Premio Laxeiro 2009: Antón Lamazares

O Laxeiro 2009 recaiu no pintor Antón Lamazares.

Antón Lamazares nace o 2 de xaneiro en 1954 en Maceira, aldea de Lalín (Pontevedra, España); o ámbito rural galego da súa infancia e adolescencia deixa unha fonda pegada no seu imaxinario e o seu proceso creador. Realiza gran parte dos seus estudos internado no convento franciscano de San Antonio de Herbón, entre 1963 e 1969; neses anos entrégase á lectura fervente de textos literarios, sobre todo dos clásicos grecolatinos. A fins dos sesenta comeza a escribir poesía e decide dedicarse á literatura.
Inicia unha amizade co escritor Álvaro Cunqueiro -ao que xa lía dende os nove anos-, e tamén cos pintores Laxeiro e Manuel Pesqueira, que se converterán nos seus primeiros referentes plásticos. A súa vocación creadora comeza a desprazarse cara á pintura, e opta pola formación autodidacta. Neste sentido será crucial a súa longa viaxe de 1972 por distintos países europeos para estudar directamente a pintura dos mestres que venera: Van Gogh, Paul KleeRembrandt e Joan Miró; entre os seus grandes referentes estarán, igualmente, Antoni TàpiesManuel MillaresAlberto Giacometti e Francis Bacon, así como a tradición medieval e a arte oceánica.
Ao seu regreso permanece en Barcelona, onde traballa como obreiro da construción, ao tempo que estuda nos seus centros de arte, en especial as coleccións de arte románica do Museo Marés e do Museo Nacional de Arte de Cataluña, e tamén o Museo Picasso. Despois viaxa a Madrid, onde se reencontra co seu mestre, Laxeiro, e onde coñece ao poeta Carlos Oroza: a grande amizade que dende entón comparten será decisiva para o novo artista, quen se entrega á lectura de César VallejoJuan Ramón Jiménez e Luis Cernuda, e tamén William Blake, HölderlinBaudelaireTrakl e Rilke. O intercambio entre pintura e poesía será unha constante en toda a súa obra.

 

En 1973, con só 19 anos, xa dá a coñecer os seus cadros en exposicións colectivas e individuais. En 1975 viaxa a París fuxindo do servizo militar; aos tres meses regresa para evitar ser declarado prófugo, e ingresa na Infantaría de Mariña, en Ferrol. O 27 de setembro dese ano arrepíao a noticia dos últimos fusilamentos do franquismo; un dos reos executados -tras un xuízo sumarísimo e sen probas- é o seu amigo Humberto Baena, poeta pontevedrés de 25 anos. Lamazares somérxese nunha fonda depresión e é internado na área de psiquiatría; durante ese tempo escribirá o seu poemario Adibal.
Entre 1976 e 1979 é subvencionado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Lalín, e despois polo Ministerio de Cultura. En 1978 traslada a súa residencia a Madrid, onde entaboa estreita amizade co pintor Alfonso Fraile, e tamén coa galerista Juana Mordó, o crítico de arte e poeta Santiago Amón, e tamén co neurólogo Alberto Portera, figura aglutinadora dun amplo grupo de pintores –Antonio López,  Antonio SauraLucio MuñozMartín ChirinoRafael Canogar, José Guerrero– escritores –Carlos BousoñoFrancisco Umbral– e cineastas –Carlos SauraElías Querejeta-, que se encontran os fins de semana no seu terreo de Mataborricos; alí Lamazares realiza unha exposición ao aire libre en 1979. Ese mesmo ano coñece persoalmente a Joan Miró, e viaxa pola Provenza para volver tomar contacto directo con Van GoghCézanne e Matisse.

 

Os anos oitenta son de intenso traballo e tamén de gran proxección: antes de cumprir trinta anos, a obra de Lamazares xa conquistou un espazo propio no panorama español e tamén no exterior. Utiliza materiais humildes, como o cartón e a madeira, onde proxecta figuras de alento lúdico e onírico, de liña expresionista, cun intenso cromatismo e unha poderosa orixinalidade. Expón a súa obra coa galería de Juana Mordó en Madrid, a de Elisabeth Franck en Bélxica e a Sala Gaspar de Barcelona. Pronto se traslada a Nova York, onde permanece dous anos cunha bolsa Fulbright, e a súa pintura evoluciona cara a unha concepción máis depurada e matérica, que expón na galería neoiorquina Bruno Fachetti. Comparte a súa residencia entre Nova York e Salamanca, e en 1988 viaxa por Asia Menor -para visitar o templo de Didima, como homenaxe ao Hiperión de Hölderlin– e Istanbul, onde lle impresionan vivamente as igrexas bizantinas, cuxa imaxinaría se deixa translucir nas obras que presenta na Galería Miguel Marcos, elaboradas por xustaposición de madeiras. Nestes anos expón a serie Xanelas e Sellos, e tamén Lerias, Letanías, Mámoas. En 1990 prepara unha nova serie de pinturas que chama bifrontes, concibidas para ser vistas por ambos os dous lados.

 

Instálase en París durante 1990 e 1991, cunha bolsa da Cité  deas Arts, e en 1991 abre un gran taller en Madrid, onde traballa nas series Gracias vagabundas e Desacougo de vagabundos. Realiza unha nova viaxe, esta vez a Berlín, onde lle imanta a pintura de Caspar David Friedrich. En 1993 coñece persoalmente a Antoni Tàpies, ao que entrevista con motivo de recibir o León de Ouro da Bienal de Venecia. Ese ano expón Brasas e baldío (augafortes e xilografías), e en 1994 a serie parisiense Verde y moreno. Convidado polo CGAC, de maio a novembro de 1996 permanece en Galicia e pinta a serie Gracias do lugar: Eidos de Rosalía, Eidos de Bama. En 1997 expón Sueño e colorao en Porto, e en Madrid unha antolóxica da súa obra de 1981 a 1983: Doce amor. De xuño a novembro de 1997, en Santa Baia de Matalobos (A Estrada), pinta ao aire libre Bés de Santa Baia. Ese ano co seu amigo Domingo Sánchez Blanco coñece ao escultor Jorge Oteiza, con quen mantén unha conversación de varias horas que filma a cineasta Chus Gutiérrez. En 1998 pinta en Madrid a serie Titania e Brao, homenaxe ao verán de Castela, e despois dedícase a Pol en Adelán, homenaxe a Galicia.

 

Realiza tamén tarefas de arte gráfico, como os gravados que acompañan cinco textos de Gustavo Martín Garzo no libro de artista El Canto de la Cabeza (Galería Sen, Madrid), ou as litografías que acompañan o Itinerarium de Egeria (Raiña Lupa, París). En 2001 realiza unha magna exposición na Estación Marítima Da coruña, baixo o título Un saco de pan duro, e presenta Sono da casa das vacas en Colonia. En 2002 expón en Galicia Alma en luns e Libro dos Jueces. A súa obra é seleccionada para a súa promoción internacional polo programa Arte Española para o Exterior do Ministerio de Asuntos Exteriores (SEACEX), xunto coa de artistas españois como Saura, Chirino, Hernández Pijuan, Millares, Serrano, Oteiza ou Tàpies. Lamazares viaxa a Florencia e Asís, para achegarse a algunhas pezas da arte renacentista e tamén ao universo de San Francisco, ao que dedica a súa serie Follente Bemil.

En 2004 traslada a súa residencia a Berlín, onde vive na actualidade. Tras a morte do seu pai, comeza a serie E fai frío non lume , e realiza grandes exposicións en Eslovenia, e tamén en Hungría -Museo (Igrexa) Kiscelli de Budapest-. Dedícase despois á serie Domus Omnia, e colabora cos seus gravados noutro libro de artista, con poemas de Carlos Oroza, Un sentimento ingrávido percorre o ambiente (con cinco litografías), publicado en París (Yves Riviére & Raiña Lupa).
En 2008 expón unha antoloxía da súa obra gráfica en Damasco (Sirya) e da súa pintura en Ammán (Xordania), onde o poeta xordano Taher Riyad lle dedica a súa serie Cantos de Lamazares. Ese mesmo ano expón Magna Domus Omnia na Galería Kai Hilgemann de Berlín. En 2009 expón a súa obra en Nova York, e tamén no Centro Cultural da Deputación de Ourense, no décimo aniversario da entidade. Participa así mesmo en exposicións itinerantes dedicadas ao poeta Vicente Aleixandre (España) e a Martin Luther King (Estados Unidos), e recibe o Premio Laxeiro pola súa traxectoria e proxección internacional.

 

Biografía por S. Millares extraída da páxina web do artista

Outros Premios Laxeiro

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo