Unha… dúas… tres… que conto é o que ves?

10.02.2012 – 11.03.2012

Artista: Cristina F
Inauguración: venres, 17 de febreiro, 19.00h.
Sala B. Fundación Laxeiro
Produción: Fundación Laxeiro
Patrocina: Concello de Vigo
Colabora: Industrias Proa
Do 17 de febreiro ao 11 de marzo

Cristina F (Salamanca, 1962) leva dúas décadas facendo relatos infantís. Contos que ela escrebe e ilustra, creando mundos singulares que só poderían saír da súa imaxinación.

Esta exposición amosa os traballos de ilustración que a artsita leva facendo dende hai case vinte anos e está dirixida especialmente ás nenas e nenos máis pequenos da familia. Por iso a hora de inauguración é ás 19.00h., porque Cristina F agasallará aos convidados cun bocata xigante de cinco metros que compartiremos en compaña da autora que nos falará do seu traballo e nos convidará a intervir na exposición, participando na realización de ilustracións e debuxos que poderemos pendurar ao carón dos debuxos de artista.

Esta proposta nace da importancia que paulatinamente vai tendo o público infantil nas actividades da Fundación Laxeiro, nas que participan unhas 3.000 nenas e nenos ao ano, dentro do noso programa de actividades didácticas que este ano se víu ampliado coa edición do libro para colorear titulado As aventuras de Laxeiro, ilustrado polo vigués Federico Fernández, Premio Nacional de Ilustración.

 

A EXPOSICIÓN

Unha… dúas… tres… que conto é o que ves? é unha exposición participativa na que o público (infantil) irá intervindo de xeito que a montaxe irá mudando de aspecto, convertendo aos nesnos e nenas que visiten a exposición en protagonistas.

A exposición mostra os traballos de ilustración máis salientables da autora Cristina F, nunha montaxe divertida que contará cun tendedeiro de onde pendurarán as ilustracións orixinais do seu primeiro traballo, a Colección MALA MALONA.

Editada por Sotelo Blanco en 1998, MALA MALONA é unha serie de catro contos que falan da liberdade, da necesidade de deixarnos soñar, de saír de nós para voltar de novo a nós mesmos, enriquecendo a nosa relación co mundo e co noso mundo interior.

O libro ten como protagonista a cadela chamada Mala Malona e conta as súas aventuras cotiás, caracterizadas por unha fantasía libre que da como resultado as trasnadas que este personaxe nunca deixa de facer.

Cristina F parte da idea de considerar a lectura como fonte de pracer individual tamén no caso dos nenos, ós que se lles deixa nestes contos suficiente espazo para desenvolve-la súa inventiva, sen os coartar con estratexias lectoras de tipo didáctico. Actualízase así unha das liñas narrativas máis utilizadas na literatura infantil tradicional, e na que se basean os chamados contos encadeados, mediante o emprego dun texto breve e directo, con frases curtas e apoiándose na repetición da estrutura sintáctica ou, outras veces, na rima. No caso dos contos da Mala Malona, o neno ou nena, establece daquela unha relación directa co texto e as ilustracións, convertendo o proceso lector nunha actividade propia e nunca imposta.

Tamén poderesmos ver as ilustracións orixinais dos seguintes contos:

O NAVEGANTE. Un texto que foi levado á escena pola compañía teatral Chevere en 2001 que fixo unha montaxe multimedia moi experimental, na que o protagonista navegaba nunha carpa-placenta. O texto foi publicado en CD. O relato está dedicado a Tristán, fillo de Cristina F e relata unha viaxe que ela quixo que Tristan fixera. Na exposición mostraranse as ilustracións orixinais, metidas nunha cesta que pendurará da parede.

ALFOMBRIÑA– Baía Edicións, 2008. Un relato autobiográfico sobre a infancia, escrito e ilustrado para o público máis miúdo, aínda que apto para todalas idades, como o demostra o feito de que no IES Terra de Xallas de Santa Comba, lle puxeran o nome de Alfombriña ao seu proxecto de biblioteca. Alfombriña foi inventado pola autora para conseguir levantar do chan á súa sobriña Isa, que aos dous ou tres anos tiña unhas rabechas impresionantes e pasaba gran parte do tempo tirada no chan, chorando sen  nengunha explicación aparente e sen que ninguén fora quen de calmar o seu malestar. O xogo funcionou e as súas rabechas mudaron nun xogo entre ela, “o vento” e máis a autora.

As ilustracións de Alfombriña preséntanse nunhas macetas, saíndo de tulipáns que son regados por unha regadeira debuxada en cartón pluma. Ademais haberá unha caixa de correos na que as rapazas e rapaces poderán botar os debuxos que fagan e escribirlle cartas a Alfombriña.

AS FOLERPAS DE NEVE– 2010. inédito. Un proxecto no que as folerpas de neve cobran vida para ser protagonistas dun sinfín de aventuras. As ilustracións, realizadas orixinalmente en tres dimesións, exporánse dese xeito, recrando escenas do relato orixinal.

A COMER!! é o título da última serie de contos escritos e ilustrados por Cristina F.Unha serie que se compón de catro volumes dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade e que, cunha poética moi cercanca á canción infantil, introduce valores básicos para a convivencia.

A COMER!!Nace da preocupación de Cristina F por dúas cuestións que para ela son fundamentais: Por unha banda, a liguaxe -tanto visual como escrita-, que para ela, é claramente sexista, e por outra, a preocupación polas nenas e nenos con dificultades de comprensión.

Actualmente está traballando en varios proxectos de literatura infantil, entre os que destaca a colección O PAPAVENTOS DE … Colección que leva a nenas e nenos concretos a soñar co seu propio mundo. É unha colección feita con bonequiñas de plastilina, con fotogarafía e animación, diferenciándose nesto da técnica empregada nos outros contos, realizados sempre coa técnica de collage.

ACTIVIDADES

Merendola dun bocata xigante de máis de cinco metros o día da inauguración. A artista agasallará aos rapaces e rapazas o día da inauguración cunha merena dun bocata xigante que será compartido por todos os asistentes e no que as formigas quererán tamén comer…

Actividdes. Os sábados 25 de febreiro e 3 de marzo, as nenas e nenos poderán achegarse á Fundación Laxeiro de 12.00h. a 13.00h, para participar nas actividades creativas que Cristina F levará a cabo. As actividades consistirán na realización de diversos debuxos e collages que irán formando parte da exposición.

 

CÓMO PARTICIPAR

Para participar nelas, é imprescindible poñerse en contacto coa Fundación Laxeiro Tlf. 986-43 84 75 (De 10 a 14h. De luns a venres) ou no correo info@laxeiro.es

CRISTINA F

Ademais de autora e ilustradora, Cristina F é tamén atrezzista, escenógrafa e divulgadora. A súa relación co teatro comezou na sala Nasa de Santiago de Compostela, onde coñece a Marián González, do grupo de monicreques Trompicallo, coa que realizará varios traballos, entre os que destacan o deseño e a realización dos monicreques de O Pazo de Papel, para Buratini(1997). Ese mesmo ano, participa no atrezzo do espectáculo Rastros da compañía Teatro do Aquí.

En 1999 entra en contacto coa compañía Berrobambán, grupo fundamental no mundo do teatro infantil, realizando para eles, xunto con Marián González o aterezzo e vestuario de Xuvenca e Cochón e o aterezzo de O libro dos contos en 2000. Máis tarde, xunto con Marta Castro, volverá a colaborar con eles, realizando o atrezzo de Historia dun Soldado, e o deseño e realización de aterezzo e escenografía de Buh (2006) e Boas Noites (2006).

Co grupo Chévere, participou na realización da escenografía e aterezzo  Hero.es (2000), Footballl Clown (2000) e O Navegante (2001).

Participou tamén en proxectos de arte experimental, como  Disecciones de Jessica Weinstein (2002). Proxecto que foi presentado en Porto, Portugal, na galería Arthobler. En 2007 Participa no proxecto Translítera, proxecto de poesía visual, dirixido por Rafael Xaneiro, que se puido ver na Fundación Laxeiro.

Ten ilustrado tamén Razón de Peso e Movidas, de Clara Gayo (Estaleiro Editora, 2010). E escrito e ilustrado Fragmentos e Comentarios do Diario Íntimo de Cristina F, de próxima publicación.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo