Visibilidade mínima de Juan Adrio viaxa a Oporto

Visibilidade mínima de Juan Adrio en Maus HábitosRua Passos Manuel 178, 4ºPorto

Inauguración: Sábado, 4 de abril, 18.00h

A exposición titulada Visibilidade mínima de Juan Adrio, que se expuxera na Fundación Laxeiro do 31 de outubro’14 ao 18 de xaneiro’15, viaxa á cidade de Oporto, onde se poderá ver na sala Maus Hábitos ata o 18 de abril.

O sábado, 4 de abril ás 18.00h terá lugar a inauguración da exposición grazas a un acordo de colaboración entre a sala Maus Hábitos de Oporto e a Fundación Laxeiro de Vigo.

 ver vídeo

Con este proxecto que agora se presenta en Maus Hábitos, despois de ser exposto na Fundación Laxeiro, Juan Adrio profunda no ámbito do xénero paisaxístico e preséntao dunha forma nova na súa traxectoria: en forma de proxección de tódalas imaxes que conforman a serie, editadas como un vídeo mediante fundidos en branco e sucesivas imaxes que pasan dese branco inicial á néboa que abarca toda a imaxe e, progresivamente vai descubrindo a paisaxe que oculta: cumios de montañas que se atopan a ambas beiras da estrada de Vigo a Ourense.

 

Cunha gran forza evocadora, Visibilidade mínima capta a paisaxe nun tempo (o inverno) e nun lugar (a estrada Vigo – Ourense) concretos. O resultado é unha obra chea de sensibilidade, que esixe un silencio (acústico e visual) para a súa observación, nun formato a medio camiño entre a linguaxe cinematográfica (proxección, secuencia) e a linguaxe fotográfica (plano fixo, estatismo, silencio).

 

Por todo isto, Visibilidade mínima é unha invitación a unha experiencia que, a través da observación do exterior (a paisaxe) en realidade, provoca un estado introspectivo, case de meditación, no que mediante certa reminiscencia panteísta, en realidade, nos leva a unha viaxe interior.

 

O proxecto constrúese a partir de dous niveis de lectura, un primeiro nivel de índole formal que indaga sobre os límites da linguaxe fotográfica e a súa ambigüidade, concretado nas seguintes cuestións:

 

–          O tratamento da cor que, de forma moi sutil, o artista leva ao limiar da fotografía en branco e negro.

–          A fronteira entre a fotografía e o vídeo, coa presentación do traballo en forma de proxección, ofrecendo un resultado híbrido entre estes dous medios, con tódalas imaxes unidas a través de fundidos en branco e a súa paulatina evolución cara á concreción das imaxes paisaxísticas, conformando unha secuencia.

–          A dicotomía entre abstracción e figuración, tan familiar ao xénero paisaxístico, integrando neste caso as dús posibilidades de lectura, como consecuencia da transición paulatina das imaxes.

 

O segundo nivel de lectura ocúpase do contido, incidindo na paisaxe, non tanto como construción cultural, senón máis ben como elemento de contemplación que paulatinamente, mediante a fascinación das imaxes, nos á introspección, anulando a separación entre o individuo e o mundo que configurou a forma de interpretar a realidade do pensamento occidental.

O título do proxecto, Visibilidade mínima, fai referencia, por unha banda, ás condicións climatolóxicas nas que captou as fotografías que forman a exposición e que nos remiten ás condicións de condución nos días neboentos, e tamén á escasa visibilidade que proxectos como este adoitan ter no panorama artístico actual, no que os medios de comunicación parecen primar as grandes exposicións, en detrimento dos pequenos centros de arte, como a Fundación Laxeiro ou Maus Hábitos que deben renunciar á edición de publicacións e demais documentación que contribúa a visibilizar as súas programacións, debido á escaseza de recursos.

JUAN ADRIO, A FOTOGRAFÍA DO LÍMITE

 

Interésalle a fotografía, non tanto para documentar a realidade, como para provocar preguntas sobre a propia linguaxe fotográfica e sobre diversos aspectos da existencia. É por tanto un artista perplexo que, cun incontestable dominio técnico, se sitúa nas retóricas do estrañamento, tan transitadas na arte contemporánea que, no caso de Adrio, funcionan dende a fascinación polo feito visual.

 

A súa obra é unha consecuencia desta forma de entender o traballo, no que se aprecia unha evidente calidade técnica e formal, a partir das que incide naqueles intersticios do xa sabido, do límite da mirada, para suxerir novos camiños na percepción, sempre dende un tratamento formal con claros elementos da tradición clásica de composición da imaxe que el leva ao límite, como xa comentamos máis arriba.

 

Entre as súas influencias e intereses, artistas como Joan Foncuberta, Vik Muniz e Thomas Ruff, están nesa liña do límite da mirada que tanto lle interesa. Un límite no que tamén se contarían, o norteamericano Todd Hido, sobre todo polo seu tratamento da luz; a finlandesa Tiina Itkonen, e o seu tratamento da paisaxe como un inmenso espazo de illamento; o israelí Ori Gersht, especialmente o seu traballo sobre a recreación de lugares que foron escenarios de episodios violentos durante a historia; o norteamericano Richard Misrach e o seu estudo do lugar, tanto formalmente, coas súas extraordinarias panorámicas da paisaxe, como pola súa preocupación pola relación do home co entorno; o británico Nicholas Hughes, quen traballa esta mesma relación dende unha visión repousada do motivo e un tratamento da sombra como moduladora da visibilidade; ou o brasileiro Caio Reisewitz e a monumentalidade coa que traballa as súas paisaxes.

Nos últimos anos o seu traballo foi conformando un discurso propio que lle valeu, en 2012, o segundo premio no Premio de Fotografía Fundación Aena, e participar na exposición da súa colección de fotografía dentro do programa oficial de Photoespaña 2012 titulada Air_port_photo, xunto a autores tan recoñecidos como Chema Madoz, Alberto García Alix, Daniel Canogar, etc, o que fixo que comisarios e críticos de fotografía a nivel internacional, se fixaran na súa obra máis recente.

Licenciouse en Belas Artes na Universidade de Vigo, na que tamén obtivo o Diploma en Estudos Avanzados. Anos antes, Cursou o ciclo superior de fotografía artística na Escola de Artes Mestre Mateo de Santiago de Compostela e o ciclo superior de Deseño Gráfico na Escola de Artes Pablo Picasso de A Coruña. Actualmente realiza a súa tese doutoral.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo