Son eu, 18 autorretratos de Laxeiro. Da afirmación á disolución do suxeito

Título:       Son eu, 18 autorretratos de Laxeiro. Da afirmación á disolución do suxeito

Comisario: Carlos L. Bernárdez

Tipo de obra: Debuxo sobre papel, ólseo sobre tea, óleo sobre cartón

Lugar: Fundación Laxeiro r/Policarpo Sanz, 15, 3º Vigo

Inauguración: Venres, 31 de xaneiro

Clausura: domingo, 17 de maio

O PROXECTO

Os dezaoito autorretratos que, dende o venres, 31 de xaneiro, se mostrarán na Fundación Laxeiro, compoñen, no seu conxunto, un percorrido excepcional da evolución plástica do artista, mais tamén da evolución do xénero do retrato ao longo do século pasado, ademais de supoñer unha oportunidade única para comprobar de primeira man, as diferentes interpretacións que o artista fixo de si mesmo, en diferentes técnicas como o lapis, o carbón, a tinta e o óleo, a través de sesenta anos de traxectoria.

Comisariada por Carlos L. Bernárdez, o proxecto analiza a evolución da autorrepresentación do artista e a representación do rostro humano dende a época das vangardas ata o último terzo do século XX. A expresión Son eu, escrita polo pintor nalgunhas das pezas expostas, serve de punto de partida para afondar nesa interpretación do propio rostro e da identidade subxacente que todo retrato leva implícita.

O proxecto é produto do traballo de investigación que a Fundación Laxeiro leva a cabo dende hai vinte anos, cuxo resultado máis salientable é a catalogación de preto de catrocentas referencias do autor, o que facilita enormemente acometer proxectos como este.

O proxecto serviu tamén para achegar ao público obras que nunca antes se expuxeran e tamén obras que se atopan en coleccións fóra de Galicia.

A EXPOSICIÓN

Os dezaoito autorretratos son expostos nunha orixinal montaxe, dentro da exposición permanente que durante todo o ano exhibe os fondos da Fundación Laxeiro, formados por sesenta e cinco obras de todas as épocas do artista ás que, recentemente se sumaron cinco pezas en depósito, procedentes de diversas coleccións privadas.

A razón pola que a mostra se monta dentro da Colección permanente é que esta alberga cinco das dezaoito pezas que compoñen o proxecto, o que levou ao comisario, a propoñer esta solución expositiva, provocando así unha sorte de xogo, por medio do que se convida ao público visitante a buscar e atopar os dezaoito autorretratos que compoñen a exposición.

Máis alá da orixinalidade da montaxe, é de sobra coñecido o especial talento que Laxeiro tiña para o retrato, un xénero ao que recorría cando quería experimentar formas novas de pintar, polo que a exposición ten un interese obxectivo que, máis alá do sentido lúdico da montaxe, ofrece unha oportunidade única para apreciar a gran calidade de Laxeiro como debuxante e como pintor, neste caso, no traballo do autorretrato.

Unha das liñas de argumentación comisarial, céntrase no camiño que este xénero vai percorrendo ao longo do século XX e como o problema da autorrepresentación vai mudando, dende unha primeira fase testemuñal e mesmo de aprendizaxe, ata un estadio de conflictividade entre a pintura e a súa función representativa, acentuado coa falta de fe no xénero humano, despois das dúas guerras mundiais, unha problemática común na arte da época que, en Laxeiro, coincide ademais co seu achegamento a postulados informalistas, a partir do inicio da década dos anos cincuenta.

OBRAS POUCO DIFUNDIDAS

A exposición ten ademais o interese de achegar a Galicia obras como o Autorretrato de 1948, da Colección BBVA, unha obra que ilustrou a primeira monografía de Laxeiro, asinada por José Ruibal e editada por Cuadernos de Arte Gallego, en 1951. Tamén se pode contemplar unha espléndida acuarela de 1930 que non volvera ser exposta, dende a Gran Retrospectiva que lle dedicara o Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela e o Centro Cultural Conde Duque de Madrid, en 1996.

Recupérase tamén, esta vez en forma de reprodución, porque a obra orixinal está desaparecida, un autorretrato feito a tinta, de principios dos anos trinta, publicado en El Pueblo Gallego en novembro de 1932, e algunha obra inédita como un lapis sobre papel realizado na súa época de soldado, cando fora destinado á Fronte de Asturias, onde trabou amizade co poeta Celso Emilio Ferreiro.

O espléndido Autorretrato de 1934-35, realizado en óleo sobre cartón, no período da súa estética granítica é outro dos atractivos da exposición. Nel pódense apreciar todas as características do Movemento Renovador e tamén a súa sintonía coas vangardas internacionais, en concreto cos movementos de Retorno á Orde e a Nova Obxectividade.

Estas obras conviven por primeira vez con xoias pertencentes á Colección permanente, como o seu Autorretrato sobre cartón de 1934, no que Laxeiro se pinta case como un adolescente, ou o de 1936, un carbón sobre papel, no que nos mira de esguello, evidenciando a indiscutible influencia de Rembrandt. Tamén se pode ver o decisivo Autorretrato de 1952, co que, xa instalado en Bos Aires, inaugura o seu período informalista.

A exposición, no seu conxunto, é unha inmellorable oportunidade para achegarse á obra de Laxeiro nun xénero tan canónico como é o autorretrato e profundar nas claves que fixeron del un dos artistas máis salientable da pintura galega do século XX, cultivando técnicas e linguaxes dun xeito transversal, dende unha actitude de permanente experimentación.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2020 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo