Martes, 17 de maio, 12.30h do mediodía
Unha noite con Laxeiro. Compañía Titeresnatuacasa
Entrada gratuíta
Reservas en: info@Laxeiro.org
Envía un correo electrónico co nome completo das persoas asistentes, a ideade dos menores e un número de teléfono de contacto.
Como o aforo é limitado, prégase unha soa persoa adulta por cada familia.
Agardámoste!
Unha noite con Laxeiro
Con motivo do Día das Letras Galegas, e tamén, do Día internacional dos Museos que, este ano, se celebran o 17 e 18 de maio respectivamente, a Fundación Laxeiro organiza o espectáculo de monicreques titulado Unha noite con Laxeiro, a cargo da compañía Titeresnatuacasa, o vindeiro martes, 17 de maio, ás 12.30h do mediodía.
O espectáculo, pensado para público de 3 a 10 anos, é unha aventura na que Pepiño, un neno moi fantasioso, soña que se converte nun personaxe dos cadros de Laxeiro e, despois de atravesar a porta do Trasmundo, vive diversas aventuras con outros personaxes da imaxinación Laxeiriana, ata que atopa o camiño de volta ao mundo real.
Así, coñecerá a personaxes extravagantes, como Mascarón, Maquinaria Humana ou Hans de Islandia, que lle farán ver a Pepiño o diferentes que son entre eles, e tamén lle irán mostrando a riqueza da arte. Mesmo se atopará co propio Laxeiro convertido en diversos autorretratos, que lle falará do seu traballo.
Con este proxecto, a Fundación Laxeiro propón, dunha forma sutil e indirecta, unha unión entre unha das ideas promovidas este ano polo Día Internacional dos Museos, como é o poder da construción da comunidade a través da educación; e o carácter profundamente apegado á terra e á cultura galegas da obra do poeta homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Florencio Delgado Gurriarán, a través do imaxinario laxeiriano.
Para asistir, as nais e os pais só terán que enviar un correo a info@laxeiro.org no que poñan o nome e idade de cada menor asistente, o nome da persoa adulta que os acompañe e un número de teléfono de contacto. Como o aforo é limitado, a Fundación prega que só asista unha persoa adulta por cada familia.
Titeresnatuacasa
É unha compañía creada en Vigo, en 2002 polo titiriteiro Guy Bobillo Pérez (Vigo, 1965), co propósito de actualizar o teatro de monicreques a partir da súa longa tradición.
Dende a súa fundación ata a actualidade, Titeresnatuacasa conta cunha ampla experiencia, moi centrada na adaptación de relatos clásicos da literatura infantil e tamén no traballo ao redor das artes plásticas, con numerosas colaboracións con institucións como o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, a Universidade de Vigo, a Asociación Nacional de Oceanología e Sciences of Limnology and Oceanography e a Fundación Vicente Ferrer, con quen fixo unha xira polos seus centros na India.
Ademais, ten participado en diversos festivais como Mostra do Posible, Cangas do Morrazo; Vigo Seafest; Revoltallo, Vigo e Mar de mares, na Coruña e programas como Vigo a escena e Circuítos Culturais da Xunta de Galicia.
Colaborou tamén co colectivo educativo británico, xirando por diversos centros educativos no País de Gales.