O Laxeiro informalista na Colección Alcalde Varela

10.07.2008 – 31.08.2008

Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela
Comisario: Javier Pérez Buján

Dentro do programa de actuacións que a Fundación Laxeiro está levando a cabo co gallo do Centenario do nacemento de Laxeiro, o Museo do Pobo Galego inaugurou a exposición titulada “O Laxeiro informalista na colección Alcalde-Varela”. Unha escolma de setenta e unha pezas que fai un percorrido pola faceta máis experimental do artista.

A Relación de Laxeiro coa familia Alcalde – Varela, posibilitou a consecución da que quizais é a colección privada máis importante de obra de Laxeiro.

A exposción está estruturada en dúas partes: por unha banda se poden contemplar unha treintena de pequenos debuxos e bosquxos que nos achegan ao Laxeiro procesual, o Laxeiro íntimo, debuxante compulsivo que pensaba coa man, coa mesma acción de pintar e, por outra banda, se poden ver tamén corenta e unha pezas pictóricas nas que se move entre unha abstracción xestual e unha figuración irónica e crítica, ás veces emparentada co Picasso poscubista, e outras veces moito máis preto dos discrusos informalistas e da pintura de xesto e acción.

Ainda que esta colección contén unha moi variada mostra das diversas liñas de traballo de Laxeiro, quen sempre renunciou a practicar un estilo único, se facemos unha escolma da totalidade das obras, é posible trazar un itinerario pouco coñecido que nos descubre ao Laxeiro máis experimental e cosmopolita, ao Laxeiro que xa nunca sería o mesmo, despois da súa estadía en Bos Aires.

Por iso, quizais a exposición sorprenda a quen espere atoparse coa cosmoloxía máis estereotipada do artista de Lalín. Os gaiteiros, verbenas, romarías, trasnos e retratos de tipos populares non teñen cabida nunha proposta que amosa a poética laxeiriana máis pulsional, cercana aos movementos de pintura de xesto que percorreron o século XX, aos que Laxeiro se achega desde a súa personalidade máis vigorosa.

A cor e a mancha adquiren en xeral un protagonismo inusual en detrimento da liña e o debuxo e a representación tórnase na meirande parte dos casos, anecdótica, sempre ao servizo da acción mesma de pintar. O expresionismo xa presente no Laxeiro de Carnavalada de 1931, da Colección Fundación Laxeiro / Concello de Vigo, adquire aquí todo o protagonismo, acorde co acontecer do panorama internacional dos anos sesenta e setenta: o expresionismo abstracto, a pintura de acción e o informalismo europeo, na súa vertente máis enérxica e lúdica. Non son poucos os paralelismos que se poden facer neste sentido con movementos como o grupo CoBrA, a Art Brut ou mesmo os Novos Salvaxes alemáns de finais dos anos setenta e principios dos anos oitenta. Tampouco pasa desapercibida a afinidade co Grupo Atlántica quen reivindicou a súa figura en 1981 na homenaxe que lle fixera na cidade de Vigo.

O atlantismo laxeiriano tórnase nesta escolma de obra máis caótico e salvaxe, debatíndose entre unha certa angustia existencial e a celebración da vida con todalas súas desgrazas e continxencias. Laxeiro, Atlántico, iconoclasta e xenial, reinvéntase nesta escolma de obras para trascender á súa xeración e mesmo adiantarse a certos postulados como o tachismo sauriano sen ningún tipo de complexo, sabedor do sentido último da súa obra que non foi outro que a creación en estado puro, a partir da pulsión íntima do creador paixoal.

O Laxeiro dos anos sesenta e setenta vive un dos seus máis fructíferos momentos creativos, expoñendo a ambos lados do Atlántico unha obra multiforme e sempre sorprendente.

Esta exposición ven a completar o periplo que durante todo o ano a Fundación Laxeiro está levando a cabo pola obra do pintor que lle da nome e que, mediante diferentes exposicións, contempla as variadas facetas do artista galego máis influinte do século XX.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo