RADIADOR. Nova figuración en Galicia

20.03.2012 – 25.06.2012

Artistas: Javier Aguilera, Bosco Caride, Elena Fernández Prada, Germán Pintos, Ignacio Pérez-Jofre, Jorge Perianes, Juan Rivas 
Comisario: Javier Pérez Buján 
Sala B. Fundación Laxeiro 
Inauguración: venres, 23 de marzo. 20.00h. 
do 23 de marzo ao 24 de xuño

Ver reportaxe na CRTVG

Ver vídeo da exposición

Javier Aguilera. Take it easy, Flash. 2008. técnica mixta. Medidas variables.

Javier Aguilera. Take it easy, Flash. 2008. técnica mixta. Medidas variables.

Introdución

 

Sería imposible intentar unha aproximación á figuración actual e, máis concretamente, á utilización de estratexias debedoras da tradición realista, sen ter en conta as aportacións de movementos e correntes como o surrealismo, a abstracción, o pop, a arte conceptual, o minimalismo ou o hiperrealismo; ademáis de medios como a fotografía, o cinema e o vídeo; disciplinas como a publicidade, o cómic e o deseño ou canles como a televisión e a rede.

Esta herdanza cultural mudou a nosa forma de observar a realidade e, como consecuencia, configura tamén novas formas de achegarse ao problema da representación que teñen en conta eses cambios, como os propios motivos representados – que agora son escollidos no mundo da produción e o deseño industrial e a paisaxe urbá – a descontextualización, a fragmentación ou a importancia da imaxe mediada, ben por procedementos fotográficos, ou ben por procedementos de reinterpretación e condensación de imaxes xa dadas.

Todos estes elementos confiren á figuración actual, unhas características diferenciadoras que teñen que ver coa propia actitude e intencionalidade dos artistas que a practican. Unha intencionalidade que se move entre dúas funcións: a descriptiva e a narrativa. Aínda que sería pouco preciso entender estas dúas funcións como polos absolutamente opostos, resultan operativas como ferramenta de análise para achegarnos ao panorama actual da arte figurativa desenvolvida a partir dos códigos da mímesis.

 

Articulación de relatos e construción de ficcións

Partindo desta clasificación, podemos detectar unha liña de traballo na que o elemento narrativo adquire un protagonismo definitorio, como neste caso acontece coaa obra de Javier Aguilera e Jorge Perianes, e, en menor medida, co traballo deElena Fernández e Juan Rivas. Todos eles utilizan o recurso da mímesis, para contarnos unha historia ou, mellor dito, para introducir elementos narrativos que trascinden a propia morfoloxía da obra e propoñen diferentes ficcións (por definición, todo relato é ficción) partindo de elementos visuais recoñecibles na nosa realidade visual.

Javier Aguilera utiliza os códigos dun minucioso realismo escultórico –moi na liña da obra de Ron Mueck, John de Andrea ou Patricia Piccinini, como suxestión de diversas narracións, reforzadas cos títulos que nos remiten ao mundo do rock, a cultura urbana e moi especialmente, a toda a tradición do cómic e o Manga xaponés, conseguindo un interesante equilibrio entre os dous polos que propoñemos neste proxecto.

Jorge Perianes constrúe un mundo fabulado a partir da intervención do espazo expositivo con elementos moi próximos á linguaxe da instalación que se mimetizan coa realidade e recrean situacións inquietantes, ás veces absurdas, que ficcionalizan o espazo e, ás veces, converten ao espectador en personaxe dos seus relatos, case sempre con claras connotacións surrealizantes.

Jorge Perianes. Sen título, 2008. Técnica mixta

Jorge Perianes. Sen título, 2008. Técnica mixta

A estratexia de Elena Fernández sitúase no terreo da representación literal do motivo, pero neste caso, alterando a composición mediante a condensación de elementos. Resultan así fermosas imaxes barroquizadas nas que o detalle minucioso convive co exceso de elementos do conxunto. Os motivos elixidos proveñen da tradición do debuxo científico naturalista do século XIX, conservando esa estétic inequívocamente decimonónica, coa que cuestiona a relatividade da mirada –neste caso, científica- e a subordinación desta á cultura de cada época histórica.

Elena Fernández. 50 insectos 2010. óleo sobre táboa. 50 x 50 cm.

Elena Fernández. 50 insectos 2010. óleo sobre táboa. 50 x 50 cm.

Elena Fernández introduce ademáis a cuestión da imaxe mediada, un recurso tamén empregado nas obras de Bosco CarideJuan Rivas, como veremos máis adiante, ao tratarse de composicións realizadas a partir da copia de outra copia, no caso de Elena, de debuxos naturalistas e no el caso de Bosco e Juan, a partir da fotografía.

A obra de Juan Rivas inscríbese noutro tipo de mirada, esta vez, a cinematográfica, unha mirada en movemento que el conxela nas súas paisaxes de estrada, nos que mostra esas contornas rururbanos, representativos do que se coñece como feísmo urbanístico, tratados

cunha luz moi cinematográfica que contribúe a ficcionalizar o que, en principio é unha reprodución dunha paisaxe realmente existente.

Juan Rivas. Dena. Óleo sobre lenzo. 100 x 60 cm.

Juan Rivas. Dena. Óleo sobre lenzo. 100 x 60 cm.

O seu é un realismo fotográfico, non porque persiga unha recreación óptica literal ao modo mecánico da fotografía, senón, porque a posta en escena, tamizada por esa luz tan característica das súas obras, e unha factura na que a pegada da man do pintor anúlase case por completo, confírenlle unha indubidable intención narrativa, a modo de fotografía documental na que o relato se articula mediante retrincos acoutados de realidade.

 

Descrición e interpretación

Seguindo esta dicotomía, no outro extremo, o descritivo, estaría a obra de Germán Pintos, quen presenta unha serie de pequenos cadros que rexistran a realidade visual tal e como se presenta ante os nosos ollos, en principio, sen máis intencionalidade que a de presentar ao espectador unha imaxe dun obxecto que para o artista ten un interese visual, respectando ademais o tamaño real do obxecto descrito.

Germán Pintos Smoking, 2012. Acuarela e lapis sobre papel. 14 x 22 cm.

Germán Pintos Smoking, 2012. Acuarela e lapis sobre papel. 14 x 22 cm.

Un interese que, neste caso, céntrase no pequeno obxecto de uso cotián, a tipografía e o deseño gráfico de motivos de orixe industrial e finalidade comercial, achegándose neste sentido á iconografía do pop.

 

A obra de Bosco Caride e Ignacio Pérez – Jofre situaríase nunha interesante fronteira entre estes dous polos. Bosco Caridepresenta unha paisaxe urbana sen figuras, rexistrada manualmente, mediante a proxección fotográfica e, por tanto, documentando unha realidade visual mediada tamén que, en maior ou menor medida, leva implícita certa intención narrativa polo suxestivo das imaxes, realizadas en branco e negro e con esa aparencia de escenario baleiro, característica do xénero paisaxístico que parece  propor o principio dunha historia ou, mellor dito, de tantas historias como á imaxinación de quen observa se lle antolle e, ao mesmo tempo, unha negación de todas elas, pola ausencia de elementos argumentais da cidade deshabitada que, nun bucle infinito, volve suxerirnos múltiples posibilidades de relato.

Na peza que presenta nesta exposición, un óleo sobre lenzo que reproduce un detalle anodino dunha cuneta con maleza vexetal e un aramado que reticula o ceo baleiro, Bosco Caride fixa a súa atención nunha porción da paisaxe que se escapa á fotoxenia do motivo tradicional deste xénero, provocando unha sensación de escena do crime na que a sordidez parece planear sobre a obra, á maneira da fotografía xornalística de páxina de sucesos e, con todo, non hai nada na imaxe que aluda de forma explícita a calquera suceso desa natureza.

No caso de Ignacio Pérez-Jofre, esta fronteira entre o narrativo e o descritivo, preséntase nunha tensión que ten que ver co proceso, desenvolvido – igual que ocorre coa obra de Germán Pintos– á maneira clásica da copia do natural e, por tanto, totalmente descritivo, pero que, a diferenza de Germán, devén tamén en narración, ao presentarnos o obxecto pintado, insiro nun fondo indefinido, un non lugar que provoca un extrañamento e impón unha presenza inquietante, polo recurso da descontextualización.

Ignacio Pérez-Jofre. Radiador, 2012. óleo sobre lenzo. 100 x 100 cm.

Ignacio Pérez-Jofre. Radiador, 2012. óleo sobre lenzo. 100 x 100 cm.

 

Ignacio Pérez-Jofre presenta ademais unha pequena peza escultórica, a titulada, Intemperie, consistente na reprodución exacta de cabichas, dispostas no chan da sala que, debido á súa factura totalmente realista, ao modo de autores como o norteamericano Duane Hanson, provocan un equívoco no espectador quen, ata que le a información técnica da peza, non sabe se se atopa ante un grupo de cabichas reais ou unha reprodución hiperrealista das mesmas. O título suxire tamén unha sorte de fabulación, un relato que nos fala da pegada, dunha presenza que xa non está e, por tanto, duns personaxes que se ausentaron da escena.

 

Pintura e escultura. Unha acotación metodolóxica

 

Como diciamos ao principio, este conxunto de artistas aborda unha actualización dos códigos da figuración, moi próximos ao realismo que, sen dúbida, atópase no centro do debate da creación do noso tempo. Unha actualización ademais, desenvolvida con técnicas que existiron na historia da arte desde sempre, como son a escultura e a pintura. Esta acotación en canto á técnica empregada, pretende potenciar o interese por centrarnos na vixencia da linguaxe realista e nos seus elementos de renovación, sen entrar en técnicas e soportes que naceron ás portas da contemporaneidade, como a fotografía, o cinema ou o vídeo, por tratarse de formas mecánicas de rexistro da imaxe que quizais desviarían a atención da análise proposta neste proxecto, ao obrigarnos a analizar tamén as connotacións dos novos soportes na tradición realista, máis aló das propias características lingüísticas e conceptuais que nos ocupan.

 

Non debemos por iso pensar que as influencias destes modos de expresión quedaron fóra deste proxecto, xa que é evidente que a mirada contemporánea está indisolublemente impregnada da fotografía e o audiovisual, como así se pode apreciar de forma moi evidente na maioría das obras selccionadas, como sucede, primeiro nun nivel técnico – a utilización da fotografía como parte do proceso- na obra de Bosco CarideElena Fernández ou Juan Rivas; pero tamén na forma de compor as imaxes de Ignacio Pérez-JofreBosco CarideGermán Pintos e Juan Rivas, en cuxos traballos é evidente unha mirada fotográfica ou cinematográfica, así como na retórica utilizada por Jorge Perianes

-do que habería que buscar tamén non poucas influencias literarias- ou Javier Aguilera, cuxas obras serían difíciles e entender sen a influencia do cinema, o vídeo ou a cibercultura.

 

Ciclo Panorama

 

Radiador é a primeira dunha serie de exposicións colectivas nas que, baixo o título xenérico de Panorama, a Fundación Laxeiro mostrará cada ano o traballo dun grupo de artistas galegos ou que desenvolven o seu traballo en Galicia, que coinciden en formulacións, técnicas ou procesos, conformando así un panorama da creación contemporánea na nosa Comunidade Autónoma.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo