No chan, Ignacio Pérez-Jofre

Título:             No chan

Artista:           Ignacio Pérez-Jofre

Tipo de obra: Pintura sobre papel

Comisariado: Javier Pérez Buján

19 de febreiro de 2021 a 2 de maio de 2021 (prorrogada ata o 13 de xuño)

Lugar:            Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo

O artista Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965) presenta a exposición individual titulada No chan, formada por obras sobre papel, realizadas nas rúas de Vigo coa técnica de frottage, mediante a que transfire ao soporte as terras do lugar, que actúan como pigmento que rexistra as tramas dos diferentes deseños das beirarrúas da cidade de Vigo.

O proxecto é un dos resultados da investigación que o artista leva desenvolvendo durante os últimos anos, na que a obra se constrúe a partir dos percorridos urbanos e que, neste caso, adoitan o recurso da pegada como proceso de construción da obra.

O PROXECTO

No chanretoma o interese de Pérez-Jofre polos procesos pictóricos xerados mediante técnicas de rexistro e transferencia da imaxe que foran xa tema da súa tese doutoral.

O proxecto é consecuencia do método do percorrido urbano, adoitado polo artista na súa chegada a Vigo a finais dos anos noventa, cando comezou a percorrer unha cidade nova para el e a rexistrar múltiples fotografías en longuísimos paseos. Esta experiencia levouno a interesarse polo concepto de deriva que o pensador francés Guy Debord (1931-1994) e os seus compañeiros do movemento situacionista adoitaron a finais dos anos cincuenta, como procedemento de achegamento á paisaxe -principalmente urbana- xerador de percepcións subxectivas do territorio, opostas á idea tradicional da cartografía e alternativas á noción de viaxe ou paseo que implican unha finalidade concreta.

Este método de traballo deu os seus primeiros froitos en forma de obra audiovisual que Pérez-Jofre mostrou baixo o título Música de garaje no Museo da Universidade de Alacante, en 1999. Seguiron traballos de pintura acrílica sobre lenzo, adoitando unha figuración de estética pop, realizada a partir de proxeccións de imaxes fotográficas, como a serie Sonámbulos (Galería Bacelos, Vigo, 2002), composta por unha obra de paisaxe urbana con figuras, realizada en soportes de formas xeométricas irregulares; Seguiron os proxectos Collage (Centro Cultural da Deputación de Ourense, 2003); El cielo sobre Vigo (Galería Bacelos, 2007); nas que as figuras desaparecen e comeza a incluír o mural, pintado directamente do natural, que tivo a súa continuidade en proxectos como Las afueras (Galería Espacio BCA, A Coruña, 2008); La ciudad y los árboles (Galería May Moré, Madrid, 2008); Diario (Sala CAI Luzán, Zaragoza, 2009), e A viaxe, novas peregrinacións (CGAC, Compostela, 2006).

A fascinación pola cidade levouno tamén a realizar numerosas intervencións no espazo público, como Árbol e Vida nocturna, ambas en Vigo; Fantasmas, en Madrid ou Escombro Mural, en Valladolid, realizadas coa técnica de papel pintado e pegado sobre parede, nas que buscaba provocar diferentes relacións entre o espazo público, as persoas que o transitan e a arte.

Ten realizado ademais numerosas series derivadas dos seus percorridos urbanos, como Diario; Del sueloGracias por su visita; En la ciudad; Transeúntes Desconocidos; Escombro; Lluvia; Dibujos atropellados, Soporte encontrado, Pegada, entre outras.

En todos estes traballos o artista emprega diversas técnicas de debuxo e pintura, dentro dos códigos figurativos e cun forte vínculo coa contorna urbana, na temática e na elección dos soportes como refugallos de materiais de edificios derrubados, carteis arrincados, papeis atopados na rúa ou soportes de madeira extraídos de solares abandonados.

A forma de acometer a realización destas obras está tamén moi vencellada ao percorrido urbano, a situación na que se leva a cabo a súa realización, na que interveñen factores como a meteoroloxía, os medios dispoñibles no momento da realización, ou o tempo da mirada que, con frecuencia é moi curto, debido á propia circunstancia do movemento, nuns casos, do artista e noutros, do motivo que o artista quere captar, coma os transeúntes o tráfico.

En 2018 Pérez-Jofre retoma a técnica da transferencia, coa súa serie titulada Suelos, un traballo realizado mediante a adhesión da sucidade do chan urbano sobre papeis que o autor coloca en diversas rúas de Vigo e recolle días despois, coa impresión e o deterioro do soporte provocado polas pisadas dos transeúntes ou a circulación do tráfico rodado. Esta serie foi presentada en Madrid, na Feira Estampa, en 2018, con gran éxito.

A EXPOSICIÓN

Este traballo é un antecedente claro da obra que Ignacio Pérez – Jofre presenta na Fundación Laxeiro, unha evolución na que o factor do azar, presente na serie anterior, ao ser a xente anónima quen vai configurando a obra, desaparece para introducir unha intencionalidade clara, tanto na realización da impresión sobre o papel, esta vez feita polo propio artista, como na elección dos pavimentos que conformarán a transferencia da imaxe ao papel, esta vez, acoutada ás texturas dos múltiples deseños xeométricos que conforman as diversas beirarrúas da cidade de Vigo.

O traballo resultante é a serie titulada Tierra, un conxunto de obras sobre papel, todas de 200 x 150 cm. que, baixo o título No chan, presenta agora na Fundación Laxeiro.

Resulta interesante o feito de que Pérez-Jofre retome a idea de transferencia da imaxe, moi vinculada a técnicas como o gravado ou mesmo a fotografía, un procedemento que ocupa un lugar central no seu traballo e que fora o tema da súa tese doutoral, titulada Pintura solar (Universidade de Vigo, 1994) e doutra publicación posterior titulada Huellas y sombras (Ediciós do Castro, 2001), ademais de exposicións individuais como a realizada na galería Trinta de Santiago de Compostela, en 1994; ou a titulada Mirador, na galería Abel Lepina, Vigo, en 1999 e tamén, parte da obra mostrada na exposición titulada Collage, no Centro Cultural da Deputación de Ourense, en 2003.

A diferencia radica en que agora traslada o interese ao espazo social, co rexistro de lugares determinados, polos que a xente transita. Este rexistro é levado a cabo co emprego das terras que aí se atopan, con toda esa carga testemuñal do emprego dun elemento tomado do propio lugar que, ademais reivindica a orixe dos pigmentos, terras que, dependendo de cada lugar, ofrecen cores e texturas diferentes.

Existe tamén nesta obra, unha preocupación pola idea de trama, abordada en tres niveis:

un nivel material, como chan deseñado para o tránsito dos peóns, un nivel formal, como motivo xeométrico coas súas connotacións estruturais e arquitectónicas; e un nivel poético, como metáfora da organización urbana nas sociedades  altamente regulamentadas. O proceso de realización, mediante o pisado e frotado coas solas dos zapatos, retoma a técnica do que se coñece como frottage (consistente na impresión dunha imaxe mediante contacto e frotado de dúas superficies), un procedemento inaugurado por Max Ernst nos anos vinte que foi moi utilizado polos surrealistas e que pasou a ser unha técnica utilizada por diversos artistas ata os nosos días.

O título, ademais de referirse ao motivo das obras, describe tamén o feito de que esas pezas están realizadas directamente cos pés, pisando o chan, o que implica unha relación entre o corpo do artista e a obra que se afasta da forma tradicional da pintura, e se achega ao concepto de acción pictórica e tamén, da propia acción física do percorrido urbano. O corpo, co seu peso e o seu movemento, pasa a ser un elemento central na realización da obra.

No chan preséntase cunha montaxe austera, na que as obras, todas verticais e do mesmo tamaño (200 x 150 cm.), móstranse sen solución de continuidade, penduradas sen enmarcar nas paredes do espazo expositivo da Fundación Laxeiro.

Este modo de presentación acentúa o carácter urbano, de aspecto case industrial, dunha obra que transforma en motivo pictórico as diferentes tramas das beirarrúas da cidade, mediante un procedemento de reprodución da imaxe ausente de xesto, no que a representación icónica é substituída pola indexación, pola transferencia física de elementos da realidade.

Pérez-Jofre atenúa así a carga subxectiva da obra, outorgándolle ese carácter de rexistro que ten moito que ver coa obsesión do artista por afirmar a presenza e a existencia das cousas, dende unha actitude de dúbida permanente sobre a consistencia da realidade.

O ARTISTA

Ignacio Pérez-Jofre (Madrid, 1965) é Profesor Titular no Departamento de Pintura da Universidade de Vigo, onde se doutorou en 1994, despois de licenciarse en Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid en 1989.

Malia que se define principalmente como pintor, a súa dilatada actividade artística comprende, ademais de obra pictórica, performance, acción, instalación, fotografía, e vídeo arte.

Dende o inicio da súa carreira a mediados dos anos oitenta, a súa obra reflicte varias liñas de traballo que son unha constante en toda a súa traxectoria, como a preocupación pola xeración de imaxes mediante procedementos non manuais, cun especial interese na pegada e na imaxe indexada; unha preocupación permanente pola cor e as súas posibilidades combinatorias no contexto da contemporaneidade; unha especial atención ao cotiá, mediante a que procura unha refutación da veracidade do que, convencionalmente, se entende como realidade; un interese polo feito urbano e a sociedade de consumo, como escenario de interrelacións da sociedade actual, interese do que xurde a súa metodoloxía dos percorridos urbanos; e unha preocupación polas condicións concretas nas que se producen os procesos de creación artística, nos últimos anos, ademais, cunha especial preocupación pola sustentabilidade ambiental e a xeración de residuos e a súa reutilización na actividade artística.

Todas estas cuestións levárono a desenvolver unha obra que, en liñas xerais, podemos encadrar dentro da figuración, á que se ten achegado dende diversas técnicas e metodoloxías, nunha investigación constante sobre a vixencia do feito pictórico na arte contemporánea.

Esta actitude levouno, ao longo dos anos, a desenvolver unha densa actividade, non só materializada en forma de exposicións individuais e colectivas, senón tamén, como axente activo en numerosas actividades como comisariado de exposicións, organización ou participación en relatorios, talleres, seminarios, charlas e encontros, principalmente, sobre o percorrido urbano como método de creación artística e a vixencia da pintura na arte contemporánea.

É ademais autor de diversas publicacións nas que aborda aspectos concretos da creación artística ou reflexiona sobre a obra de artistas concretos.

REFERENCIAS

Ignacio Pérez-Jofre

Vimeo

Galería La Gran, Madrid

Mambo gallery, Vigo

Galería May Moré, Madrid

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo