Magnifica acollida do libro Laxeiro, Os escritos de Don Ramiro editado pola Fundación Laxeiro

19.04.2011

O auditorio da Casa Galega da Cultura quedou pequeno para acoller os amigos e admiradores do mestre Laxeiro.

O pasado día 18 de abril, ás 19.30 h. tivo lugar a presentación do libro Laxeiro. Os escritos de Don Ramiro que contou coa participación de Xosé Manuel Figeroa, Vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Eudosio Álavarez, concelleiro de Patrimonio, en representación do Presidnete da Fundación Laxeiro, Xesús López Carreira, Marcela Santorum, colaboradora doFaro da Culrtura, Carlos García Suárez, Director Xeral da Fundación Laxeiro e Javier Pérez Buján, Director Artístico da Fundación Laxeiro e editor do libro.

O salón de actos quedouse pequeno na presentación da publicación dos escritos de Don Ramiro, o hereónimo elexido por Laxeiro na súa faceta de escritor, en honor á súa parroquia natal, Donramiro, no conello de Lalín.

Tras as verbas de benvida pronunciadas polo Director Xeral da Fundación Laxeiro, Carlos García-Suárez Otero, nas que agradeceu a presencia das autoridades e amigos asistentes e ó partocinio da Deputación de Pontevedra, cedeu a palabra a Eudosio Álvarez, quen contou unha anédcota persoal con Laxeiro e felicitou á Fundación por esta iniciativa.

De seguido, Marcela Santorum fixo unha brilante intervención falando dos aspectos do libro que conectaban á perfección co momento cultural actual.

Javier Pérez Buján resaltou o labor de investigación levado a cabo durante seis meses de traballo, no que descubriu un Laxeiro moito máis complexo que o peersonaxe público máis coñecido e recoñeceu o labor do equipo investigador, formado por Paula García Suárez, quen recompilou os textos es os transcribiu e Anxos Sumai quen fixo un labor encomiable de revisión lingüística.

Pechou o acto José Manuel Figueroa, quen se enorgulleceu de ter patrocinado desde a Deputación de Pontevedra o proxecto e se brindou a colaborar coa Fundación Laxeiro en proxectos vindeiros.

 

O PROXECTO

Se o habitual, cando se fala de Laxeiro, é falar de pintura e debuxo, o que se presenta nesta ocasión é esa faceta pouco coñecida do pintor, xa presentada en forma de exposición na Fundación Laxeiro e que agora sae á luz en formato de libro.

Esta publicación constitúe unhaprimicia no panorama cultural galego, xa que, por primeira vez se revisa a totalidade da produción escrita de Laxeiro, estruturada e ordeada segundo os diferentes xéneros cultivados polo pintor, nun concienzudo traballo de edición, levado a cabo por Javier Pérez Buján quen, por unha banda, consultou e revisou as fontes xa publicadas, cotexándoas cos orixinais cando era posible, e tivo acceso ao resto das fontes orixinais, manuscritas e inéditas, pertencentes ao arquivo familiar dos herdeiros do artista.

Con este traballo descóbrese unha personalidade certamente afastada do personaxe que Laxeiro tanto gostaba de representar nas súas aparicións públicas, como era o dun iconoclasta irreflexivo, bromista, algo canalla e indocumentado.

Os escritos que recolle esta publicación veñen a tirar por terra esa imaxe estereotipada que non era outra cousa que outro dos personaxes creados por José Otero Abeledo, o artista que sempre xugou con alter egos como Palatino, Mirlotil, Laxeiro e, agora, Don Ramiro, o heterónimo elexido polo artista para asinar a súa obra literaria.

Laxeiro, os escritos de Don Ramiro, preséntanos a un artista de grande sensibilidade e rica vida interior. Un artista que compoñía deliciosos e breves textos poéticos nos que plasmaba os seus sentimentos íntimos, nos que o amor estaba presente, non só á muller, senón tamén á natureza e aos seus semellantes. Un amor de corte panteísta que recolle nalgún momento as formulacións tardorománticas de Rosalía de Castro e o sentido do xogo, tan propio da Xeración do 27, á que, cronolóxicamente pertenceu o grupo dos Renovadores da nosa Vangarda histórica. Un Laxeiro tamén intimista nos fragmentos que se conservan do seu diario. Un home que loitaba a diario coas súas debilidades de carácter, os seus defectos e a incomprensión da súa obra, nun exercicio de vontade férrea que, nos momentos máis desalentadores, o salvaron do fracaso e a claudicación.

Quizais o Laxeiro máis recoñecible por todos sexa ese fabulador do que na publciación que presentamos existen numerosos exemplos. Unha fabulación que mixtura as súas lembranzas biográficos con invencións e relatos populares. Un fabulador que fai da fantasía onírica e o pensamento máxico, o fío condutor das súas lembranzas, cheas por iso, de numerosos episodios de grande interese literario, cun estilo que ás veces nos achega aos postulados estéticos do seu amigo Eduardo Blanco Amor e ao negrismo valleinclanesco e que tamén atopa paralelismos coa cinematografía española na liña de El verdugo de Berlanga ou Viridiana de Buñuel, con esa mixtura entre o tráxico e o cómico que atopa na literatura do absurdo a súa expresión máis eficaz.

Na publicación atopamos temén un Laxeiro agarimoso e respectuoso coas figuras da cultura e da arte que coñeceu ou admirou, facendo un percorrido, no capítulo adicado aos Retratos, polos persoeiros da súa época cos que compartiu vivencias e emocións. Así, desfilan polas súas páxinas Ramón M.ª Aller, Virxilio Blanco, Lino Villafínez, Luis Seoane, Reimundo Patiño, Carlos Maside, Eduardo Blanco Amor, Urbano Lugrís, e Carlos Oroza, ademais de aportar información sobre outros personaxes do seu contexto, xenerosamente contextualizados nas case 150 notas a pé de páxina que o editor inclúe na publicación, co obxecto de enriquecer aspectos xeográficos, históricos e culturais da peripecia vital de Laxeiro.

A publicación inclúe temán un capítulo de presentacións e pregóns, con textos tan interesantes como a inauguración da Colección Laxeiro de Lalín en 1968 ou os pregóns da Feira do Cocido de Lalín do ano 1976 ou o das festas do Entroido da Coruña, no ano 1984.

O capítulo final, quizáis o máis interesante para os estudosos da obra de Laxeiro, é o dedicado aos textos sobre arte, incluindo as súas dúas famosas conferencias (O becho creativo e Os barrigas verdes da pintura) debidamente revisados e actualizados, cotexando as versións xa publicadas cos textos orixinais.

Na publicación descartáronse deliberadamente os textos epistolares, porque formarán parte doutro proxecto de investigación no que, ademais dos textos asinados polo pintor, se inclúan tamén cartas de remitentes e destinatarios do seu epistolario.

A obra supón unha aportación de primeira orde á cultura galega por descobrir unha faceta inédita do pintor, ofrecer moita información sobre o contexto no que desenvolveu a súa carreira e descobrir puntos de vista e sentimentos inéditos até o momento.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo