O primeiro Laxeiro. 1908-1942

20.11.2008 – 11.01.2009

Comisario: Carlos Valle
Lugar: Museo de Pontevedra
Organiza: Museo de Pontevedra
Colabora: Deputación de Pontevedra, Fundación Laxeiro

O Museo de Pontevedra mostra, do 20 de novembro de 2008 ao 11 de xaneiro de 2009, na sala de exposicións temporais do novo edificio, a titulada “O primeiro Laxeiro(1908-1942)”. Recolle a activade do pintor, nacido en Lalín en 1908, desde os seus inicios até o seu establecemento en Vigo en 1942. Intégrana máis de 60 obras procedentes de coleccións particulares e institucións públicas.

A exposición comeza cun debuxo de 1924 realizado na Habana, cidade á que Laxeiro se trasladou coa súa familia en 1921 e da que retornou en 1925.

Entre 1925 e 1931 Laxeiro debuxa en Lalín, onde traballa como barbeiro, e en Pontevedra , onde cumpre o Servizo Militar entre 1929 e 1930. Desa etapa poderanse ver apuntamentos do natural, retratos de familiares, amigos e personaxes da súa terra, viñetas humorísticas que publica no Faro de Vigo, O Pobo Galego e a revista Céltiga, e os seus primeiros óleos , nos que xa mostra a súa preferencia pola paleta escura. Neses anos coñece a Colmeiro e se introduce no movemento renovador da arte galega , reforzando as súas propostas o contacto que lle proporcionan os faladoiros dos cafés Derby, en Vigo, e Moderno, en Pontevedra.

Desde finais de 1931 e até 1933 estuda en Madrid coas pensións que lle conceden o Concello de Lalín e a Deputación de Pontevedra. Alí comparte pensión con Torres, visita o Museo do Prado, frecuenta o faladoiro da Granxa de Henar con Rafael Dieste, Souto ou Lugrís e consolida o seu estilo, caracterizado polas pautas da chamada “estética do granito” , a paleta escura e o influxo da obra de Solana, Goya e Picasso. Desta e tapa móstranse debuxos académicos da Escola de Belas Artes e os óleos A República (1931) e Carnavalada (1931).

Ao seu regreso da capital pinta no obradoiro do “Hospitalillo”, en Lalin, onde desenvolverá xa plenamente o seu persoal e inconfundible repertorio iconográfico: maternidades, carnavaladas, o mundo da infancia e os mitos e as lendas galegas. A exposición mostra obras que responden a estas pautas temáticas, algunhas exhibidas en 1934, en Santiago, e en 1935, en Pontevedra. Nas dúas cidades compartía por entón faladoiro con Castelao, Colmeiro, Maside, Seoane, Eiroa, Torres ou Virxilio Branco.

Nos primeiros meses de 1936 traballou Laxeiro na preparación dunha exposición en Vigo. Non puido inaugurala a causa do inicio da Guerra Civil, traxedia que o levará como soldado forzoso a Asturias. Alí, neses difíciles anos, 1936- 1939, debuxa paisaxes, retrata aos seus compañeiros e pinta a única obra na que está presente a imaxe da morte.

En 1940 establécese en Pontevedra. No café Moderno comparte faladoiro con Igrexas Vilarelle ou Branco Porto, cuxos retratos figuran na exposición, e pinta o afamado mural titulado O manancial da vida, unha escena protagonizada por multitude de personaxes e na que teñen un destacado protagonismo os nenos, vistos como divertidos e travesos personaxes fantásticos, froito da súa desbordante imaxinación. Este mural marca o inicio dun conxunto de obras protagonizadas por nenos das que se poden ver varios exemplos da súa etapa pontevedresa.

Durante o período de vixencia da exposición e ás horas que no seu momento se indicarán, haberá un servizo de visitas guiadas de carácter gratuíto atendido polo Gabinete Didáctico do Museo. Poden participar nelas calquera colectivo que o desexe e tamén as persoas que o queiran facer a título individual, integrándose en grupos creados para as visitas.

Como complemento da exposición, doutra banda, celebrarase un Seminario os días 10, 11 e 12 de decembro. Nel será analizado o triplo contexto – europeo, español e galego – no que se insere a produción do primeiro Laxeiro e se estuará tamén o traballo coetáneo dos grandes pintores da súa xeración, a dos renovadores, todos (Maside, Torres, Colmeiro e Souto) receptores como el de pensións da Deputación de Pontevedra que contribuíron de maneira decisiva, ao permitirlles viaxar e coñecer o que se estaba realizando noutras latitudes ( Madrid e París sobre todo) , a mellorar a súa formación e, consiguientemente, a súa proxección artística.

Máis información en www.museo.depo.es

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2018 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo