PERSONAXES. Sete gravados orixinais de Laxeiro e un texto do escritor Eliseo Alonso

24.01.2001 – 18.02.2001
Edición de Raimundo Orozco

 

Personaxes son sete criaturas extraídas do particular mundo Laxeiriano, gnomos do Marquesado da Romea tan tenros como escatolóxicos, identidades dun mundo barroco, abigarrado e contradictorio, do rico trasmundo cheo de referencias máxicas, de fábulas sinxelas, dun mundo telúrico que sintetiza o misterio da Galicia popular e irreverente, coa fantasía de Cunqueiro e do esperpento Valleinclanesco.

A muller avespa que picaba na pita ós homes para que lles inchase a cabeza do pipí; ou a bolboreta que repartía flores a tódalas mozas que facían o amor cos labregos; ou Bautista, o anano que lle encantaba que o viran mexar. E así, ata completar os sete personaxes que forman esta carpeta. Unha escolma que nos fala do Laxeiro máis relaxado, máis íntimo e inmediato.

Esta carpeta con gravados feitos por Laxeiro no ano 94,  formaba parte dun proxecto máis ambicioso no que se pretendía facer un libro con personaxes de Laxeiro comentados por  diferentes escritores galegos. A morte do artista, no ano 96, obrigou a reconduci-lo proxecto ó formato que hoxe se presenta.

O texto do escritor galego Eliseo Alonso, amigo persoal de Laxeiro, falecido tamén, é unha emotiva  interpretación da súa pintura a partires do seu coñecemento persoal do artista de Lalín.

 

CARACTERÍSTICAS DA PEZA.

 

Os gravados foron realizados polo artista sobre planchas de zinc de 62 x 96 mm. coa técnica de barniz blando e estampados en negro a unha cor de fondo sobre papel super alfa de 250 grs. de 205 x 280 mm.

A estampación, deseño e confección da carpeta realizouse no Taller experimental de Gráfica de Vigo, polo gravador Raimundo Orozco.

Consta de:

–          Unha edición cen exemplares, numerada de 1/100 a 100/100

–          Quince probas de artista, numeradas de I/XV a XV/XV

–          Unha proba de taller,

–          Dúas probas de cor,

–          Unha proba de bon a tirer

–          Unha proba de estado

As planchas, unha vez rematada a estampación foron marcadas cunha cruz e asinada a edición ante notario.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2019 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo