Proxecto incendios. Miguel Mosquera

Título:                  Proxecto Incendios

Artista:                 Miguel Mosquera

Tipo de obra:      instalación

Inauguración:      venres, 14 de abril, 19h

Clausura:            domingo, 2 de xullo

Lugar:                  Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo

A Fundación Laxeiro presenta este proxecto de Miguel Mosquera (Ourense, 1953), no que se fai eco da vaga de incendios que asolaron o sur de Galicia en outubro de 2017. O artista chama á reflexión sobre esta problemática que parece definir un aspecto da relación da poboación co territorio.

En outubro de 2017, Galicia sufriu unha vaga de incendios sen precedentes. En apenas unhas horas, o lume espallouse por todo o sur de Galicia e cobrouse catro vítimas mortais, obrigando a evacuar pobos enteiros e barrios e parroquias do concello de Vigo, ademais de deixar unha paisaxe desolada difícil de esquecer.

O artista Miguel Mosquera (Ourense, 1953) faise eco daquel desgraciado suceso, e ofrécenos un proxecto expositivo no que, seguindo unha estratexia formalmente híbrida, entre a instalación, a poesía visual e o documento, constrúe unha crónica que, a partir dos datos obxectivos, apela á emoción para fixar o acontecido na nosa memoria colectiva.

Cunha ampla traxectoria que arranca a finais dos anos sesenta en forma de pintura e que vai evolucionando cara á ensamblaxe e a colaxe, nesta exposición, Mosquera proponos unha inmersión no acontecido, a partir do dominio lingüístico da ensamblaxe que agora expande, tanto fisicamente, ocupando as tres dimensións do espazo expositivo, como na maneira de materializar os contidos, combinando a obxectividade dos feitos, a xeito de cónica visual, coa subxectividade das implicacións emocionais que eses feitos transmiten e que posibilita o seu tratamento simbólico.

Con esta estratexia nos planos formal e argumental, Mosquera busca unha implicación do público, utilizando a linguaxe artística para facernos reflexionar sobre a problemática dos incendios forestais, infelizmente tan cotiá en Galicia e, cada vez máis ameazante, por diferentes causas ás que agora hai que sumar tamén a do cambio climático.

Subxace nesta proposta unha invitación á reflexión sobre a nosa relación co medio natural, mais tamén, sobre a relación co noso propio territorio como país e, como consecuencia, unha nada compracente chamada de atención, por unha banda, sobre a forma de construírnos como  pobo, a partir dun evidente desapego co territorio e, por outra, con respecto a unha actitude en constante contradición entre o medio rural e o medio urbano, este último, un feito que define tamén unha contradición endémica entre a nosa cultura tradicional e a nosa cultura contemporánea.

A exposición componse de tres elementos ben diferenciados:

  • Imaxes de mapas dalgúns dos territorios afectados, nos que se sobre imprimiron mensaxes obxectivas, referentes a datas, hectáreas e localizacións, e mensaxes poéticas, ou reflexivas, que expresan algunhas das ideas básicas que, para o artista, son causa ou efecto deste fenómeno, ademais de imaxes, ás veces sobre os mapas, de elementos definitorios dese territorio, como froitos ou follas de árbores, e outras veces, elementos definitorios da extinción de incendios, como siluetas de helicópteros, sinalización de lume, etc.
  •  Teas penduradas con impresións fotográficas de imaxes da paisaxe forestal despois de ser queimada.
  • Caixas de cartón, instaladas en mesas que, a modo de poema-obxecto, mais tamén de proba pericial, conteñen cinzas ou outras probas materiais do acontecido, envasadas ao baleiro e catalogadas co lugar e a data da recollida, acompañadas dun mapa de localización e un poema, asinado por alguén deste grupo de colaboradoras e colaboradores: Carlos da Aira, Benito Eladio Fernández Rodríguez, Fernando Ferro, Celia Parra, Adela Figueroa Panisse, Armando González López, Anxo Pastro, Alfonso Aydillo ou Juan Seoane.

A interacción destes tres elementos principais consegue artellar unha retórica que apela á concienciación do público, sen perder o seu interese artístico que, neste caso, o atopamos no xogo dos cambios de contexto dos obxectos testemuñais e dos documentos cartográficos, intervidos cunha linguaxe próxima á publicidade e tamén, á dimensión poética das caixas de cartón, nas que, unha vez abertas, asistimos a un despregue de sentimentos expresados coa palabra e o obxecto físico.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo