Premio Laxeiro 2025: Bea Rey

Beatriz, Rey Gómez-Gutián (A Coruña, 1939-2024), coñecida atísticamente como Bea Rey, tivo relación co mundo da cultura e da arte dende moi nova, polo vínculo do seu pai con Isaac Díaz Pardo e o proxecto Sargadelos. Debido a esta circunstancia, coñeceu, ademais de a Díaz Pardo, aos escritores Eduardo Blanco Amor e Rafael Dieste e aos pintores do Movemento Renovador Luís Seoane, Arturo Souto, Manuel Colmeiro e o mesmo Laxeiro, con quen afianzaría a súa amizade ao coincidiren en Madrid nos anos setenta. Esta relación cos renovadores da arte galega, provocou a súa entrada no grupo Estampa Popular Gallega, fundado por Reimundo Patiño e Vicente Vázquez Diéguez e promovido como un instrumento democratizador da cultura, cunha clara posición política antifranquista. O grupo centrouse na representación do pobo galego a través do traballo. Como reivindicaba unha arte para as clases populares, a produción de obra gráfica foi o seu sinal de identidade.

En 1975 formou parte do grupo Sisga, nun momento convulso  en España no que comezaban a xurdir grupos artísticos caracterizados por unha vocación de independencia e pola autoxestión. O grupo Sisga basea a súa existencia na idea de colaboración para a democratización e difusión da cultura e xa en 1989, entra a formar parte do grupo Puerta del Sol.

Fixo a súa primeira exposición individual en 1968 na madrileña Galería Quijote, onde Laxeiro expoñía naqueles anos. Realizou exposicións en Madrid, en diversas cidades españolas, en Uruguay (con Estampa Popular Gallega), e en países europeos como Alemaña, Francia e Finlandia

Estudou na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, onde se titula como profesora de debuxo en 1968. En 1966 foi bolseira da Residencia de Artistas en Segovia e realizou os cursos de mural na cátedra de Villaseñor.

Premios.

1981. Mención de honra do Certame Internacional de Puerto Príncipe (Málaga).

1982. Mención especial Premio Cidade da Coruña

1990. Premio Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña

Obra en Coleccións.

  • Afundación
  • Biblioteca Nacional
  • Deputación da Coruña
  • Museo de Arte Contemporánea de Granada
  • Museo Municipal de Cuenca.
  • Museo Municipal de Lugo

En 2019 inaugurouse o Museo Bea Rey en Sobrado dos Monxes. 

A obra

A narrativa da súa obra céntrase principalmente no ser humano, na súa faceta existencial e social, temáticas que, formalmente, aborda cunha linguaxe, ás veces figurativa, e ás veces abstracta, construída a partir de formulacións xeométricas cun cromatismo de cores vivas que definen a súa personalidade como pintora.

A irrupción do seu traballo no contexto galego e español, a finais dos anos sesenta e, sobre todo, durante os anos oitenta e noventa, significou unha apertura cara a linguaxes híbridas que contribuíu á renovación plástica nun momento histórico no que era necesario establecer referencias que marcaran camiños a seguir na evolución da pintura e da arte española e galega daquela época.

A Fundación Laxeiro recoñece co Premio Laxeiro 2025 o seu labor renovador e o seu compromiso coa arte e a cultura, dende unha clara sensibilidade social.

Outros Premios Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2025 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo