RECORDOLETERLORINTOREL

Unha instalación realizada polo colectivo NEG (Nova Escultura Galega) con motivo do XXV aniversario do pasamento de Laxeiro.

Unha colaboración entre a Fundación Laxeiro e Vertixe Sonora

Título:                         Recordoleterlorintorel

Artistas:                     NEG.

Tipo de obra:            Instalación sonora

Comisariado:            Javier Pérez Buján

Inauguración:           venres, 23 de xullo de 2021, de 18 a 21h

Clausura:                   domingo, 19 de setembro de 2021

Lugar:                        Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo

Con motivo do XXV aniversario do pasamento de Laxeiro, o Colectivo NEG (Nova Escultura Galega) propón un achegamento á figura de Laxeiro a partir dun texto do autor, pronunciado en 1978 na Galería Torques de Santiago de Compostela. A proposta, en forma de instalación sonora, realizada expresamente para a Fundación Laxeiro, reivindica a faceta de Laxeiro máis irreverente e provocadora, unha actitude que definiu a súa relación co sistema da arte durante toda a súa traxectoria.

Con esta exposición, a Fundación Laxeiro quere conmemorar o XXV aniversario do pasamento de Laxeiro incidindo nunha das constantes da súa figura, como foi a defensa radical da súa independencia como artista e tamén, recordalo dunha forma que manteña viva a súa memoria, isto é, convidando a artistas do momento a reflexionar sobre a súa figura, retomando nesta ocasión, a relación da Fundación coa música contemporánea, materializada no Festival internacional que organizou durante sete anos. A colaboración con Vertixe Sonora, retoma este compromiso que, no futuro, se materializará noutros proxectos.

O título da exposición RECORDOLETERLORINTOREL fai alusión ao currículo que ideou Laxeiro para a súa exposición na Galería Torques de Santiago de Compostela no ano 1978, no que con palabras inventadas fai unha crítica sarcástica á configuración do sistema da arte.

O Colectivo NEG sérvese desta acción de Laxeiro para chamar a atención sobre a falta de sintonía, que con frecuencia se dá, entre o mundo da creación artística e o sistema no que se insire, unha circunstancia que semella non ter cambiado moito dende a época de Laxeiro ata a actualidade.

A partir desta idea, NEG propón unha instalación na que as palabras de Laxeiro se van superpoñendo ata conformar unha peza sonora indescifrable, como indescifrable é tamén o discurso orixinal.

A instalación está composta por unha galería de personaxes realizados con materiais cotiás e de refugallo, á maneira dos disfraces dos entroidos tradicionais galegos, presentes en numerosas obras de Laxeiro. Estes personaxes están dispostos nunha parte da sala, a modo de escena carnavalesca e esperpéntica, nunha penumbra soamente iluminada por luces estroboscopicas que se activan co son, consistente nunha progresiva superposición de voces que van reproducindo o discurso de Laxeiro, Recordoleterlorintorel, do que o proxecto toma o título.

O resultado sitúase nos límites da linguaxe escultórica, a instalación e a escenografía, conformando unha proposta coa que NEG formula unha recreación do universo laxeiriano dende unha actitude desacralizadora da arte, que ten os seus referentes na tradición conceptual, dende a que atopa un punto de conexión coa actitude provocadora de Laxeiro. NEG continúa así co seu traballo de reformulación dos materiais escultóricos, a ocupación do espazo e a proposición de retóricas que se sitúan nos límites da práctica artística, propoñendo un xogo entre o estatus da arte, a experiencia da contemplación e a recontextualización de obxectos cargados de referencias, neste caso, da obra de Laxeiro, con toda a carga cultural implícita, como membro da Vangarda histórica galega.

NEG (Nova Escultura Galega), fundado en 2018, é un colectivo formado por Misha Bies Golas (Lalín, 1977), Alejandra Pombo Su (Santiago de Compostela, 1979), Jorge Varela (Allariz, 1971) e Diego Vites (O Grove, 1986).

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2024 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo