Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa

Título Os monos de Laxeiro, obra humorística na prensa
Artista Laxeiro
Proxecto Javier Pérez Buján
Comisario Manuel Igrexas
Inauguración 22 de xuño, 2018. 19.00h
Clausura 16 de setembro, 2018
Lugar Fundación Laxeiro
c/Policarpo Sanz, nº 15, 3, Vigo tlf: 986-43 84 75 www.laxeiro.org

A Fundación Laxeiro presenta unha exposición na que, por primeira vez se poden ver todas as viñetas humorísticas que Laxeiro publicou na prensa, en concreto nos xornais El pueblo gallego e Faro de Vigo, nos anos 1928, 1929 e 1930. A exposición é un acontecemento cultural de primeira orde, xa que nunca antes se vira este interesante traballo de Laxeiro na súa totalidade. Co gallo da exposición, a editorial Laiovento, publica o libro homónimo, no que reproduce a totalidade das viñetas (corenta e nove) acompañadas ademais con textos asinados por Manuel Igrexas, Félix Caballero e Javier Pérez Buján.

O PROXECTO

Durante os anos vinte o humor gráfico galego vivía unha época dourada. Rara era a publicación periódica que non contara con colaboracións gráficas de corte humorístico nas súas páxinas de forma máis ou menos estable. Mesmo Castelao, a ponte entre o vello galeguismo e Os novos, publicou as súas viñetas, ademais de nomes como Torres, Maside ou Colmeiro. De feito, é posible que fora Manuel Colmeiro que animara a Laxeiro a presentar os seus traballos ao Faro de Vigo, despois de que este vira uns debuxos do de Lalín.

Este proxecto responde a unha necesidade de catalogar e mostrar ao público o traballo completo de Laxeiro como humorista gráfico na prensa, sumándose así a ese elenco de artistas renovadores que, en Galicia, cultivaba o humorismo gráfico.

Laxeiro tiña só vinte anos cando comezou a súa colaboración en Faro de Vigo e máis tarde en El pueblo gallego. Trátase por tanto, dunha obra temperá e, de seguro, do seu primeiro traballo profesional no eido artístico. Debido a que se trataba dunha obra reproducida nas dúas cabeceiras máis populares da Galicia da época, estas viñetas deparáronlle sen dúbida a Laxeiro certa notoriedade e supuxeron un bo comezo para un rapaz que ía ter moito que dicir no mundo da arte, ata converterse nun dos artistas máis relevantes da arte galega do século XX.

Se a unha idade tan temperá podemos falar xa dun estilo propio no debuxo de Laxeiro, este é un estilo que amosa unha clara herdanza da estética que outros autores cultivaban, influenciados pola arte xaponesa e todo o influxo oriental que movementos como o Modernismo trouxeron a Europa. En Galicia, a figura máis salientable é Castelao, quen fixo de auténtico nexo entre a vella garda do galeguismo histórico e esta nova xeración de artistas rebeldes que acabarían formando o grupo coñecido como Os novos, no que podemos atopar a Laxeiro, Maside, Seoane, Colmeiro, Souto, Díaz Pardo, Torres, Faílde e Fernández Mazas e que coincidían nos seus postulados e na súa idade, con escritores como Rafael Dieste, Eduardo Blanco Amor ou Francisco Fernández del Riego.

Nestas viñetas podemos distinguir tres estilos ben definidos, un primeiro moi sintético e sen fondos nin sombreados; un segundo grupo, o máis numeroso, nos que sen abandonar a liña clara e sintética, engade un fondo que mediante a técnica do raiado, contextualiza a escena no espazo, ás veces con gran detalle, utilizando o fondo da escena como parte da situación que se detalla no texto. Hai unha terceira tipoloxía na que o trazo se afasta da síntese para achegarse a unha factura máis expresionista, na que podemos atopar paralelismos con debuxos posteriores de Luís Seoane, ou de debuxantes xermanos como George Grosz. Noutros casos, achégase a fórmulas máis realistas, traballando os volumes por medio do sombreado do motivo.

O tratamento formal fálanos dun artista totalmente comprometido coas novas correntes estéticas que percorrían Europa, postulándose xa, tan mozo, ao carón da renovación que logo desenvolvería na súa pintura. É significativo ademais, como esta primeira incursión profesional, lévase a cabo a través dunha canle totalmente definitoria desa modernidade, como foi o soporte elixido, a prensa diaria da época, da que a reprodución e a difusión popular e indiscriminada, son características intrínsecas.

A relevancia deste proxecto responde a tres ideas principais, a recompilación da totalidade do traballo humorístico de Laxeiro, a súa contextualización dentro do momento cultural e histórico e tamén a non menos importante recollida dos diálogos dos personaxes que, no seu conxunto, conforman un decálogo da nosa cultura popular da época, contada por un artista que, malia súa mocidade, xa era quen de captar as peculiaridades dunha Galicia que se debatía entre a tradición e a entrada na modernidade.

POR QUE A DENOMINACIÓN DE MONOS?

A denominación de monos ten a súa orixe no século XIX e principios do século XX, época na que se designaban con este termo as ilustracións de debuxos que acompañaban un texto e, por extensión, ás viñetas humorísticas, chegando a publicarse en Madrid, en 1904, o semanario de viñetas humorísticas e de pasatempos, con ese nome, editado polo xornal El liberal . Non está claro se a orixe do termo alude á semellanza das personaxes co animal e a certa identificación cos monicreques, ou a unha abreviatura coloquial do termo monotipo, propio do mundo da reprodución mecánica da imaxe.

A EXPOSICIÓN

A exposición, comisariada polo profesor Manuel Igrexas, quen xa fixera investigacións sobre o humor gráfico de Laxeiro, componse de corenta e nove reproducións fotográficas, realizadas case ao tamaño orixinal das viñetas e respectando a cor de fondo tan recoñecible do papel de periódico. Cada viñeta vai enmarcada de forma individual e, tanto os textos dos diálogos, como a referencia do medio e día de publicación, van impresas, dentro de cada cadro, respectando as formas idiomáticas do orixinal e, por tanto, sen adaptar ao galego normativo de hoxe.

Debido a que os debuxos orixinais están perdidos, optouse por facer reproducións fotográficas, tomadas directamente das páxinas dos periódicos, grazas á colaboración de Faro de Vigo e do Arquivo Municipal de Vigo, que nos posibilitaron acceder á documentación orixinal para poder así reproducir cada viñeta do xeito máis fiel posible. Unha vez realizadas as fotografías, resultou de capital importancia a colaboración de Lab_in arte múltiple na busca da forma de impresión e do papel máis axeitados.

O resultado é unha colección de corenta e nove cadros, todos do mesmo tamaño, a través dos que o público se pode achegar a esas viñetas imaxinando o seu aspecto orixinal cando foron publicadas na prensa hai xa noventa anos e percorrendo a evolución, tanto formal, como nos contidos do, entón, artista debutante, José Otero Abeledo, Laxeiro.

A PUBLICACIÓN

Un traballo destas características precisaba dunha iniciativa editorial que o documentara para o futuro e que ademais, puidera ofrecer unha análise para entendelo dunha forma contrastada.

A Editorial Laiovento sumouse con entusiasmo á proposta da Fundación Laxeiro de publicar un libro que reproduce e cataloga a totalidade das viñetas e se completa con tres textos que abordan diferentes aspectos destes primeiros traballos de Laxeiro, tres textos asinados por Javier Pérez Buján, Director artístico da Fundación Laxeiro, Manuel Igrexas, comisario da exposición e Félix Caballero, xornalista experto no humor gráfico galego.

Estes tres autores abordan e comentan o traballo de Laxeiro como humorista gráfico, dende tres perspectivas diferentes, como son a circunstancia persoal e biográfica; o aspecto estilístico e antropolóxico e, por último, a contextualización no panorama do humorismo gráfico da época.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo