NOITE BRANCA NA FUNDACIÓN LAXEIRO. Venres, 8 de agosto

A Fundación Laxeiro participa na Noite branca dos museos municipais. Unha iniciativa promovida pola Concellería de Cultura que, por segundo ano consecutivo, se celebrará na noite do venres, 8 de agosto.

O programa da Fundación Laxeiro para esta edición consta dunha visita guiada á Colección permanente, formada por 64 obras de tódalas épocas de Laxeiro, levada a cabo en colaboración coa Oficina Municipal de Voluntariado e a actuación de NARF, un artista moi vinculado a Fausto Isorna, quen mostra as súas colaxes na Fundación Laxeiro ata o vindeiro 28 de setembro. Esta actuación é posible grazas á colaboración da concellería de cultura do concello de Vigo.

O horario será como segue:

 

  • 21.00h. Sala B. Actuación deNARF dentro da exposición O ceo das ilusións e outras colaxes de Fausto Isorna.

 

  • 24.00h. Sala A. Visita guiada á Colección permanente da Fundación Laxeiro.

 

  • 01.00h. Sala B. Actuación deNARF dentro da exposición O ceo das ilusións e outras colaxes de Fausto Isorna.

 

Fran Pérez NARF, compositor e cantor de longo recorrido, parte do cal está ligado ao entorno do mundo Lusófono. Gústalle definirse como “cancionista” e a súa obra caracterízase pola forte personalidade e a busca constante de orixinalidade. Editou catro discos como NARF, ” Nas tardes escuras” (El patito editorial, 2013), con poemas de Rosalía de Castro , “Aló irmao” (Falcatruada, 2010) con Manecas Costa, “Tótem” (Falcatruada 2007) e “Directo en Compostela” (Changüí, 2003).

En solitario, a dúo, en trío ou con banda, presentou a súa música en festivais internacionais como o Mercado Cultural de Salvador de Bahía, Cambio Sonoro (Recife), Antídoto (Sao Paulo), varias edicións do Festival d’Agosto (Maputo), Festival de Mindelo, ou Cantos na Maré (Pontevedra). Tamén noutros ámbitos como Bafim (Bos Aires), London City Festival (Londres), Feira do Libro (La Habana) ou Liet Lavlut (Östersund), onde acadou o segundo posto no concurso da canción en Linguas Minorizadas Europeas. Levou tamén a súa música a escenarios de Bissau, Varsovia, Nova Delhi, Katmandú, Brighton, Barcelona, Cracovia ou Newcastle. Sempre na procura de novas fórmulas artísticas impulsou experiencias de creación, intercambio e coprodución, como os proxecto «BUMBA» ou ” Da Zigala a Zemambiquo” cos mozambicanos «Timbila Muzimba», ou o mencionado CD DVD «Aló irmao», co guineano Manecas Costa, acadando o nº 1 das listas radiofónicas da RDP AFRICA coa canción que da nome ao proxecto. Ademais, dende hai case dúas décadas, é asiduo colaborador do grupo Trigo Limpo teatro ACERT (Tondela, Portugal) para quen creou numerosas bandas sonoras de espectáculos teatrais . Entre elas destacan as composicións para as EXPOS de Lisboa, Hannover e Zaragoza, así como as 14 últimas edicións do espectáculo anual  “A Queima do Judas”.En decembro de 2013 foi galardoado nos primeiros Premios Galegos da Música Martín Códax, como o mellor artista galego na categoría de Rock/Blues/Funk/Soul. www.franpereznarf.com

Colección permanente. Formada por un total de 64 obras de tódalas épocas que o artista doara ao concello de Vigo, a Colección permanente é a exposición máis completa que se atopa aberta todo o ano. Percorrer as 64 obras que a forman, supón unha viaxe a través da traxectoria de Laxeiro e tamén, unha viaxe a través da pintura do século XX. Nela podemos atopar pezas representativas das súas tres épocas e abranguen un período temporal que vai dende 1930 a 1980.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo