Xosé Luis Méndez Ferrín, Premio Laxerio 2018

Xosé Luís Méndez Ferrín naceu en Ourense o 7 de agosto de 1938. A súa infancia e primeiros estudos transcorren nesta cidade, con estadías tamén, que se manterán ó longo da súa vida, na casa paterna de Vilanova dos Infantes (Celanova). Estes dous espazos serán protagonistas de moitos dos seus poemas, relatos e novelas. En 1949 trasládase coa familia a Pontevedra, onde publica os seus primeiros textos coñecidos (Litoral, 1954). Posteriormente, en 1955, trasládase a Vigo, cidade que será, con parénteses, a súa residencia definitiva, principal centro de actividade política e motivo literario de notábel importancia.

Realiza estudos universitarios de Filoloxía primeiro en Compostela e logo en Madrid, onde funda con outros estudantes e obreiros o grupo Brais Pinto, de capital importancia na renovación cultural e política da Galicia de finais dos anos cincuenta. Destes anos son tamén os seus primeiros libros, que sorprenden a crítica pola súa precocidade, personalidade e madurez: Voce na néboa (1957) e Percival e outras historias (1958).

Nos inicios dos anos sesenta participa na fundación da UPG, partido que por primeira vez asociaba o nacionalismo co marxismo.

Nos anos sesenta, ó tempo que publica a súa investigación sobre literatura medieval (O cancioneiro de Pero Meogo, 1966), mostra dunha paixón filolóxica que chega ós nosos días (Consultorio dos nomes e apelidos galegos, 2007), comeza a desempeñar o seu labor de profesor como catedrático de Ensino Medio no Instituto Santa Irene de Vigo, destino que ocupou ata a súa xubilación en 2009.

No ámbito académico cómpre tamén indicar que en 1974 se doutorou na Universidade de Santiago cunha tese que logo sería manual de referencia (De Pondal a Novoneyra, 1984) e que a Universidade de Vigo o nomeou igualmente Doutor Honoris Causa en 1999. Foi membro da Real Academia Galega dende 2000, e presidente da mesma dende 2010 ata 2013.

As achegas literarias de X. L. Méndez Ferrín, indisociábeis das realizadas no ámbito intelectual e das estritamente políticas, resultan xa non só indispensábeis senón mesmo basilares na configuración da Galicia contemporánea. Coma se a súa pituitaria tivese unha singular sensibilidade, Méndez Ferrín detectou o pole de ideas da cultura e do pensamento universais sempre dun xeito precoz, o que o colocou tamén constantemente nunha posición de vangarda. Así, en contos e novelas, defendeu teoricamente e cultivou o que el mesmo chama Nova Narrativa (Arrabaldo do Norte), converteu o imaxinario artúrico nun mito mobilizador (Percival e outras historias; Amor de Artur), novelou varias tensións sociais da Galicia dos anos cincuenta e sesenta (Antón e os inocentes; No ventre do silencio) ou construíu unha alegoría nacional (Jameson) coa que se asocia toda a súa produción: Retorno a Tagen Ata; Arnoia, Arnoia; Bretaña, Esmeraldina; O crepúsculo e as formigas; Elipsis e outras sombras; Crónica de nós ou Arraianos son notábeis conxuntos de relatos amplamente valorados pola crítica entre os que encontramos pezas maxistrais, comparábeis ás de Mérimée, Dieste ou Cortázar, por citar algúns dos seus mestres.

O Méndez Ferrín poeta, que vén de Voce na néboa (1957), prodigouse nos anos sesenta e primeiros setenta con poesía política (Antoloxía popular e Poesía enteira de Heriberto Bens, nome do seu célebre heterónimo) distante do social-realismo. Con pólvora e magnolias de 1976 está considerado como un dos cumes poéticos do século XX e como vigoroso e brillante golpe de leme dado á poesía do seu tempo. O fin dun canto; Erótica; Estirpe; O outro ou Contra Maquieiro son entregas posteriores onde Méndez Ferrín volve sobre espiral dialéctica, símbolo político e literario, sobre a orixe e a identidade resistentes.

 

Outros Premios Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo