NOITE BRANCA, 2025

A Fundación Laxeiro súmase ao programa Noite branca, promovido pola Concellería de Cultura do Concello de Vigo, unha convocatoria que, dende 2013, contribúea á dinamización da Rede de Museos Municipais, coa ampliación dos horarios de visita e a organización de actividades específicas, constituíndo no seu conxunto, unha oferta cultural variada e transversal que celebra a cultura como actividade de encontro cidadá no espazo público, para o que se amplían os horarios dos museos ata a 01.00h da madrugada do sábado ao domingo.

Con este motivo, a Fundación Laxeiro propón dúas actividades complementarias nas dúas exposicións que actualmente ten programadas, como son a exposición temporal titulada Litografías. Club de la Estampa de Buenos Aires, 1968; e a Colección permanente, formada por 68 obras de Laxeiro, segundo o seguinte programa:

21.00h. VISITA COMENTADA Á EXPOSICIÓN

LITOGRAFÍAS. CLUB DE LA ESTAMPA DE BUENOS AIRES, 1968

O director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, explicará o proxecto expositivo que mostra 24 litografías e un texto sobre o gravado, que compoñen a carpeta titulada Litografías que, en 1968 reuniu a 23 artistas arxentinos e os galegos Laxeiro e Luís Seoane, nun proxecto editorial dirixido polo artista arxentino, descendente de galegos, Albino Fernández. Pérez Buján falará do interese da mostra para coñecer o contexto creativo no que se movía Laxeiro en Bos Aires a finais da década dos anos sesenta, unha época na que o pintor gozaba de pleno recoñecemento e a súa carreira estaba xa afianzada de forma sólida.

23.30h. RUÍDO NO MUSEO.

CONCERTO DE NICOLÁS PASTORIZA NA COLECCIÓN PERMANENTE

As obras de Laxeiro que compoñen a Colección permanente serán interpeladas polo músico vigués Nicolás Pastoriza (Bromea o qué?; La marabunta; Ectoplasma, El Buzo) nunha sesión de ruído psicodélico en directo, coa súa guitarra eléctrica e unha chea de pedais de efectos cos que irá construíndo unha atmosfera ruidista entre a psicodelia británica de finais dos anos sesenta e o noise de finais dos oitenta e principios dos anos noventa. Na mellor tradición do do it yourself, nos últimos anos, Pastoriza leva traballando en solitario, con ilustres colaboradores (Rubén Abad, Xavier Bértolo, Manu Ares Mig Seoane…) na procura dunha música que, partindo das clásicas melodías do pop británico (The Kinks, Small Faces…) se dirixe cara a propostas oníricas (Creation, Syd Barret…) conseguindo unha conxunción entre melodía e ruído envolvente (Jesus & Mary Chain, My bloody Valentine..) coa súa particular factura de amor polo cotiá, como el mesmo di, entre o paranormal e o municipal).

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2025 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo