Laxeiro en conversa. Un diálogo con artistas galegos contemporáneos

FICHA TÉCNICA

Título Laxeiro en conversa. Un diálogo con artistas Galegos contemporáneos
Artistas Laxeiro, Pilar Álvarez Pablos, Jorge Barbi, Ignacio Basallo, Berta Cáccamo, Vari Caramés, Tono Carbajo, Caxigueiro, Xavier Correa Corredoira, Alberto Datas, Álvaro de la Vega, Almudena Fernández Fariña, Antón Goyanes, Anxel Huete, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Din Matamoro, Tatiana Medal, Manuel Moldes, Antón Patiño, Raimundo Patiño, Xavier Toubes, Rosa Úbeda

Tipo de obra: Pintura, escultura, debuxo, fotografía
Comisario: Javier Pérez Buján
Inauguración: 20 de abril, 2017
Clausura: 15 de xullo, 2017
Lugar: Sala de exposicións Teatro Afundación. r/Rconquista, Vigo

Produción: Afundación

Na primeira metade da década dos anos sesenta, Laxeiro sufre un cambio importante no seu pensamento artístico que o leva a mudar a súa linguaxe e a experimentar con novas solucións expresivas.

Se ben é certo que a partir do ano 1952, despois da súa chegada a Bos Aires, o pintor xa demostra unha clara aposta pola experimentación con novas linguaxes, introducindo como dixo Luís Seoane, o informalismo en Galicia, será no primeiro lustro dos anos sesenta cando a súa pintura se radicalice, sen dúbida influenciado polo ambiente rupturista que emanaba do Instituto Di Tella, fundado en Bos Aires en 1958.

Laxeiro, como fixera toda a súa vida, sitúase a favor da innovación, aliñándose no lado da pintura de pulsión que, xa na súa primeira época, dera obras dunha radical xestualidade como Carnavalada 1931, ensaiando os códigos do expresionismo.

Esta posición a carón da pintura de pulsión e de xesto, lonxe de ser un mero exercicio formal, leva implícita unha forma de entender o mundo e a arte que afonda as súas raíces na tradición europea anterior á Ilustración. A evolución na obra de Laxeiro a partir dos anos cincuenta e radicalizada na década dos sesenta, é por tanto unha consecuencia coherente da súa traxectoria anterior e, como sempre, sintoniza de forma natural coa sensibilidade e o pensamento da época, que naqueles momentos estaba sufrindo importantes cambios en todos os campos do saber, conformando a fin da modernidade e o principio da posmodernidade, caracterizada polo que Lyotard chamou a crise dos relatos nos que se sustentaba o saber, afectando tamén ao mundo da arte.

Laxeiro sitúase así no ámbito do que se coñece como lóxica difusa, que a mediados dos anos sesenta, é enunciada polo enxeñeiro Lotfy A. Zadeh (Azerbaiyán, 1921), recollendo no seu traballo na Universidade de Berkeley, diversos achados e conclusións ás que se estaba chegando dende outras disciplinas, como é o caso de Lukasiewicz, creador da lóxica de valores múltiples, Heisenberg, creador do principio de incerteza ou Russell e o seu paradoxo da teoría de conxuntos.

A lóxica difusa caracterízase pola convicción de que a realidade non é expresable na súa totalidade por valores matemáticos exactos, descubrindo que hai todo un mundo de matices que non son facilmente categorizables pola linguaxe científica. Ocúpase por tanto do concepto de graduación e enúnciase en forma de polivalencia do observado.

Este mundo da lóxica difusa abrirá tamén na arte novas formas de expresión que revisarán os achados das vangardas históricas, para poñelas ao servizo dun pensamento no que a incerteza, a ambigüidade e os infindos matices entre o un e o seu contrario, posibilitarán a creación dunha liña discursiva claramente polivalente dende un punto de vista representacional, cun marcado dominio da subxectividade fronte á obxectividade do visible.

A EXPOSICIÓN

Esta exposición está formada por unha selección de obras das coleccións Afundación, ABANCA e Fundación Laxeiro, a partir das que se pretende ilustrar esta liña de pensamento, utilizando como fío condutor ao Laxeiro máis experimental quen, a modo de anfitrión, convida a un variado grupo de artistas de xeracións posteriores, para manter múltiples conversas cruzadas nas que contrastar e compartir cuestións que obedecen a intereses e inquietudes similares.

Partindo desta formulación, quíxose fuxir deliberadamente daqueles artistas cunha relación máis evidente coa obra de Laxeiro, para aventurarnos nunha viaxe que propuxera novas relacións, trazando un diálogo híbrido e polivalente, entre a experimentación laxeiriana e a obra de outros artistas, realizada a partir dos anos oitenta.

O resultado é unha mostra heteroxénea, na que non só ten cabida a pintura, senón tamén a escultura e a fotografía, transcendendo así linguaxes e establecendo relacións múltiples que xiran sempre en torno á problemática da representación e as múltiples solucións que cada artista ofrece dende a súa subxectividade, dentro dun marco referencial no que a incerteza tende a borrar tamén o límite entre figuración e abstracción.

Neste contexto, danse cita así artistas de xeracións diferentes, que producen obra en circunstancias diversas e que conflúen sen embargo, nesa visión do mundo sen premisas fixas que posibilita múltiples interpretacións da realidade e tamén, múltiples relacións entre os seus respectivos discursos estéticos.

Así, o espectador poderá gozar da abstracción psicodélica de Raimundo Patiño, da figuración expresionista de Caxigueiro, dos xogos figurativos de Jorge Barbi ou Din Matamoro, do neo expresionismo de Xavier Correa, Alberto Datas, Menchu Lamas, Antón Lamazares, Manuel Moldes, Antón Patiño, Xavier Toubes, Rosa Úbeda ou Álvaro de la Vega; da abstracción xestual de Berta Cáccamo ou Almudena Fernández Fariña, da mirada neo pop e irónica de Pilar Álvarez Pablos ou Tono Carbajo, do lirismo xestual de Antón Goyanes, da figuración onírica de Anxel Huete ou da elegancia metafísica de Ignacio Basallo.

COLABORACIÓN INSTITUCIONAL

É de salientar que este proxecto é o resultado dunha colaboración entre institucións culturais como son Afundación e Fundación Laxeiro, mediante a que se propoñen novas lecturas das Coleccións Afundación e ABANCA, neste caso, utilizando a rotunda obra de Laxeiro como detonante.

Ambas institucións coinciden no propósito de contribuír a enriquecer o patrimonio artístico galego, ofrecendo novas formas de achegarse á arte e tentando así provocar reflexións anovadoras que contribúan a un mellor coñecemento da nosa cultura.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo