Seis cabezas de Alejandro Fuertes

Título:                        Seis cabezas

Artista :                       Alejandro Fuertes

Comisariado:            Javier Pérez Buján

Tipo de obra:            Escultura, ensamblaxe

Inauguración:           venres, 14 de febreiro de 2025

Clausura:                  domingo, 18 de maio de 2025

Lugar:                        Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 3º, Vigo

O PROXECTO

O traballo de Alejandro Fuertes, (Avilés, 1997), arranca dunha pulsión por intervir o espazo público como un xesto visceral de afirmación da individualidade, mediante a introdución dun caos estético que buscaba provocar ou molestar mediante a sucidade.

Co paso do tempo e a súa evolución artística. Alejandro comezou a utilizar o lixo como soporte nas súas pinturas. Pronto se interesou polas posibilidades expresivas e plásticas daqueles elementos de refugallo e descubriu así a poética do lixo que significou un punto de inflexión no seu traballo. Foi entón cando abandonou a pintura e comezou a traballar coa técnica da ensamblaxe, achegándose á linguaxe escultórica ao incorporar o volume.

Dende unha posición filosófica dun nihilismo evidente, Alejandro Fuertes ve nos materiais desbotados pola sociedade de consumo, unha imaxe moi axeitada para falar da falta de sentido da existencia e ilustrar como, ao final do ciclo da vida, todo muda en desperdicio, como unha excreción do que no pasado foi un obxecto útil e no presente non é máis que detrito, ás veces nauseabundo.

Malia que, polos materiais utilizados, é evidente unha mirada crítica do artista fronte aos excesos da sociedade industrial de consumo do noso tempo, esta non é a idea central que articula o seu traballo, senón que está implícita como un elemento máis, fóra de toda discusión, como artista que pertence a un tempo no que os problemas ecolóxicos son indiscutibles.

A correspondencia que Alejandro Fuertes establece entre o lixo como material artístico e a cabeza como motivo, responde a unha intención de destacar a certeza da morte e da descomposición, mesmo na parte do noso corpo onde se crean as ideas e as crenzas que conforman o sentido do mundo.

Pero non debemos achegarnos a esta obra agardando unha representación figurativa da cabeza humana. Dende un punto de vista plástico, estas cabezas se sitúan nunha poética do caos e do azar, máis preto dos códigos da abstracción que da figuración, unha abstracción salvaxe e moi expresiva, que nos conduce a unha actualización da idea de esperpento.

Seis Cabezas muda así nunha proposta tecnicamente moi mesurada, que parte dunha filosofía non transcendentalista e unha mirada crítica, coas que Alejandro Fuertes constrúe a partir do que está destruído, do que xa non é, para falarnos do sen sentido da vida e da morte como única certeza.

A EXPOSICIÓN

O proxecto que Alejandro Fuertes presenta na Fundación Laxeiro está composto por seis esculturas realizadas con materiais urbanos de refugallo, materiais moi significativos para el, ata o punto de que afirma que podemos coñecer como é unha sociedade a partir do lixo que produce, unha idea moi presente en algunhas correntes sociolóxicas de mediados do século XX.

O espazo da Fundación Laxeiro mostra cinco desas seis esculturas, penduradas dos panos expositivos e unha, instalada no chan. Todas cunha iluminación moi recortada sobre elas, o que provoca un escurecemento xeral da sala e, como consecuencia, as obras adquiren unha presenza dramática, na que as luces e as sombras acentúan os volumes e nos achegan aos recursos expresivos do claro escuro e a un certo tenebrismo que conecta cunha tradición da pintura española na que, ademais de Goya ou Guitérrez Solana, atopamos tamén a Laxeiro.

A presenza da terra é importante como elemento expresivo, narrativo e plástico, como parte de catro das seis esculturas que conforman a exposición. A terra está adherida á superficie destas obras, mais tamén está presente no chan, como unha sombra efémera e matérica que nos remite á idea de catástrofe e, outra vez, á idea de morte. As outras dúas esculturas mostran os seus compoñentes (anacos de plástico, gomas, madeira, teas, etc.) sen terra pero, xa sen o atractivo das cores vivas e as superficies lisas e limpas dos produtos de consumo que foron, senón como elementos fragmentados, rotos, sucios e sen brillo, que parecen testemuñar a cara menos compracente da estética pop.

O ARTISTA

Alejandro Fuertes (Avilés, 19978) é Graduado en Belas Artes por la Universidade de Vigo, cun Máster en Estudos Avanzados en Produción e Prácticas Artísticas pola Universidade de Salamanca. Actualmente vive e traballa en Pontevedra, onde desenvolve a súa tese doutoral na Universidade de Vigo sobre o residuo sólido urbano como materia para a arte.

Ten realizado recentemente a exposición individual titulada Cabezas, na Galería de Arte CTJV, en Monçao (Portugal, 2024) que é o antecedente da exposición que presenta agora na Fundación Laxeiro en Vigo.

Formou parella artística con Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965), con quen realizou a instalación titulada Monstruo 16 en Kentada, Pontevedra (2024); Monstruo 13 en Estudio Abierto, Vigo (2024). Tamén fixo a exposición individual titulada Residuos na Sala de 40 Nudos, Asturias, (2022); La basura hay que ir a verla en U Mutante, Salamanca (2022) e Basura (con Alba Matilla,) en Dos Mares, Marsella (2021).

Participou na Bienal de Arte Contemporáneo Algo que Brilla na Fundación Sales, Vigo (2024); BASURA! na galería La Gran, Madrid (2024); Reliquias en O Abrigo, Pontevedra (2023); En la ciudad en ASH Projects, Vigo (2023); A casa no alto no Museo Man de Camelle, A coruña (2022); El arte es un conflicto na Galería Manolo Eirín, A coruña (2022); Materiais na Sala Profesor Manuel Moldes, Pontevedra (2022); Trabajos Fin de Máster en Domus Artium 2002, Salamanca

(2021); ”VAGINAL, el residuo de Vaginal Davis” en Galería Solaina, Lugo (2021); ”Círculos” en Galería Musart, Pontevedra (2020); ”Encuentro” Inmobiliarias encuentro, Madrid (2020).

Recibiu unha Mención de honra en Xuventude Crea, 2024 e participou no Encontro de Artistas Novos 2024 na Cidade da Cultura, Compostela (2024) e nas residencias artísticas Encontros Mariñán en A Coruña (2023.

Impartiu o taller Casas de Cartón no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (2023), un proxecto realizado pola Fundación Emaús.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2025 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo