Noite branca 2026

Como todos os anos, a Fundación Laxeiro sumouse á Noite branca dos museos, unha iniciativa municipal na que a rede de museos da cidade amplía os seus horarios e ofrece actividades para todos os públicos.

Nesta edición poidemos gozar da actuación de Roxana Mouriño, compositora, cantante e guitarrista, que nos ofreceu un delicioso concerto de guitarra , dentro das salas que albergan a Colección permanente de Laxeiro; nun diálogo entre a cultura atlántica de Galicia, tan característica da obra de Laxeiro, e a cultura mediterránea da guitarra flamenca que Roxana interpretou con mestría.

Roxana Mouriño é unha interprete e compositora galega, nacida en Bos Aires e criada en Vigo, filla da emigración galega. O seu proxecto musical constrúese dende o cruce de territorios, linguas e memorias. A súa sólida formación musical e a súa sensibilidade, construída en contextos culturalmente diversos, dotan a esta artista dunha versatilidade fóra do común, que a fai interesarse pola música popular e tamén a música culta. Unha das súas facetas artísticas é a interpretación de guitarra flamenca. A súa traxectoria neste ámbito valeulle o recoñecemento do Premio SGAE Paco de Lucía, onde quedou finalista.

Ademais desta fantástica actuación, que se realizou en dous pases: 20.30h e 21.15h, máis tarde, xa contra as 23h, o director artístico da Fundación Laxeiro ofreceeu unha visita comentada á recentemente inaugurada exposición temporal titulada Laxeiro, as viñetas que nunca foron ao prelo, unha exquisita escolma de tan só seis obras inéditas sobre papel, datadas entre 1926 e 1930.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2026 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo