Carlos Alonso; Eduardo Audivert, Líbero Badíi, Luis Oreste Balduzzi; Luis Barrgagán; Adolfo Bellocq; Juan Bordalejo; Carlos Cañas; Héctor A. Campurro; Juan Carlos Castagnino; Carlos de la Mota; Alfredo de Vicenzo; Albino Fernández; Roberto González; Horacio Juárez; Naum Knop; Laxeiro; Aurelio Macchi; José Manuel Moraña; Norberto Onofrio; Antonio Pujía; José Rueda; Luis Seoane; Abel Bruno Bersacci; Daniel Zelaya
Ficha técnica
Título: Litografías. Club de la estampa de Buenos Aires. 1968
Artistas: Carlos Alonso; Eduardo Audivert; Libero Badii; Luis Oreste Balduzzi; Luis Barragán; Adolfo Bellocq; Juan Bordalejo; Carlos Cañas; Héctor A. Capurro; Juan Carlos Castagnino; Carlos de la Mota; Alfredo de Vicenzo; Albino Fernández; Roberto González; Horacio Juárez; Naum Knop; Laxeiro; Aurelio Macchi; José Manuel Moraña; Norberto Onofrio; Antonio Pujía; José Rueda; Luis Seoane; Abel Bruno Bersacci; Daniel Zelaya
Comisariado: Javier Pérez Buján
Tipo de obra: Litografías
Inauguración: mércores, 18 de xuño de 2025
Clausura: domingo, 21 de setembro de 2025
Lugar: Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 3º, Vigo
Editada polo Club de la estampa de Buenos Aires, este conxunto de litografías inclúe un interesante texto, titulado Variaciones sobre el grabado, asinado polo artista plástico e crítico de arte Leonardo Estarico, (1893-1982). O texto é unha reflexión sobre a imaxe e os seus procesos de creación e estampado, ata chegar ao momento da proliferación das artes gráficas e, en concreto, a técnica litográfica, popularizada a principios do século XIX.
Características da edición
Litografías foi impresa en decembro de 1968 na S.A. Alejandro Bianchi & Cía. Ltda. E consta de 2.000 carpetas con 25 litografías e un texto de Leonardo Estarico, impresas en papel Witcel de 170 gramos. Deses 2.000 exemplares, 500 foron asinados e numerados polos autores e as restantes, foron numeradas e asinadas por un representante da S.A. Alejandro Bianchi & Cía. Ltda e outro representante do Club de la Estampa de Buenos Aires.
A carpeta forma parte da Colección do Museo legislativo do Congreso dos Deputados de Arxentina.
Testemuño dun contexto cultural
Ademais de Laxeiro (o único estranxeiro incluído no proxecto, xa que Luis Seoane, tamén presente, naceu en Bos Aires e para o país americano é un artista arxentino a todos os efectos) neste proxecto editorial participan pintores de primeira fila como Carlos Alonso (1929), Juan Carlos Castagnino (1908-1972) e artistas do gravado tan salientables como Gabriel Celaya (1938- 2012), Abel Bruno Versacci (1922-1999), Albino Fernández (1921- 2014) un dos fundadores do Club de la Estampa de Buenos Aires, e tamén artistas de outras disciplinas que se achegaron á técnica do gravado, como os escultores Antonio Pujía (1929-2018), Libero Badii (1916-2001), Luis Oreste Balduzzi (1917-1993), Carlos de la Mota (1924-2011), Naum Knop (1917-1993) ou Aurelio Machi (1916-2010).
O Club de la Estampa de Buenos Aires, foi constituído como asociación en 1966, co propósito de reunir aos principais artistas gravadores de Bos Aires en torno á edición e a exhibición dos seus traballos e dignificar así unha técnica artística que democratizaba a arte. O seu principal impulsor foi o artista e gravador descendente de galegos Albino Fernández (1921-2014) que, naquel momento fundacional, reuniu aos tres prestixiosos gravadores Adolfo Bellocq (1899-1972), Pompeyo Audivert (1931-1998) e Victor Rebuffo (1903-1983) e, inmediatamente despois, colaborou con numerosos artistas en exposicións e publicacións, chegando a organizar a Primeira Bienal Internacional de gravado na Art Gallery International de Bos Aires, en 1968, galería que, en 1970 organizou unha retrospectiva de Laxeiro, como colofón ao período arxentino do pintor.
Laxeiro no Bos Aires da década dos anos sesenta
Moitos destes artistas coinciden en repetidas ocasións, ben como discípulos dos mesmos pintores, ben como alumnos nos mesmos centros educativos, ou ben como artistas das mesmas galerías ou artistas participantes nas mesmas exposicións colectivas. Así, non poucos deles foron discípulos do insigne pintor Juan Carlos Castagnino, un dos participantes nos murais das galerías Pacífico, xunto ao galego Manuel Colmeiro e os arxentinos Antonio Berni, Lino Enea Spilimbergo e Demetrio Urruchúa. Tamén coinciden na súa formación nas mesmas escolas, como a Escola Nacional de Belas Artes Prilidiano Pueyrredón, Escola Nacional de Artes, Escola Superior de Belas Artes ou a Escola Superior “Ernesto da Cárcova, e comparten proxectos expositivos nas mesmas galerías, como Van Riel, Art Gallery International que, en 1970 dedicou unha gran retrospectiva a Laxeiro, ou na Asociación Arxentina de Artistas Plásticos, a SAAP, na que Laxeiro foi Vicepresidente nos primeiros anos sesenta e tamén, moitos deles visitaron Madrid, cando Laxeiro xa residía nesa cidade, nos anos setenta e oitenta.
Na década dos anos sesenta, Laxeiro atravesaba un período de gran creatividade, plenamente integrado, tanto no colectivo español e galego da diáspora dende os anos cincuenta (Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Xosé Neira Vilas, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane, Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, María Teresa León, Eduardo Blanco Amor, Rafael Alberti), como no colectivo artístico e arxentino, no que asistía divertido aos debates e enfrontamentos entre movementos figurativos e abstractos. Foi Vicepresidente da SAAP, Sociedad Argentina de Artistas Plásticos, e tivo relación con artistas como Tomás Maldonado, Alfredo Hlito, Nicolás Rubió, Carlos Alonso, Leopoldo Presas, Vicente Forte, Ricardo Carpani, Ernesto Deira, Luis Felipe Noé, María Juana Heras Velasco, Juan Carlos Castagnino, Alfredo Plank, Antonio Pujía, Albino Fernández, con exposicións nas galerías porteñas Van Riel, Velázquez, Lascaux, Ruth Benzacar, etc.). Ao tempo, continuaba expoñendo en Madrid, con mostras individuais de gran éxito nas galerías Quixote, Biosca e Toisón.
En 1968 doou un conxunto de debuxos e pinturas que forman a actual Colección Laxeiro do Concello de Lalín, que está exposta de forma permanente no Museo Ramón María Aller. Ese ano pintou obras tan singulares como a tinta sobre papel, titulada A vida, actualmente na Colección permanente da Fundación Laxeiro e A farsa, actualmente na Colección ABANCA.
A súa inclusión na carpeta de gravados Litografías resulta, por tanto, bastante natural, ademais de, pola súa relación de amizade con Albino Fernández, por ese momento profesionalmente estable e integrado no panorama artístico e cultural de Bos Aires.
Litografías. Club de la estampa de Buenos Aires. 1968 é unha exposición testemuñal que celebra o vencello do pintor galego co país que o acolleu entre 1951, cando viaxou a Bos Aires como artista participante na exposición titulada Artistas gallegos, na galería Velázquez, por encargo do Centro Gallego, comisariada por Luís Seoane. Esta viaxe propiciou o seu establecemento na cidade arxentina ata 1970 e foi alí onde orientou a súa carreira que xa gozaba de sona en Galicia antes de 1951, como membro do grupo Os novos, que introduciron a arte galega na contemporaneidade.
Na Arxentina, Laxeiro por fin puido reunirse cos seus amigos exiliados e acceder ao que acontecía na arte internacional, liberado do illamento cultural que sufría a España daqueles anos. Moito se ten debatido se Laxeiro foi tamén un exiliado ou un emigrado e, como sempre acontece con calquera cuestión que se formula sobre o pintor, atopamos razóns para consideralo tanto unha cousa como a outra. O chamado exilio interior que se aplica aos artistas e intelectuais que, a pesar de rexeitar o réxime franquista, permaneceron en Galicia, como Carlos Maside ou o mesmo Laxeiro, este último, instalado en Vigo, tivo no caso do noso pintor, unha saída cara ao reencontro con non poucos compañeiros do proxecto renovador, na cidade de Bos Aires que, indubidablemente, o situou tamén como un exiliado.