Título: Lodeiro. A xeometría inexacta
Artistas: Lodeiro
Tipo de obra: debuxo sobre papel e pintura sobre lenzo
Comisariado: Javier Pérez Buján
Inauguración: xoves, 30 de setembro de 2021, de 18 a 21h
Debido á actual situación sanitaria, a inauguración consistirá na apertura da exposición para visita á mesma seguindo a normativa vixente das autoridades sanitarias e da Administración pública.
Clausura: domingo, 16 de xaneiro de 2022
Lugar: Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo
O PROXECTO
Lodeiro. A Xeometría inexacta articúlase ao redor de tres lenzos de 1976 e 1979 que o pintor titulou cos números: 2, 3 e 4, dándolles así un tratamento serial, como serial parece tamén o motivo e o tema, compostos, nos tres casos por retículas regulares e uniformes repetidas de xeito secuencial en toda a superficie pictórica, con ricas variacións cromáticas que lles confiren un ritmo intenso.
A partir destas tres pezas, despréganse un total de quince debuxos realizados con rotulador e case todos sen datar, agás tres pezas de 1971, das poucas nas que a retícula non é o motivo principal e as únicas que están realizadas con técnica mixta.
Destaca un segundo grupo formado por catro pezas, nas que o motivo xeométrico varía. Trátase de catro debuxos moi interesantes que conforman un ensaio sobre outras posibilidades da abstracción xeométrica, cunha cadencia ben conseguida no ritmo da mirada, a través da utilización de círculos, semicírculos, paralelepípedos e diagonais.
O resto, oito obras en total, son todos debuxos realizados con rotulador sobre cartolina, sen dúbida, da súa etapa mexicana, variacións sobre un mesmo tema que retoman a composición reticular realizada a modo de mosaico, dos lenzos citados, con innumerables variacións cromáticas que, no seu conxunto, forman un rigoroso traballo de investigación sobre as relacións entre o cromatismo e as formas cadradas, rectangulares e triangulares, contidas unhas dentro de outras.
Esta obsesión de Lodeiro pola xeometría bidimensional e fortemente racionalizada na súa concepción, contrasta co proceso manual, no que o artista desbota a utilización de recursos como padróns, regras e demais elementos utilizados no debuxo técnico, para compoñer estes debuxos a man alzada, como un xesto de afirmación do eu por riba das lóxicas do procedemento debuxístico.
A xeometría inexacta proponse así como un achegamento ao pensamento de Lodeiro formalmente máis radical e definitorio que, máis alá de cronoloxías e concepcións evolutivas, pon de manifesto a orixe da súa estética, baseada nunha concepción xeométrica da composición que está presente, mesmo na súa produción figurativa.
A utilización da cor é outro dos elementos que caracterizan toda a obra de Lodeiro e, nestes estudos xeométricos é posible ver como o pintor investigaba as infinitas combinacións, e conseguía múltiples harmonías cromáticas que, a maioría das veces, partían das cores primarias, para rematar en gradacións e contrastes que sabía utilizar como elementos comunicativos cos que transmitir estados de ánimo.
Debuxo e mancha conflúen en Lodeiro sempre ligados entre si, ao servizo dun obxectivo final de coherencia compositiva coa que nos fala dunha sensibilidade persoal que identifica o seu traballo de forma inequívoca.
O ARTISTA
Pintor vigués por antonomasia, de orixe obreira, carácter independente e formación autodidacta, Lodeiro produciu unha obra de acusada personalidade e indiscutible modernidade, xa dende os seus comezos, nos primeiros nos sesenta.
Non deixa de sorprender que o pintor iniciara unha traxectoria tan interesante sen unha formación, xa non artística, senón académica. A súa intelixencia, sensibilidade e vontade de traballo, unidas a unha personalidade singular, de forte carácter e celosa da súa liberdade, posibilitaron a creación dunha obra que non se parecía a nada do que se estaba facendo no seu contexto, nin xeográfico, nin temporal e, sen embargo, visto dende agora, aglutina características de movementos internacionais como a op art, a abstracción xeométrica, a figuración onírica ou certas características do pop, sen esquecer conexións con algúns movementos das vangardas históricas como o suprematismo ou o cinetismo.
Por todo isto, non resulta estraño que pronto fora admirado e recoñecido por intelectuais e artistas como o propio Laxeiro, Cunqueiro, Blanco Amor, Méndez Ferrín, ou o Grupo Atlántica que o reivindicou como unha figura clave da pintura galega, nos primeiros anos oitenta.
A peculiaridade da súa obra comeza xa cos procesos e as técnicas que utiliza, ás veces poderiamos dicir, que inventados por el, como a utilización da pedra mol como aglutinante co que aplicar o óleo e conseguir así texturas e gamas cromáticas dun xeito artesanal, á maneira dos pintores clásicos. Ou a súa obsesión pola gradación progresiva, case infinda dunha cor concreta, para conseguir fermosas profundidades de campo a base de cores planas e texturadas.
Lodeiro, como unha sorte de Henri Rousseau local, innovou dende a máis rotunda individualidade a base de moita vontade e investigación constante, partindo sempre dun profundo coñecemento da súa propia esencia, o que lle serviu para non falsear nunca o seu traballo, nin cando nas súas numerosas viaxes (Francia, Suiza, México, Arxentina…) coñecía outras formas de facer, outras estéticas, ás que era permeable, pero sempre dende el mesmo.
Esta independencia é quizais tamén a causa dun certo esquecemento institucional, mesmo por parte da academia e da crítica que, co paso dos anos se fai cada vez máis incomprensible, e máis necesaria a reivindicación da súa figura como un dos nomes fundamentais da arte galega das últimas décadas do século XX.