Nado en Vigo, en 1938, Jaime Garrido é arquitecto de profesión, cunha gran preocupación polas cuestións de recuperación e conservación patrimonial e a divulgación da riqueza arquitectónica de Galicia, ademais dunha gran sensibilidade con respecto á cultura e ás artes, non en van, en 1960 ingresou na Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, ademais de proseguir cos seus estudos de arquitectura, obtendo o título de Arquitecto Superior en 1966. É membro fundador dos Institutos de Estudos Vigueses e Tudenses.
Divulgador incansable, é autor de numerosos estudos, libros e investigacións que abarcan cuestións tan diferentes sobre o patrimonio arquitectónico galego, como o paleolítico achelense de Pontevedra, a arquitectura militar do sur de Galicia e Portugal, o Porto de Vigo, e publicacións tan valiosas para a recuperación da nosa memoria arquitectónica como Vigo, la ciudad que se perdió; Arquitectura da pedra en Vigo; El origen de Vigo, el monte del Castro y su castillo; Jenaro de la Fuente Domínguez, el gran artífice del ensanche vigués, etc. Ademais de, en colaboración con José M. Ramón Iglesias Veiga, Manuel Gómez Román, Mestre da Arquitectura galeguista; percorridos pola Arquitectura viguesa, entre outros.
É Premio á Investigación da Deputación de Pontevedra, nas edicións 1986, 1989 e 2008, por diversos traballos sobre as fortificacións fronteirizas do río Miño, a arquitectura desaparecida e non realizada de Vigo ou a orixe de Vigo e o monte do Castro. Tamén é Premio Irmáns Gómez Román de Urbanismo e Arquitectura, ademais de ter varios premios periodísticos e fotográficos.