Círculos de confusión. Valentín González. 26 de maio-25 de xuño

Título: Círculos de confusión

Artista: Valentín González

Tipo de obra: Fotografía

Comisario: Javier Pérez Buján

Inauguración: Xoves, 26 de maio, 2016. 19.00h

Clausura: 10 de xuño, 2016

Lugar: Sede Afundación Vigo. Sala de exposicións I

c/Policarpo Sanz, nº 26

Unha produción da Fundación Laxeiro para Afundación

 

Os Círculos de confusión inventáronse no eido da óptica para establecer unha definición da nitidez focal. O círculo de confusión é, por tanto, unha unidade de medida que define o limiar da óptima percepción visual.

 

Valentín González utiliza a fotografía para, a partir da captura da realidade visual obxectiva ou, para ser máis precisos, do que todos convimos como o visible obxectivo, construír novas imaxes que están aí, no motivo fotográfico e que só fánsenos visibles a partir da intervención do autor.

 

Circulos de confusión é o título elixido para esa exposición porque reflicte a posición dende a que Valentín González traballa. O proxecto componse dunha coidada selección de obras de diferentes momentos do seu traballo dos últimos vinte anos, unha selección que ilustra un proceso de evolución na súa traxectoria, dirixido pola procura do modo de facer visible para os demais o que Valentín ve no mundo que nos rodea.

 

Cunha técnica sempre impecable, resultado da súa cualificación como fotógrafo profesional e utilizando a fotografía analóxica ata been entrado xa o século XXI, Valentín González amósanos unha serie de imaxes insólitas, entre a psicodelia e a introspección, que exceden a fotografía entendida como proceso de captura da realidade visible para, a partir dela, desvelar outras realidades que conviven no motivo fotografado, pero que non son visibles ata que o autor nolas mostra, despois dun proceso de manipulación da imaxe capturada, pero sen engadir nada que non estivera xa, previamente no motivo fotografado.

 

De personalidade inquieta, este artista asombra por un traballo inclasificable no que, en palabras de Ferrán Olucha, director do Museo de Bellas Artes de Castellón, é capaz de construír

 

Unas imágenes a veces oníricas, de una reveladora y metafísica belleza, magnéticas y fascinantes, únicas, irrepetibles, y atemporales que están ahí, en nuestro entorno, ocultas, que rompen cuantas reglas visuales se nos antojen, verdaderas y auténticas, pues sus fuentes se encuentran en el mundo exterior y de él salen, si bien somos incapaces de ver, mirar y contemplar, como sí lo puede hacer Valentín.

 

E é que o traballo de Valentín González, lonxe de ser unha construción mental, realizada a partir de imaxes inventadas, parte en realidade do que “xa está aí”, do obxecto rexistrado pola súa cámara que, unha vez seleccionado e captado, o artista vai traballando, mediante recursos como a saturación ou a eliminación de cores e a manipulación de contrastes e luminosidades para, ao final do proceso, mostrarnos aquelo que el ca vía na imaxe orixinal e que, agora, mediante a obra rematada, é capaz de facer visible para o espectador.

 

Chama a atención ese xogo ambiguo entre obxectividade e subxectividade, eses dous ámbitos que dividen a nosa percepción visual do mundo e que Valentín é quen de conciliar, anulando unha fronteira cognitiva fundamental na construción cultural occidental do que entendemos como realidade. o obxectivo, é dicir, o relativo ao obxecto en si mesmo, con independencia da súa percepción, fúndese no traballo de Valentín González, con o subxectivo, é dicir, o pertencente á nosa forma de percepción e a súa construción mental, xa que Valentín González non engade nada que non estivera xa na imaxe captada, simplemente resalta aqueles aspectos que lle interesan para a elaboración da súa obra, mediante un proceso de discriminación do visual que, en última instancia, nos fala tamén do relativo que resulta aquelo que os nosos sentidos dan por sentado como existente.

 

Con frecuencia, Valentín González utiliza o concepto de símbolo para describir as imaxes que produce. Para el, esas imaxes que el di ver xa antes do proceso de manipulación, son símbolos cos que vai construíndo o relato de outros mundos que, á maneira do poeta francés Paul Éluard, están neste.

 

Eses mundos paralelos que Valentín denomina realidades simultáneas, son para o autor, a proba de que, como el mesmo afirma, o evidente é só a máscara da realidade, unha afirmación a partir da que o artista intenta convidarnos a transcender o acto de mirar, para comezar a ver esas outras realidades latentes pero para el, tan existentes como o que todos coincidimos en admitir como o visible real.

 

Tense dito tamén en máis dunha ocasión que o traballo de Valentín González ten máis que ver coa pintura que coa fotografía, afirmación esta coa que o autor non está de acordo, xa que el defende que coa pintura é posible crear realidades visuais dende a nada, coa única ferramenta da mente e a pericia técnica do pintor, mentres que o seu traballo fotográfico parte xa dunha imaxe dada. Obviamente, tampouco se podería falar da tradición fotográfica pictorialista, tan importante históricamente nos albores da fotografía e que pouco ten que ver co seu traballo, que nos leva cara unha certa aparencia pictórica, non dende a imitación compositiva e escénica, senón dende ámbitos puramente plásticos que, se ben é certo, poden coincidir con certos movementos pictóricos, esta coincidencia dáse sempre no resultado final e nunca como produto dunha estratexia artística previa, ou dun proceso que teña na pintura o seu punto de partida.

 

Con Círculos de confusión, o seu traballo chega por primeira vez a Galicia, despois de ter sido exhibido noutros lugares de España e ter viaxado por outros países como Rusia, Francia, Moldavia, Alemaña, Estados Unidos, Bélxica e Italia.

Libreria Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2017 All Rights Reserved

Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria Xunta de Galicia: Consellería de Economía e Industria. Dirección Xeral de Comercio

AGADIC Axencia Galega de Industrias Culturais Concello de Porriño Pinturas Proa Transporte Urbano de la Ciudad de Vigo