expón sete obras sobre papel datadas a finais dos anos vinte e principios dos trinta, que mostran a mirada dun Laxeiro adolescente que, despois da súa estadía na Habana, retorna ao seu Lalín natal decidido a ser artista. Estas obras ilustran como un Laxeiro, aínda adolescente, aprendía a pintar e a debuxar a partir do seu territorio visual máis inmediato.
As paisaxes rurais da bisbarra do Deza, descóbrennos un Laxeiro paisaxista insólito, pouco tempo antes de adoitar unha mirada propia que cambiaría o tema da paisaxe por escenas con personaxes, coas que foi construíndo a súa singular obra.
Proxecto incendios. Miguel Mosquera
A Fundación Laxeiro presenta este proxecto de Miguel Mosquera (Ourense, 1953), no que se fai eco da vaga de incendios que asolaron o sur de Galicia en outubro de 2017. O artista chama á reflexión sobre esta problemática que parece definir un aspecto da relación da poboación co territorio.
Laxeiro e a arte da súa época. MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, quere culminar o ano Laxeiro, que finaliza en abril de 2023, coa exposición titulada “LAXEIRO e a arte da súa época”, unha mostra de produción propia comisariada polo director do Museo, Miguel Fernández-Cid.
Laxeiro descoñecido II. Obras inéditas de segunda época
Dentro das actividades programadas no Ano Laxeiro, con motivo do acordo da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar a Laxeiro o Día das Artes 2022, a Fundación Laxeiro ofrece a segunda achega da serie titulada Laxeiro Descoñecido, que continúa mostrando unha pequena parte do traballo de investigación e localización de obra que a Fundación Laxeiro vén desenvolvendo dende o seu inicio.






