Título: Un poema para Laxeiro.
Artistas: José M. Barreiro – Antón Pulido
Tipo de obra: debuxo e pintura
Comisariado: Xosé Antón Castro
Inauguración: xoves, 15 de decembro de 2022, 19h.
Clausura: domingo, 19 de febreiro de 2023
Lugar: Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo
A Fundación Laxeiro continúa coas súas actividades no marco do Ano Laxeiro, con motivo do acordo da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar a Laxeiro o Día das Artes 2022. Neste caso, cun proxecto expositivo no que dous artistas vinculados ao pintor, como José M. Barreiro (Forcarei, Pontevedra, 1940) e Antón Pulido (Amoeiro, Ourense, 1944), réndenlle homenaxe nunha exposición conxunta.
O proxecto, comisariado polo crítico Xosé Antón Castro, preséntase como un poema plástico, no que ambos os artistas dialogan desde posicións diferentes, un desde a figuración e outro desde a abstracción, confluíndo na xestualidade e o colorismo que define o traballo de ambos creadores.
José María Barreiro e Antón Pulido foron durante moitos anos amigos de Laxeiro e ambos son, na actualidade, figuras importantes da súa Fundación viguesa. Con motivo do Ano Laxeiro (que estará vixente ata o 1 de abril de 2023), Os dous artistas, igualmente amigos, quixeron homenaxear ao vello mestre, mediante un diálogo plástico que eles entenden como un poema visual instalado na casa de Laxeiro, a súa fundación.
Comisariado polo crítico Xosé Antón Castro, o proxecto integra a obra de dous consagrados artistas de linguaxes moi diferentes que, con todo, atopan puntos de diálogo, tanto no cromatismo, como na xestualidade que define as súas respectivas obras, dous elementos que funcionan como vínculo entre a obra figurativa de Barreiro e a obra abstracta de Pulido e que, como di Antón Castro, “tenden un cordón esteticamente umbilical ao dobre Laxeiro –o figurativo expresionista e o abstracto.”
O resultado concrétase nunha exposición que ocupa o espazo de exposicións temporais da Fundación Laxeiro, unha sorte de instalación pictórica sen marcos, con parte das obras dispostas a modo de políptico, un recurso co que se potencia a expansión da cor e a luz, a partir do trazo xestual, característico dos dous artistas.
Un poema para Laxeiro propón unha nova lectura da obra de Barreiro e Pulido que, sen dúbida, sorprenderá mesmo a quen coñece ben o seu traballo, quizais non tanto polas obras que se inclúen na exposición, senón polo modo de mostralas.
En palabras de Xosé Antón Castro, Barreiro e Pulido, continuadores da renovación do vangardismo histórico e do postvangardismo posmoderno de Laxeiro, son, en certa medida, dous artistas que foron evolucionando desde o ronsel que marcara o renovador lalinense, e a el dedican unha exposición que idearon como un poemario rexistrado nun diálogo polifónico, tratado como o xogo e a festa da hermenéutica de Gadamer, sobre os muros da arquitectura na sala da súa Fundación.
Os dous concibiron a pintura, desde os seus inicios, como unha secreción de vida que poñen de manifesto na fogueira cromática das súas creacións, rendendo culto á cor por encima de todo, unha cor esencialmente cálida, prevista desde a dimensión lírica da súa concepción como rito poético e como instante da luz abrasadora que define unha identidade marcada no estilo de ambos.
Barreiro e Pulido -do mesmo xeito que Laxeiro- mostran unha peculiar melomanía e a música revelouse sempre como unha das claves da súa pintura, como o foi para o Paul Klee instrumentista, que renaceu á inocencia dos sons despois da súa viaxe á luz de Túnez, como o foi para o Wassily Kandinsky de Do espiritual na arte, acudindo ás impresións, sensacións ou improvisacións.
E os dous acudiron, desde os seus inicios, ao pracer recuperado da pintura-pintura, de raíz matissiana e expresionista, referencias que van nutrir o seu proxecto pictórico máis decisivo, que é o que se consolida a partir dos anos setenta do século pasado en ambos os casos: Matisse e o fauvismo foron recorrencias nas súas reinterpretacións lumínicas, cromáticas e espaciais, tanto como o pretexto dunha das súas iconografías fetiche e, en particular, a simbólica xanela, como recurso iconográfico dun espazo que funde exterior e interior… Música e pintura elevan os sons do seu cálido cromatismo a unha dobre percepción na consideración rítmica e lírica do cadro, que en Barreiro se reforza na figuración expresionista e xestual das súas versións etnografistas renovadas, e en Pulido na abstracción postformalista da súa última pintura, onde o polifónico axigántase nos cadros esencialistas definidos pola planitude, cuxos espazos monocromáticos, negros, brancos ou vermellos, amarelos e azuis reciben os grumos de cor, como emulsións dunha meditada acción xestual.
Pero ambos, que tenden un cordón esteticamente umbilical ao dobre Laxeiro –o figurativo expresionista e o abstracto-, son capaces de harmonizar a paixón e a emoción co máis racional, a xeometría e o xesto, calidades que remiten, tal como mostra a instalación que propoñen, á esencia dun verdadeiro e sorprendente poema visual, iluminado non só pola plasticidade arrebatadoramente cálida e colorista, senón por unha elaborada conciencia de estilo.
Con este proxecto, a Fundación Laxeiro quere estender as actividades contextualizadas no Ano Laxeiro, máis aló da revisión da obra do artista de Lalín, levada a cabo nas dúas exposicións temporais anteriores que, co título xenérico Laxeiro descoñecido, mostraron obras inéditas do artista. Agora, a homenaxe a Laxeiro esténdese a través da visión doutros creadores, como neste caso José M. Barreiro e Antón Pulido, coa figura de Laxeiro como pano de fondo.
A exposición poderá visitarse ata o 19 de febreiro.