LIÑA E GARABATO. Recursos expresivos no debuxo de Laxeiro

FICHA TÉCNICA

Título:                     Liña e garabato. Recursos expresivos no debuxo de Laxeiro

Comisariado:          Javier Pérez Buján

Artista:                       Laxeiro

Tipo de obra:            debuxo sobre papel

Apertura:                   luns, 22 de xullo, 2024

Clausura:                  domingo, 13 de outubro, 2024

Lugar:                        Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 3º, Vigo

Produce:                   Fundación Laxeiro

O PROXECTO

Laxeiro dicía que o debuxo era á pintura o que o pentagrama era á música. Esta afirmación dá boa conta da relevancia que lle concedía como recurso organizador da composición nas súas obras, unha relevancia que se fai evidente na súa produción, por dúas razóns principais:

En primeiro lugar, o carácter narrativo que define a maioría da súa produción figurativa, precisa do debuxo para crear e definir o espazo pictórico e, sobre todo, os personaxes que, ao longo da traxectoria do artista, foron construíndo ese mundo instalado entre a irracionalidade e o pensamento máxico da nosa cultura popular.

En segundo lugar, en toda a súa produción, incluída a súa pintura de carácter expresionista e mesmo abstracta, moitas veces realizada só con mancha, existe un acusado sentido da composición que, indubidablemente, ten a súa orixe no profundo coñecemento que Laxeiro tiña do debuxo.

O noso artista converteuse nun debuxante compulsivo na súa mocidade cando, retornado de La Habana, con dezasete anos, se fixo barbeiro ambulante e logo, oficial de barbeiro no seu Lalín natal. Como sabemos, este mozo que sería coñecido como o barbeiro pintor, practicaba co debuxo de forma continuada, plasmando todo o que se presentaba ante a súa mirada. Laxeiro adquiriu así o hábito de debuxar moi rápido e ir aprendendo polo método de ensaio – erro, coa ilusión de superar as probas de ingreso na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, algo que conseguiría apenas uns anos máis tarde.

A partir daqueles primeiros anos de aprendizaxe, Laxeiro conservaría esa forma compulsiva de debuxar en calquera circunstancia e, mesmo na última etapa da súa vida, non son poucos os que o recordan facendo debuxos de forma espontánea, coa súa inseparable estilográfica Mont Blanc.

A EXPOSICIÓN

O artista británico David Hockney dicía: cando debuxo, xa estou pintando, unha afirmación que poderiamos tamén aplicar a Laxeiro e engadir tamén outra afirmación complementaria: cando pinto, xa estou debuxando.

O binomio debuxo/pintura funciona en Laxeiro como partes indivisibles do proceso creativo, cada unha delas coas súas propias posibilidades expresivas que o noso artista sempre pon ao servizo do resultado que pretende en cada obra.

Esta exposición céntrase en dous extremos expresivos do debuxo, como son o trazo limpo, co que o autor constrúe imaxes sen volume, coas contornas perfectamente definidas; e o garabato, co que Laxeiro constrúe imaxes con volume, mediante a diferencia de densidade das liñas, que dan unha ilusión de luces e sombras. Entre estas dúas formas de acometer o debuxo, existe todo un repertorio de recursos, utilizados tamén por Laxeiro, pero que non forman parte substancial da escolma de obras que conforman esta exposición.

O recurso da liña limpa recolle esa tradición das vangardas, moi arraigada nos primeiros anos do século XX, de clara herdanza modernista e influída pola arte oriental, que viña a renovar o xeito de plasmar a realidade mediante a esquematización. Unha linguaxe moi adaptable aos medios reprodución mecánica que pronto sería moi utilizada nas viñetas de prensa e que cultivaron artistas como Jean Cocteau, Picasso ou Picabia e, en Galicia, Castelao, Fernández Mazas, Seoane ou Maside

O recurso do garabato remítenos directamente ao debuxo automático dos surrealistas e tamén á aportación do expresionismo, en ambos casos, con claras reminiscencias á pulsión subconsciente do artista e que, ademais dos seus iniciadores como André Breton ou André Masson, podemos identificar a súa influencia na pintura de forma moi evidente, por exemplo, na obra de Jackson Pollock.

A ruptura coa idea de estilo único, adoitada por Laxeiro a partir da súa chegada a Bos Aires en 1951, pódese apreciar tamén na súa faceta debuxística. Laxeiro, creador ecléctico por definición, non dubidaba en cambiar de rexistro para cada obra que acometía, unha característica da súa forma de traballar que nos dá unha idea, por unha banda, da seguridade que tiña en si mesmo e, por outra, dunha mentalidade libre que non sentía ningunha obriga de manterse fiel a un estilo concreto e, sen embargo, era quen de imprimir a súa personalidade en cada pintura ou debuxo que facía.

A exposición, formada por obras de coleccionistas particulares, algunhas delas inéditas ata a data, e todas dispostas en vitrinas sen marcos, complétase con tres obras da Colección permanente, colgadas en parede, a espectacular A vida, unha tinta sobre papel de 1968, de case catro metros de ancho, e dous pequenos debuxos de finais dos anos setenta.

Con este proxecto, a Fundación Laxeiro volve amosar unha pequena parte do traballo de investigación, localización e catalogación de obra, ao tempo que ofrece ao público novas claves para seguir coñecendo o legado de Laxeiro, neste caso, poñendo o foco en dúas formas moi diferentes de utilizar a liña como elemento construtivo.

A exposición poderá visitarse ata o 13 de outubro.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2024 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo