Cartografía do presente. Colección de arte contemporánea Fundación Laxeiro

10.06.2011 – 18.09.2011

Comisario: Javier Pérez Buján.

Artistas: Guillermo AymerichAntón CabaleiroTom CarrJorge CastilloCarmen ChacónCésar Galicia-Ángel Garraza-Amaya González ReyesElena MendizábalÁlvaro NegroMónica Ortuzar-Eduardo Outeiro-Paco PestanaDiego SantoméBelén UrielMiguel VázquezMar Vicente

Sala B. Fundación Laxeiro

Despois de once anos de funcionamento da Fundación Laxeiro e, como froito do traballo con artistas de moi diversa índole, a través de procesos de encarga, doazóns e agasallos, fomos construindo unha colección de arte contemporánea que por primeira vez se mostra ao público como unha unidade, configurando o que demos en chamar unha cartografía do presente que define dunha forma bastante exacta as liñas de programación da Fundación Laxeiro desde a súa constitución até agora.

Os artistas que conforman esta pequena colección foron na súa maioría, partícipes en diveresos proxectos expositivos, como o programa de Bolsas a Creación artística Fundación Laxeiro, como é o caso de Antón Cabaleiro, Amaya González Reyes, Mar Vicente e Belén Uriel, todos eles moi ben posicionados actualmente no panorama artístico internacional (Antón Cabaleiro é artista da Galería Marisa Marimón en Ourense e traballa en Nova York, onde reside desde hai cinco anos; Amaya González Reyes é habitual en feiras internacionais como artista da Galería Pilar Parra de Madrid e ten obra nas coleccións dos principais museos galegos,  Mar Vicente está instalada en Austria e tivo unha exposición individual na Kunstverein de Kassel no mes de maio, ademais de ser artista da Galería Trinta de Santiago de Compostela e Belén Uriel expón con regularidade en Lisboa, Madrid e Londres). Guillermo Aymerich, Jorge Castillo, Carmen Chacón, César Galicia, Álvaro Negro, Ángel Garraza e Miguel Vázquez participaron en exposicións individuais na Fundación Laxeiro; e Eduardo Outeiro, Elena Mendizábal e Mónica Ortúzar participaron en exposicións colectivas, todas elas realizadas en colaboración coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo; Diego Santomé colaborou en dúas encargas da Fundación para diversos proxectos e as obras de Paco Pestana e Tom Carr foron, no primeiro caso, unha adquisición directa de Laxeiro e no segundo, unha doazón da empresa Nationale Suisse, aseguradora da Colección Permanente e das exposicións temporais da Fundación Laxeiro.

 

POR QUÉ MOSTRAR ESTAS OBRAS EN FORMA DE EXPOSICIÓN?

O interese intrínseco de cada peza, indiscutible por razóns obvias, confróntase nesta exposición nun diálogo múltiple entre todas elas, tanto morfolóxica como sintácticamente, nun proxecto non exento de riscos para cada obra, xa que mostrada como parte dun todo heteroxéneo, o discurso de cada artista relativízase, debendo ocupar un lugar que posibilite a súa lexibilidade á vez que potencie a lexibilidade das demáis obras.

Por estas razóns, o proxecto conforma unha cartografía do presente que vai trazando un mapa do pensamento artístico do noso tempo, neste caso, localizado nun territorio, o galego, con puntuais incursións de obras de artistas de outras latitudes, como acontece conTom Carr (Catalunya), César Galicia (Madrid), Elena Mendizábal e Mónica Ortúzar (País Vasco) que funcionan de contrapunto xeográfico sen solución de continuidade, completando unha diversidade de ópticas que atopan o seu punto de contacto na instalación do seu pensamento e a súa obra na contemporaneidade desde diversos puntos de partida.

 

AS OBRAS E OS ARTISTAS

Así César Galicia (Madrid, 1957) constrúe a súa obra desde postulados realistas que se inscriben claramente no contexto da Escola de Madrid, con influencias innegables do hiperrealismo norteamericano de finais dos anos sesenta e, por extensión e no caso da obra incluida nesta exposición (Mickey, 1999), recuperando certos recursos da arte pop, actualizada mediante unha atmósfera na que cambia a luminosidade propia de Warhol por unha certa melancolía que o achegan máis a autores como Rauschenberg.

Elena Mendizábal (San Sebastián, 1960) inscríbese dentro do que nos anos oitenta se chamou Nova escultura vasca, integrada por un grupo de artistas que, a partir da revisión da obra escultórica e teórica de Jorge Oteiza, actualizan a escultura vasca, acadando unha interesante hibridazión entre o léxico tradicional e as novas linguaxes internacionais. As pezas de Elena Mendizábal da Colección da Fundación Laxeiro, tituladas respectivamente 4 e 5, ambas de 2010, supoñen unha volta de tuerca nesa dirección, cambiando os grandes formatos e a rotundidade dos materiais, por escalas moi reducidas e materiais cotiáns e prosaicos que, mediante o ensamblaxe, conforman novas metafísicas no sentido de abrir novos camiños para a fisicidade dunha escultura que nace da brutalidade (formal e de escala) para evoluir cara á delicadeza, percorrendo así un interesante camiño que vai da grandilocuencia ao rumoreo.

Mónica Ortuzar (Bilbao, 1964) móvese nos límites do que se entende como arte no sentido máis institucionalizado, conscente de que é un concepto cambiante como a Historia ven demostrando. Nesta ocasión Mónica xoga con este cambio semántico realizando un pequeno debuxo no que recrea os petroglifos da Praia de Mogor (Marín, Pontevedra), provocando un bucle conepctual a partir do que nos convida a reflexionar sobre o concepto de arte, na confrontación dunha obra prehistórica de función descoñecida e a súa representación nun contexto artístico contemporáneo, realizada sen embargo, coa técnica tradicional da copia do natural.

Ángel Garraza (Allo, Navarra, 1950) e Miguel Vázquez (Vigo, 1956) son actualmente dúas das figuras máis representativas da escultrua cerámica española e gozan dunha considerable proxección internacional. Eles protagonizaron en 2001 a exposición titulada Diálogos.

Unha mostra na que se integraban dúas exposicións individuais nun mesmo espazo, conxugando así a pureza formal da linguaxe abstracta do navarro coa figuración vírica e contaminada por outros materiais, característica da obra do galego.

Tom Carr (Tarragona, 1956) participa cun gravado de 1998, realizado en Barcelona. Malia súa preocupación polos equilibrios inestables e as xeometrías imposibles, traballadas por el, sobre todo na súa obra escultórica, Fluvii Alveus, algo así como río ramificado, mergúllase nunha abstracción orgánica, moi próxima ao expresionismo abstracto norteamericano que o autor coñece moi ben, debido á súa estreita relación cos Estados Unidos, onde viviu longos períodos. Na súa obra escultórica hai unha preocupación polas formas simples e as súas infinitas posibilidades de combinación, propoñendo composicións dun claro compoñente lúdico que, por  momentos a achegan ao norteamericano Alexander Calder. Esta preocupación polas formas simples está presente tamén no gravado incluido na exposición, no que o círculo é o elemento a partir do que se organiza todo o espazo pictórico, neste caso, cunha xeometría orgánica que, sen embargo, deixa patente o seu interese pola matemática nunha organización reticular de nove celas que o autor numera do un ao nove, integrando dous mundos aparentemente opostos, como son o pensameneto analítico e o pensamento intuitivo. Precisión e azar danse a man nunha obra que parece querer falarnos dos múltiples camiños do pensamento e a posibilidade da súa conciliación.

Carmen Chacón (A Coruña, 1964) aborda a pintura desde unha posición de apertura dos seus propios límites, participando cunha peza (Sen título. 2001) que é unha pintura realizada con técnica mixta e de medidas variables, xa que se compón de tres elementos que se poden colgar de forma diversa en cada ocasión. A artista invita a reflexionar sobre os límites da pintura e, nesta ocasión, achégase á escultura ao destacar o aspecto obxectual do cadro, difuminando os límites entre as dúas dimensións e as tres dimensións e, por tanto, entre a pintura e a escultura.

Nesta idea de expansión do concepto pictórico, pero desde outra óptica, traballa Mar Vicente (Valadouro, Lugo, 1979), gañadora da Bolsa Fundación Laxeiro á creación artística na súa edición 2006 co proxecto titulado Reflexo de superficies, programado na Fundación Laxeiro en 2007. A obra titulada Cajón fala tamén das posibilidades de expansión da pintura, neste caso, cun obxecto indiscutiblemente escultórico que, sen embargo funciona como un cadro de cinco caras, cada unha, dunha cor diferente, como cinco superficies pictóricas nas que a cor (a pintura, a luz, o reflexo) vai conformando os límites físicos do obxecto tridimensional mediante solucións pictóricas, moi na liña do minimalismo dos anos sesenta, repesentado por artistas como Dan Flavin, Donald Judd ou Sol LeWit dos que a influencia na obra de Mar é evidente e, dunha forma intencional a artista deixa ver esas influencias como unha proposta de revisión dos achádegos dese movemento.

Álvaro Negro (Lalín, Pontevedra, 1973) é un creador que tamén se move neses límtes do que se entende por pictórico, que el entende como unha forma de mirar e, por tanto, extende a idea de pintura á fotografía e ao audiovisual.

A súa peza Monumento a la arquitectura utópica incide precisamente no feito da observación do mundo mudado en imaxe e, por tanto, na representación acotada da paisaxe, característica da tradición pictórica.  Negro reflexiona así sobre a fenomenoloxía da construción de imaxes e da observación das mesmas, propoñendo novas relacións entre o espectador e a obra.

A paisaxe, traballada, esta vez desde unha posición de crítica social e política, é o argumento da obra titulada Full view 3 da artista Belén Uriel (Madrid,  1974). Unha fotografía que formou parte do seu proxecto do mesmo títuo que foi gañador das Bolsas Fundación Laxeiro á creación artística en 2007 e que se montou na sede da Fundación en 2008. Full View consistía nunha instalación na que a artista fotografaba unha urbanización abandoada a medio construir, convertida por Belén nun reclamo publicitario mediante a instalación dunha valla publicitaria no espazo público que logo trasladou ao espazo expositivo e acompañou de tres fotografías máis, a modo de fotografía paisaxísitica. Belén relacionou o xénero paisaxístico da tradición pictórica coa linguaxe publicitaria e xogou en todo momento cos conceptos público/privado e ficción/realidade, compoñendo un traballo no que poñía o aceno na denuncia da construción inmobiliaria especulativa, ao tempo que incidía en aspectos da comunicación estética-publicitaria, visual-varbal.

A ambigüidade comunicativa, é tamén o punto de partida da obra Sen titulo da artista Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979) cuxo proxecto, titulado En efectivo, tamén foi gañador das Bolsas da Fundación Laxeiro, neste caso, na súa edición 2005.

Amaya xoga nesta peza  (e no proxecto expositivo) a realizar obra cos cartos da contía económica coa que estaba dotada a bolsa da Fundación Laxeiro e así, realiza unha serie de fotografías, seguindo as coordenadas compositivas de xéneros clásicos como o bodegón e (nesta obra en concreto) a paisaxe, introducindo o concepto de xogo de linguaxe que para a artista supón o significado que lle damos aos cartos como signo de riqueza ou, más concretamente, a función que lle damos ao papel moeda como significante da riqueza que representa.

A obra inclasificable de Paco Pestana (Lugo, 1949) tamén ten cabida nesta exposición en virtude dunha compra que Laxerio lle fixera cando Pestana era un escultor mozo que comezaba a irrumpir no panorama artístico. A complexa obra do escultor está representada nesta exposición por unha peza que moi ben poderíamos clasificala como unha especie de agro pop no que se mixtura a talla tradicional co ensamblaxe

de elementos de diversa procedencia. O peculiar mundo imaxinativo de Paco Pestana ten certas coincidencias coa iconografía laxeiriana, nese torrente imaxinativo a partir do que produce unha obra rica en significados e dun evidente sincretismo no que a cultura tradicional e os elementos da cultura de masas conforman un imaxinario moi representativo da mixtura de referencias icónicas tan características da Galicia do noso tempo.

O artista multidisciplinar Diego Santomé (Vigo, 1966) na súa obra titulada Manuel Rodeiro (unha encarga que a Fundación Laxerio lle fixo co obxecto de documentar un festival sobre o devandito compositor, organizado pola Fundaicón) adéntrase nesta ocasión na linguaxe do cinema documental, utilizando os estilemas que son xa constantes na súa obra audiovisual, como a simplicidade dos medios utilizados, que o artista traduce nunha austeridade formal mediante a que compón unha especie de tableau vivant de personaxes en claroscuro, con claras reminiscencias da pintura barroca, presentados nun tempo ralentizado, que inevitablemente nos remite tamén a creadores audiovisuais como Bill Viola. Santomé integra de forma maxistral a cadencia rítmica intrínseca da música que se está interpretando en directo, na sencuenciación das imaxes, resultando paradigmático o espectacular comezo do film, no que a imaxe e a escuridade sincronízanse en virtude das notas e os silencios dunha peza para piano de Gyorgy Ligeti, interpretada polo pianista indonesio Ananda Sukarlan, un dos  músicos participantes no devandito festival.

Antón Cabaleiro (Santiago de Compostela, 1977) ofrécenos a outra obra audiovisual da exposición. Neste caso en forma de proxección monocanle que, co título Polaris formou parte do seu proxecto gañador das Bolsas da Fundación Laxeiro na súa edición 2004 e que se mostrou, baixo o título Coexistencias pacíficas na tempada 2005.

Polaris é unha sinxela animación realizada cun programa de transición de imaxes que nos fala da imposición de corsés sociais (neste caso, de medidas corporais estandarizadas como canon de beleza) e amosan a individuos desubicados, situados sobre un fondo branco (un non lugar simbólico) intentando adaptar os seus corpos a unhas coordenadas espaciais cambiantes, impostas desde fóra, que eles sofren como vítimas da alienación provocada polo mercado e a moda, nas súas vidas cotiás. Cabaleiro segue traballando na produción de videos curtos e sinxelos, madurando a súa linguaxe que se caracteriza por unha hibridación de retóricas, moi próximas á publicidade e á animación televisiva.

Eduardo Outeiro (A Coruña, 1981) achégase á escultura desde unha posición experiencial na que a historia dos materiais e obxectos que utiliza ten unha importancia decisiva no resultado final. Deste xeito, a obra que se inclúe nesta exposición Palé restaurado non é outra cousa que un palé dos que se utilizan para o movemento e almacenamento de mercadorías, que o artista restaurou como se fora unha antigüidade para, posteriormente, instalalo nunha peana convencional para esculturas. Con esta acción, un vulgar palé atopado na rúa en malas condicións muda nunha delicada obra de arte sen apenas cambiar o seu aspecto formal e visual. É só mediante o sentido do tacto cando nos decatamos da delicadeza da peza e do lonxe que se atopa xa da súa función primeira (a utilitaria), instalado xa nunha nova función dada polo artista ( a estética).

Guillermo Aymerich (Santiago de Compostela, 1964) ven desenvolvendo un traballo no que os dous elementos defintorios son a viaxe e a hibridación, conceptual, procesual e formal. Aymerich desprázase polo mundo (Dublín, Sao Paulo, Vigo, Valencia, Nova York, Ulan Bator, Pekín…) e, en cada estadía, produce obra na que a condición de viaxeiro impregna a gramática de cada unha das súas producións, reinventándose continuamente en cada traballo mediante a utilización de técnicas diversas e linguaxes diversas tamén. Aymerich relaciona vivencias e procesos para tecer un discurso polisémico que, na obra que incluimos nesta exposición, Diosa del firmamento: nueva lluvia, de 2007, (pertencente á serie titulada La diosa triple, un nome que, como o propio artista afirma, Robert Graves utilizou para denomiar ás musas) utiliza unha potente carga simbólica e cultural, presentada sen embargo cunha factura lixeira, aparentemente con poucos elementos, pero, nunha lectura máis atenta, cargada de complexidade. Aymerich ofrécenos unha obra de técnica mixta que adquire sentido a partir da súa estrutura procesual e compositiva, máis aló do aspecto formal.

Jorge Castillo (Pontevedra, 1933) é o decano desta exposición. A súa participación na programación da Fundación Laxeiro materializouse nunha estupenda mostra, programada en 2004 na que se vinculaba o seu traballo coa súa relación persoal con Laxeiro e recuparaba para a arte a obra dun dos nosos artistas máis internacionais, silenciada nos anos noventa por razóns diversas.

Juana y Juan, a peza que incluimos na exposición, é un perfecto exemplo dese mundo misterioso, onírico e existencial do pintor pontevedrés, no que descentra de forma inquietante os personaxes na composición do cadro e os presenta mirando ao espectador, como atrapados nun mundo especular desde o que rompen, coa súa mirada, esa imaxinaria cuarta parede que normalmente separa ao espectador da escea representada, e establecen así, con esta trasgresión da mirada, unha relación, un diálogo a partir do que constrúen a súa propia razón de ser, como expoñentes dun mundo alternativo que parece estar, sen embargo, no inconscente de todos nós.

 

O SENTIDO DA COLECCIÓN

O feito de reunir por primeira vez nunha exposición un conxunto tan heteroxéneo de obras, ademais do interese evidente para o goce estético da mostra, leva un compoñente engadido que ten que ver coa traxectoria da propia Fundación Laxeiro e o seu criterio programático nestes once anos de traballo, nesa liña de programación que, ademais de incidir sobre a obra de Laxeiro e os seus contemporános, ven insistindo na difusión dos artistas do noso tempo. Unha liña de programación que ven marcada polo apoio aos artistas galegos (ou que desenvolven o seu traballo en Galicia) máis novos, mediante as Bolsas á creación artística e diversas colaboracións coa Facultade de Belas artes de Pontevedra e colaboracións en proxectos puntuais con outros creadores que, por razóns diversas, chamaron a atención da Fundación Laxeiro.

Deste xeito, vaise artellando un relato ao longo do tempo que, desde a parcialidade que toda colección conleva, ofrece unha visión de diferentes problemáticas vixentes na arte contemporánea, como son:

A hibridación de técnicas e linguaxes (Guillermo Aymerich, Miguel Vázquez, Tom Carr)

A relación da creación artística co feito social (Antón Cabaleiro, Belén Uriel)

A revisión do concepto tradicional de pintura (Mar Vicente, Álvaro Negro, Carmen Chacón)

A actualización de xéneros clásicos (Amaya González Reyes, Álvaro Negro, Belén Uriel)

O rescate de autores que foron decisivos no desenvolvemento da nosa arte (Jorge Castillo)

A utilización de técnicas tradicionais para realizar obra cun claro enfoque contemporáneo

(Ángel Garraza, Mónica Ortúzar, Miguel Vázquez, Tom Carr)

A utilización de retóricas da cultura popular.

(Paco Pestana, Diego Santomé, César Galicia, Antón Cabaleiro, Belén Uriel)

A herdanza do conceptual que subxace en obras obxectuais

(Amaya González Reyes, Eduardo Outeiro, Belén Uriel, Álvaro Negro)

A utilización do ensamblaxe e de materiais de procedencia industrial

(Guillermo Aymerich, Elena Mendizábal, Miguel Vázquez, Eduardo Outeiro)

O proxecto, por tanto, é tamén unha confrontación dos criterios programáticos da Fundación Laxeiro, tanto co público, como co mundo da arte. Un xesto de afirmación dunha liña seguida nestes anos que dota de sentido á colección no seu conxunto, ao tempo que brinda elementos susceptibles de reflexión crítica e traza o camiño a seguir nos anos vindeiros.

 

O CATÁLOGO

Completando este proxecto, la Fundación Laxeiro editará unha publicación na que, ademais de catalogar todalas obras, incúense textos comentando cada unha delas, asinados por diversos autores, como Guillermo Aymerich, David Barro, Vanesa Díaz, Pablo Giménez, Emilia Guimeráns, Juan Fernando de Laiglesia, Elena Mendizábal, Eva Mendoza, Marcela Santorum, Elena Vozmediano e Ángel C. Ulloa, que, nuns casos ex profeso e noutros, en forma de extracto de textos xa publicados, reflexionan sobre a obra de cada un dos artistas.  A publicación está inclúe ademais un limiar de Javier Pérez Buján, Director artístico da Fundación Laxeiro e comisario da mostra, quen contextualiza e xustifica o  porqué da coleción e da exposición que documenta a publicación.

ENLACES: Ademais de consultar na sección “que facemos/exposicións/ver anteriores” desta páxina web, facilitamos diversos enlaces onde ampliar información sobre os artistas

Belén Uriel: http://www.elena.vozmediano.info/2008/05/beln-uriel-full-view.html.

Antón Cabaleiro: http://www.antoncabaleiro.com

Mar Vicente: http://www.marvicente.es

Amaya G. Reyes: www.parra-romero.com/artistas/amayagonzalez.html

Diego Santomé: www.parra-romero.com/exposiciones/santome_09.html

Álvaro Negro: /www.alvaronegro.com

Guillermo Aymerich: /www.guillermoaymerich.com

Miguel Vázquez: /www.miguelvazquez.com

Ángel Garraza: www.angelgarraza.com

César Galicia: www.cesargalicia.com

Tom Carr: http://web.mac.com/tomcarr1/tom_carr/Tom_Carr.html

Paco Pestana: http://pacopestana.blogspot.com

Carmen Chacón: http://www.galegos.info/carmen-chacon

www.arteinformado.com/Artistas/4036/carmen-chacon

Eduardo Outeiro: http://www.arquitecturadiaria.com/tag/eduardo-outeiro

Elena Mendizábal, Mónica Ortúzar: http://www.laxeiro.es

Jorge Castillo: http://es.wikipedia.org/wiki/Jorge_del_Castillo

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo