Villancico

09.12.2008 – 21.01.2009

Por primeira vez se exhibe o Mural Villancido na cidade de Vigo
Sala B, Fundación Laxeiro, Vigo
Comisario: Javier Pérez Buján
Produce: Fundación Laxeiro
Colaboran: Museo de Pontevedra, Deputación Provincial de Pontevedra

Esta exposición recibe o título da súa peza máis emblemática, Villancico de 1962 que por primeira vez é exhibida en Vigo.Villancico é un mural realizado en Bos Aires, nunha das épocas máis prolíficas e experimentais de Laxeiro. O primeiro lustro dos anos sesenta significaron para Laxeiro unha auténtica inmersión na experimentación pictórica, produto sen dúbida, da efervescencia cultural da cidade de Bos Aires, onde residía desde 1951.

Villancico foi realizado por encarga do propietario da Galería Velázquez de Bos Aires, Luis Álvarez, amigo persoal de Laxeiro, para unha das paredes do seu domicilio. No ano 1990 foi levantado pola restauradora Teresa Orrio e traído a Galicia, por iniciativa dos galeristas Víctor Montenegro e Jaime Trigo.

Villancico é unha peza excepcional, non só polo peculiar da súa técnica, senón tamén e sobre todo, pola linguaxe plástica utilizada; unha actualización da súa estética granítica dos anos trinta e corenta que sintoniza con toda a tradición da pintura matérica, desde a obra dos franceses Jean Fautrier e Jean Dubuffet, pais da Art brut, pasando polo italiano Alberto Burri, e o arxentino Lucio Fontana, ata os españois Manuel Millares e Antoni Tapies.

Mais Villancico é tamén unha actualización da narratividade secuenciada da imaxinería relixiosa medieval, tan característica en Laxeiro que nesta ocasión pode ter tamén influencias de formas de expresión características do século XX, como as viñetas de prensa e o cómic. A escea que recrea é tamén inconfundiblemente laxeiriana: o mundo da infancia, ese reino da inocencia que fascinaba a Laxeiro, tratado aquí nun exercicio de esquematización do debuxo, mediante o que propón un achegamento a postulados primitivistas.

A exposición complétase con tres obras moi interesantes, que poñen de manifesto os diferentes rexistros do mestre, como exemplo do seu rexeitamento da idea de estilo único. Estamos a falar de Chegada do Rei Breogán a Galicia, de 1954; unha magnífica peza que ilustra os últimos momentos da xa mencionada estética granítica con temática mitolóxica, O espanto de 1962, unha peza expresionista, inscrita na mellor tradición do negrismo europeo e Palacio de nácar de 1976, unha fantasía abstracta que anuncia as súas composicións orgánicas de anos posteriores.

Todas as obras son propiedade do Museo de Pontevedra, ademais de diversos debuxos, incorporados temporalmente á Colección permanente da Fundación Laxeiro, como produto do acordo de colaboración asinado entre as dúas institucións con motivo do Centenario de Laxeiro.

Esta é a primeira vez que as obras citadas son exhibidas en Vigo, supoñendo ademais no caso de Villancico, unha ocasión única para a súa contemplación fóra da súa sede habitual, o Museo de Pontevedra, por tratarse dunha peza cuxas singulares características recomendan non transportala fóra da súa ubicación habitual.

Esta exposición ven completar o peche das actividades conmemorativas do ano do Centenario de Laxeiro, complementando neste último trimestre á exposición O primeiro Laxeiro 1908-1941 que se pode ver no Museo de Pontevedra, en cuxo contexto se celebra esta semana un seminario sobre Laxeiro e os seus compañeiros de xeración, e a exposción titulada De Vigo a Bos Aires, Laxeiro e a pintura galega de posguerra que se pode ver na sala de exposicións do Parlamento de Galicia ata mediados do mes de xaneiro e a mostra Debuxando a Laxeiro, exposta no Café moderno de Pontevedra, sede da Fundación Caixa Galicia.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo