O DIFUSO E O CONCRETO Unha aproximación á abstracción na obra de Laxeiro

FICHA TÉCNICA

O difuso e o concreto. Unha aproximación á abstracción na obra de Laxeiro

Artista                José Otero Abeledo, Laxeiro. (1908-1996)

Tipo de obra     Pintura, debuxo e obra gráfica

Comisariado    Javier Pérez Buján

Lugar                 Fundación Laxeiro, sala B

Inauguración    14 de outubro de 2026

Clausura           6 de decembro de 2026

Baixo o título O difuso e o concreto. Unha aproximación á abstracción na obra de Laxeiro, a Fundación Laxeiro reúne un conxunto de pinturas, debuxos e algún gravado cos que se mostra unha panorámica das liñas de traballo nas que Laxeiro utilizou recursos expresivos propios da abstracción, tan decisiva na evolución da pintura do século XX que, sen embargo, tan pouco eco atopou nos artistas da Vangarda histórica galega.

Eugenio Granell, Maruja Mallo, Luís Seoane e Laxeiro foron autores que, dun xeito ou doutro, se achegaron aos códigos da abstracción, mais ningún deles cun obxectivo programático de militancia estética, senón, como unha deriva natural da procura na súa evolución individual.

No caso de Granell, máis que de abstracción, quizais deberiamos falar dunha figuración alternativa, coa que o pintor foi avanzando na construción do seu universo plenamente inserido no Surrealismo; ámbito no que tamén desenvolveu o seu traballo Maruja Mallo, que cultivou a abstracción como un método de investigación para entender a xeometría interna das cousas e aplicar este coñecemento á organización espacial da súa pintura.

Non podemos deixar de citar a Manuel Colmeiro quen, nos anos trinta, fixo unha brevísima incursión na abstracción, neste caso, como proxecto programático que, sen embargo abandonaría moi pronto, porque lle pareceu un camiño moi distante do mundo humano que el quería plasmar, tanto por razóns afectivas, como ideolóxicas.

Nos casos de Seoane e Laxeiro, esta evolución é consecuencia dun proceso de esquematización expresiva e formal que chega a resultados ben diferentes, como diferentes foron tamén as súas respectivas metodoloxías; en Seoane, de natureza principalmente analítica e en Laxeiro, de natureza principalmente intuitiva e seguramente orixinada na propia acción de pintar.

Esta evolución coincide coas ideas expresadas por Rafael Dieste en 1926[1] nas que o escritor rianxeiro introducía a cuestión da abstracción en relación co aforismo «en pintura, o tema é un pretexto»[2], unha afirmación coa que admitiu o seu acordo, como entusiasta defensor das vangardas e a necesidade de “limpar” a pintura de cuestións alleas. Mais, coa madurez, Dieste admite dubidar da palabra “pretexto”, argumentando que o tema é necesario para a pintura cando é tratado como un tema pictórico.

Para o escritor rianxeiro, a defensa da abstracción radical e o rexeitamento de calquera forma de figuración é consecuencia da confusión entre o “tema xeral” e o “tema pictórico”. Dieste non se opón á abstracción pura, o que el chama «pintura directa, harmoniosa combinación de valores abstractos, exenta de intención representativa» malia que lle parece unha postura moi limitadora defender que só ela é digna de chamarse pintura e, pola contra, afirma que os atributos das cousas teñen a posibilidade de ser tratados utilizando nocións abstractas de peso, magnitude, proporción, luz, etc. e, por tanto, como parte das cuestións a resolver pola pintura. Máis alá do debate entre abstracción e figuración, Dieste parece introducir cuestións de índole semántica ou mesmo semiótica, cando utiliza o exemplo da representación dunha mazá, afirmando que a mazá como tema, non será un pretexto se é tratada como problema pictórico. Laxeiro coincide con el nesta cuestión, utilizando tamén o exemplo da mazá, cando afirma que «unha mazá pintada sobre unha tea, se é que a pintou un bo pintor, será un cadro e non unha mazá»[3]. No fondo, ambos autores están a falar de cuestións semánticas moi preto do famoso «Ceci n’est pas une pipe» [isto non é unha pipa], pertencente á serie de cadros de René Magritte, titulada La Trahison

des images [A traizón das imaxes], realizada entre 1928 e 1929, posteriormente á afirmación de Dieste, na que o pintor belga representaba unha pipa xunto a esa frase, introducindo a cuestión da representación da realidade e, en última instancia, a cuestión da pintura entendida como linguaxe.

Podemos dicir que a abstracción na pintura de Laxeiro evoluciona, polo menos, a través de catro camiños diferentes que é o que esta exposición pretende mostrar.

Existen uns pequenos debuxos, realizados en folla de libreta de espiral, de apenas 17 x 12 cm. nas que Laxeiro plasma unhas imaxes abstractas con volume que, máis que bosquexos de debuxos abstractos, semellan ser debuxos figurativos de esculturas abstractas, seguindo a idea do que afirmabamos sobre a abstracción na obra de Eugenio Granell.

Estes debuxos en branco e negro, feitos unhas veces con lapis, outras con tinta negra e outras con carbón, parecen estudos figurativos de obxectos inexistentes, que moi ben poderían pertencer á construción dun mundo surrealista, coas súas propias leis visuais e físicas. Na exposición inclúense catro destes enigmáticos debuxos, realizados en 1950, un ano antes da súa partida a Bos Aires e, por tanto, nun contexto plenamente galego, malia que o pintor xa expuxera en Madrid, na sala Estilo, en 1946, unha mostra que foi clasificada nalgún xornal como a mellor exposición da tempada. Tamén expuxera na sala Estvdio de Bilbao, segundo algunhas fontes, en 1947 e, segundo outras, 1950. A sala Estvdio foi un espazo expositivo moi dinámico e comprometido coas novas tendencias da arte en España, entre as que se atopaban liñas de clara vocación “abstraccionista” como a obra de Pablo Palazuelo, e tamén o zaragozano grupo Pórtico.

Podemos rastrexar a evolución desta primeira conexión coa abstracción noutras obras, tamén sobre papel, pero de maior tamaño, datadas xa nos primeiros anos oitenta, nunha continuidade temporal, como vemos, moi dilatada que deixa constancia da importancia desta liña de traballo, a medio camiño entre a abstracción e o surrealismo, no pensamento de Laxeiro; unha liña de traballo na que unhas veces recrea volumes redondeados, produto do que poderiamos chamar un proceso de síntese orgánica e outras veces, esa síntese achégase a solucións máis próximas á xeometría. 

Esta tendencia xeométrica persiste no tempo, durante toda a súa traxectoria, malia que con variacións significativas que teñen que ver cos intereses narrativos e plásticos do pintor en cada etapa da súa dilatada carreira. Malia que sempre falamos de Laxeiro como o pintor da sensualidade da liña curva, é evidente o interese do artista polas aportacións do cubismo e doutras escolas da pintura xeométrica déixase ver, tanto en obras figurativas – pensemos no espléndido Vella caixa de música, do Concello de Vigo – como en obras máis próximas á abstracción, como as incluídas nesta exposición, datadas na segunda metade dos anos sesenta. Trátase de pinturas de cores planas e xeometrías debedoras do Poscubismo que Laxeiro leva á súa linguaxe, sempre tan recoñecible.

Retrato, 1967, do Concello de Lalín ou Sen título, de 1965, dunha colección particular de Vigo, son un bo exemplo da maneira que Laxeiro ten de asimilar distintos códigos cos que sempre acaba facendo obras tremendamente recoñecibles, ata chegar aos anos oitenta e plasmar, xa en obras de perspectiva bidimensional, sen profundidade de campo, imaxes puramente abstractas que sintetizan elementos compositivos a partir desa lei de máximo contacto que Laxeiro parece coller da tradición do Románico e levar ata as súas composicións máis contemporáneas e cosmopolitas.

Noutros casos, esas xeometrías organízanse de maneira xenerativa, mudando en rizomas, sen principio nin fin, cos que Laxeiro volve ao mundo orgánico da curva infinita, como alegoría da súa natureza fabuladora e narrativa. A abstracción nestas obras é xa labirinto, fío condutor dunha historia que o pintor narra con liñas e cores planas, ao xeito de conto sen principio nin final, en bucle sen formulación, nó nin desenlace.

Nesta liña estilística é fácil apreciar o recordo do seu traballo como proxectista de vidreiras na Casa Ballesteros, nos anos da súa adolescencia na Habana. As liñas de contorno, sempre negras, parecen unha reminiscencia do chumbo utilizado para a fixación dos fragmentos de vidro, frecuentemente de cores vivas e planas, as veces irregulares e ás veces ordenadas en rectángulos, ao modo da narrativa da banda deseñada.

Pero Laxeiro segue abrindo camiños e o grande debuxante que foi dende a súa mocidade, cando debuxaba todo o que vía como barbeiro ambulante, é quen de pintar sen debuxo, sen liña organizadora da superficie pictórica, sen o debuxo do que el mesmo afirmou que era ao cadro o que o pentagrama á partitura.

Ese gran debuxante ten tan interiorizada a composición que, ás veces, non precisa da liña para compoñer de maneira certeira as súas creacións e aquí nace o pintor da mancha, a abstracción matérica e cromática que nos conecta co Informalismo europeo e co Expresionismo abstracto americano. Outra vez Laxeiro se reinventa e produce obras novas que identificamos como inconfundiblemente súas.

O difuso e o concreto. Unha aproximación á abstracción na obra de Laxeiro convértese nunha pequena exposición que ao longo de trinta e unha obras que percorren a segunda metade so século XX, ilustra esa sensibilidade laxeiriana que cataliza cada época que lle tocou vivir, esta vez, na faceta menos fabuladora, que se afasta da figuración para seguir ampliando a capacidade creativa dun pintor irrepetible en renovación continua.


[1] Dieste, R. (1926, 14, 15, 18 de xuño). A un pintor novo. E a todos os aprendices do mirar. En: Dieste, R.  Pérez, Mª. A. (ed.); Textos de crítica de arte. Rafael Dieste. Vigo: Promocións Culturais Galegas S.A. 1995.

[2] Esta frase ten a súa orixe no escritor Émile Zola, referíndose ao pintor Edouard Manet e outros pintores afíns, precursores do Impresionismo.

[3] Otero Abeledo, J. Charla sobre pintura. En: Otero Abeledo, J. Pérez Buján, J. (Ed.), Laxeiro, os escritos de Don Ramiro. Vigo: Fundación Laxeiro, 2011.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2026 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo