Foron dous días intensos, dous días nos que Xabier Correa Corredoira entablou un diálogo pictórico con Laxeiro a través do seu emblemático cadro, titulado Trasmundo, de 1946.
Nesas dúas xornadas, pasaron pola Fundación Laxeiro artistas como Xosé M. Barreiro, Ignacio Pérez-Jofre, Elena Fernández Prada, Din Matamoro, Berta Cáccamo, Silveriro Rivas, Anxel Huete, Antón Goyanes, José Ramón Catalán e outros amigos do artista como Victoria, a viúva de Lodeiro, Román Pereiro, Alfonso Román, Ramón Ilarri, entre outros. O reto non era doado. O trasmundo é quizais das obras máis complexas de Laxeiro, tanto pictórica, como simbólicamente. Xabier, decidido e xeneroso, acometeu o traballo con alegría, mais ao longo das xornadas, houbo momentos de dúbida, e tamén momentos de clarividencia.
O primeiro día, acompañou a acción pictórica o grupo DADGA que aderezou coa súa música tranquila e suave a primeira incursión de Xabier Correa no mundo de Laxeiro. O segundo día a cousa radicalizouse co acompañamento musical do guitarrista Miguel Fraile, quen improvisou paisaxes e texturas sonoras moi estimulantes para o pintor.