Fondo pesar polo falecemento de Adriano Marques de Magallanes.

A Fundación Laxeiro expresa o seu pesar polo falecemento de Adriano Marques de Magallanes, empresario amigo da Fundación e home amante da arte e a cultura que, en numerosas ocasións, compartiu faladoiros con Laxeiro.

Nacido en Melgaço, en 1925, casou coa redondelá Rita Regojo, pertencente a unha puxante familia do sector téxtil, no que emprendeu a súa brillante carreira profesional como empresario e fundador, en 1958, da empresa Partenón, de gran proxección internacional.

Coleccionista exquisito, máis inclinado pola calidade que pola cantidade, era posuidor de pinturas de membros da nosa vangarda histórica, como o propio Laxeiro, Arturo Souto, Colmeiro ou Urbano Lugrís, obras que sempre cedía encantado para formar parte de diversas exposicións.

As súas inquietudes culturais levárono a desempeñar cargos como académico da Real Academia de Belas Artes de Granada, ser membro da Sociedade de Xeografía de Lisboa e do Instituto Brasileiro de Cultura Hispánica.

Licenciado en dereito, o seu talante conciliador, a súa intelixencia e sensibilidade, levárono tamén ao terreo político, onde exerceu como cónsul honorario de Ecuador en Vigo desde 1965, cidade onde foi decano do corpo consular. Tamén foi presidente do Partido Demócrata Popular de Galicia e, co Partido Popular, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, ademais de concelleiro en Vigo, deputado nacional e senador. Na súa etapa como vicepresidente da Deputación de Pontevedra, apoiou con convicción a creación da Facultade de Belas Artes, o que lle valeu a concesión da primeira medalla de ouro da devandita facultade.

Como home conciliador, sempre disposto ao diálogo, foi unha persoa querida e respectada por amplos sectores da sociedade, por encima de posicionamentos ideolóxicos. Esta personalidade fíxoo merecedor de numerosos recoñecementos en ámbitos culturais, políticos e institucionais, como a Gran Cruz da Orde do Mérito Civil, a Gran Cruz da Orde do Mérito Nacional da República de Ecuador, a Gran Cruz da Casa Real Portuguesa, Cruz ao Mérito Naval con distintivo Branco, a Encomenda de Número da Orde de Isabel a Católica, Comendador da Orde Infante Don Enrique de Portugal, Comendador da Real Orde da Nosa Señora de Vilaviçosa, Cabaleiro da H. y D. da Orde de Malta, Vigués Distinguido, Fillo predilecto de Padrenda e Adoptivo de Baiona a Real.

Co seu falecemento, a sociedade perde a unha persoa intelixente e afable, digno representante dunha xeración de emprendedores que soubo transcender o ámbito empresarial para achegar valores humanos.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2024 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo