Trasmundo de Laxeiro no Museo Reina Sofía

Con motivo da reorganización da Colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, a Fundación Laxeiro e o Concello de Vigo cederon temporalmente a emblemática obra de Laxeiro, titulada Trasmundo (1946) para ser incluida no novo proxecto expositivo.

Desde o 12 de maio Trasmundo pódese ver na sala 425 do edificio Sabatini do Reina Sofía, acompañando a obra audiovisual do artista granadino José Val del Omar (1904-1982), titulada Acariño Galaico (De barro) (1961-1995), que rodou en Galicia co propósito de integrala, xunto a Aguaespejo granadino (1953-55) e Fuego en Castilla (1956-59), na súa triloxía titulada Tríptico Elemental de España.

Ademais de Trasmundo (1946), completan a sala dúas obras do escultor ourensán Arturo Baltar (1924-2017), Nenos cantando Nadal (1960), e Entroido (1990) e dúas fotografías, unha de Enrique Reza (1932-2013) e outra de Anric Massó (1930-2015), unha das moitas que realizou durante a rodaxe de Val del Omar, ademais de numerosos documentos, algúns deles inéditos

TRASMUNDO

Con Trasmundo Laxeiro pecha a súa etapa granítica, recreando un retablo de personaxes que sintetiza todo o seu imaxinario en forma de pórtico que invita a entrar no trasmundo, atravesando unha porta central.

A obra está composta a partir dunha liña horizontal central que divide o mundo do coñecido -plasmado na parte inferior mediante unha figuración granítica idealizada- do mundo do descoñecido, na parte superior, na que o trazo se se fai máis solto e confuso, achegándose ao expresionismo co que experimentará nos anos cincuenta.

Cun cromatismo tenebrista, herdeiro do Goya das Pinturas Negras, Jesús Corredoyra e Gutiérrez Solana, este retablo do trasmundo é tamén unha homenaxe ao románico galego e ao pensamento máxico medieval polo que Laxeiro se sentía fascinado, como contrapunto ao mundo da razón que gobernaría o pensamento europeo a partir da modernidade. A obra é tamén unha celebración do mundo telúrico, no que o pintor combina elementos da cultura popular con elementos das vangardas.

O préstamo xestouse durante unha visita á Fundación Laxeiro da Directora da Área de Coleccións do Reina Sofía e comisaria da exposición, Rosario Peiró quen, unha vez visitada a Colección permanente, quedou fascinada pola obra de Laxeiro.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo