Premio Laxeiro 2020. Ledicia Costas

Ledicia Costas (Vigo, 1979) é licenciada en Dereito pola Universidade de Vigo. Empezou a escribir desde moi nova, sendo unha autora versátil que transita os máis diversos temas, estilos e xéneros. A súa primeira novela publicada foi Unha estrela no vento (Edicións Xerais 2000), libro que escribiu cando era unha adolescente e que actualmente vai pola décimo sétima edición.

Mentres cursaba os seus estudos de Dereito, gañou diversos premios literarios convocados pola universidade, tanto de relato como de poesía.

Nos últimos anos recibiu importantes recoñecementos, coma o Premio Merlín de literatura infantil, pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, o Ministerio de Cultura concedeulle o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015. Ademais, Escarlatina entrou a formar parte da prestixiosa Lista de Honra do Ibby no Congreso Internacional celebrado en Auckland, Nova Zelanda, en 2016.

Traducida a varias linguas, Escarlatina, a cociñeira defunta tivo unha gran acollida polo público infantil, vendendo máis de 20.000 exemplares en Galicia desde a súa publicación. Foi cualificada coma unha obra “extraordinaria, humorística e rompedora, que destaca pola súa sinxela lectura, humor escalofriante e con grande habilidade para desmitificar o tema da morte”.

Coa novela de aventuras Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta conseguiu o Premio Lazarillo de creación literaria do 2015, o Premio Fervenzas Literarias á mellor obra de literatura xuvenil do ano 2016 e o Premio ao mellor libro do ano na categoría Infantil e Xuvenil, na II Gala do Libro Galego.

O seu libro de relatos sobre a II Guerra Mundial Un animal chamado néboa, recibiu o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2016.

Coa novela A balada dos unicornios gaña o Premio Lazarillo 2017, converténdose na única autora galega en lograr en dúas ocasións este galardón.


Fonte: http://lediciacostas.com/es/sobre-min/

Outros Premios Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2021 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo