Título: O que hai, obxecto, materia e o cotián nos tempos da precariedade
Comisariado: Alberto Santos
Artistas: Alberto Ardid, Julio Catalán, Mar Ramón, Estéfana Román
Tipo de obra: escultura, instalación, mix media
Inauguración: mércores, 25 de outubro, 2023
Clausura: domingo, 11 de febreiro, 2024
Lugar: Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo
Produce: Fundación Laxeiro – Universidade de Vigo
A Fundación Laxeiro presenta o primeiro proxecto realizado no marco do acordo de colaboración asinado coa Universidade de Vigo, que posibilitará un proxecto expositivo anual, realizado por artistas e comisarios/as vencellados á Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
O acordo normaliza unha práctica habitual entre as dúas institucións, que posibilitou a realización de diversos proxectos expositivos como Identidades feridas (2001); Facer e deixar de facer (2007); Os pasos perdidos (2010); Materialización (2011) e as xornadas A arte ten xénero? (2013); Arte en acción (2014); A arte do sexo, sexualidade, creación e xénero (2017), ademais da colaboración en charlas, participación en xurados e outras iniciativas puntuais.
Alberto Santos, o comisario da exposición, conta que a partir da crise económica de 2008, o alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra viuse mergullado nun contexto que facía pouco máis que imposible desenvolver unha traxectoria con certa dignidade a toda unha xeración de artistas.
Os dourados anos noventa e os primeiros dous mil, caracterizados por un apoio institucional á arte contemporánea sen precedentes, chegaban ao seu fin e comezaba un período de precariedade que aínda perdura.
Parte do alumnado de Belas Artes tomou conciencia desa situación e decatouse de que se podía traballar dende a utilización de materiais humildes, en moitos casos de refugallo para, dende aí, construír unha obra que falara das precarias condicións de produción, mais tamén da falta de sentido da utilización de materiais novos nun contexto de profunda crise, non só económica, senón tamén ambiental. Xurdía así unha crítica ás sociedades de consumo e á produción infinita, nun planeta con recursos limitados.
Deste xeito, o que quizais comezou como unha necesidade de subsistencia desta nova xeración de artistas, evolucionou cara a unha toma de conciencia de cara ás contradicións socioeconómicas do mundo actual, e adoptaron poéticas que nacen dunha mesma actitude e que, tanto na súa materialidade como na súa concepción formal, apelan a unha posición ética con respecto ás consecuencias do concepto mesmo de produción.
A EXPOSICIÓN
Alberto Ardid (Vigo, 1986), Julio Catalán (Lugo, 1995), Mar Ramón (Valencia, 1993) e Estéfana Román (Vigo, 2000) mostran traballos nos que os obxectos ocupan o espazo expositivo, principalmente en forma de instalación e de escultura, mediante estratexias de cambio de contexto e reutilización, para propoñer outras miradas, críticas e con certa ironía, dende as que artellar novas formas de acometer a creación artística.
A dialéctica de creación – destrución – recuperación é quizais o elemento unificador de toda a exposición, dende a serie Líneas temporales de Mar Ramón que, en palabras da artista, conforma un diario obxectual de pequenos momentos cotiáns, os diversos materiais atopados de Julio Catalán, cos que re sitúa a relación co territorio, a reflexión sobre os elementos expositivos de Alberto Ardid ou as estrañas pezas introspectivas de Estéfana Román, o conxunto da exposición lévanos a terreos que se sitúan na periferia do que dende os canons tradicionais se entende como obra de arte.
O que hai reflexiona sobre a práctica artística no momento actual e propón unha superación dos procesos e das categorías convencionais, situándose nunha hibridación de linguaxes, técnicas e procesos que amplía a idea de creación, partindo dunha intencionada economía de medios.
Esta economía é levada tamén á formulación da montaxe que prescinde de elementos propios da museografía – ou nalgún caso intégraos como parte da obra- nun exercicio de ocupación do espazo sen solución de continuidade e tamén de posta en cuestión das retóricas expositivas tradicionais.
Mediante estes recursos de mínimos, a idea de instalación toma o lugar para ofrecer unha lectura na que a individualidade de cada peza queda ao servizo da lectura da exposición no seu conxunto e parece cuestionar outra das categorías convencionais da arte, como é a idea de autoría.