LAXEIRO DESCOÑECIDO I Obras inéditas de primeira época

Título:                         Laxeiro descoñecido I. Obras inéditas de primeira época

Artista:                       Laxeiro(José Otero Abeledo, 1908-1996)  

Tipo de obra:            debuxo e pintura

Comisariado:            Javier Pérez Buján

Inauguración:           venres, 4 de marzo de 2022, de 18 a 21h

Clausura:                   domingo, 5 de xuño de 2022

Lugar:                        Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo

A primeira achega, subtitulada Obras inéditas de primeira época, está formada por un conxunto de pezas datadas entre os anos trinta e principios dos anos cincuenta nas que se pode apreciar a maioría das características da súa estética e da súa narrativa daqueles anos.

O traballo de investigación é quizais a faceta menos coñecida das fundacións culturais e os museos. Dentro da investigación, a localización, autenticación e catalogación de obra de Laxeiro, é unha tarefa constante que a Fundación Laxeiro vén realizando dende o seu inicio, o que posibilitou a publicación do Catálogo Universal do artista en 2009, con tres mil cincocentas obras catalogadas, sendo a primeira catalogación exhaustiva dun artista galego.

Dende aquel ano ata hoxe, a Fundación Laxeiro continuou con este labor, que non sería posible sen a colaboración desinteresada dos membros do seu comité artístico.

Laxeiro descoñecido proponse como unha serie de dúas exposicións que mostran unha exquisita selección de obra catalogada despois de 2009, que ata o momento permanecía inédita para o público.

A primeira achega é a que agora presentamos, composta por pinturas e debuxos datados entre os anos trinta e principios dos anos cincuenta que amosan as principais características da estética do Laxeiro da época, concretadas nunha figuración non realista, fascinada polo popular e o grotesco, en sintonía coas figuracións europeas da primeira metade do século XX; a estética granítica que Os novos adoitaron como característica diferencial e tamén un certo tenebrismo, que dá continuidade ás formulacións de outros artistas españois, como o madrileño José Gutiérrez Solana.

En Laxeiro debemos engadir unha imaxinación prodixiosa, coa que se situaba no pensamento máxico da tradición europea medieval e unha habilidade natural para o debuxo e a pintura, o que lle permitía alternar linguaxes diversas con facilidade.

Laxeiro descoñecido I. Obras inéditas de primeira época, é o primeiro proxecto expositivo do Ano Laxeiro, impulsado pola Real Academia Galega de Belas Artes, unha escolma intencionadamente pequena pola excepcionalidade da maioría das pezas que a compoñen que, no seu conxunto, ilustran o imaxinario e a estética do pintor naqueles anos.

Composta na súa totalidade por obras procedentes de coleccións particulares, a exposición detense en temáticas que caracterizaron a pintura do artista nos anos trinta, como as escenas de entroido, nas que Laxeiro, ademais de plasmar unha realidade cultural concreta -característica da tradición rural galega que el coñecía ben- ofrece unha mirada esperpéntica do xénero humano, nun contexto histórico no que os acontecementos políticos internacionais estaban deixando unha pegada de decepción e falta de esperanza.

A deformación das facies do rostro e a ocultación da identidade, son utilizados por moitos artistas da época como un recurso para plasmar esa falta de esperanza derivada do éxito de fenómenos políticos de masas de carácter totalitario e o fracaso do pensamento utópico. O entroido e a festa en xeral preséntanse como un espazo de liberdade no que, por uns días, a orde social pode ser subvertida sen consecuencias para os seus protagonistas.

O mundo infantil é tamén unha constante na obra de Laxeiro que, para el, significa un ámbito de liberdade e inocencia, aínda sen contaminar polas imposicións políticas e sociais do mundo dos adultos.

Dentro desa fascinación polo popular, a pesar da falta de relixiosidade do pintor, o románico popular deixará unha fonda pegada en Laxeiro e os calvarios serán un dos seus temas característicos ao longo da súa carreira.

A súa linguaxe plástica é, dende ben cedo, unha linguaxe libre de academicismos que, naqueles anos, adoita a coñecida como estética granítica, caracterizada pola aplicación de abundante pigmento, normalmente aplicado con espátula, co que o artista consigue unhas calidades moi achegadas á escultura en pedra e uns acabados nos que o debuxo se vai concretando a través da mancha pictórica, cun resultado no que o xesto gaña un evidente protagonismo.

O cromatismo terroso, característico das obras destes anos, incide, por unha banda nesa reivindicación da estética granítica ese aspecto escultórico da obra e, por outra banda, envolve as escenas nunha sorte de tenebrismo co que recolle unha liña de traballo da pintura española moderna que arranca coas Pinturas Negras de Goya e continúa coa obra de artistas como Gutiérrez Solana.

Todas estas características denotan a intencionalidade do mozo Laxeiro de construír unha estética propia que, no argumental, evidencia unha forte vocación narrativa e fabuladora, na que se fai evidente a súa experiencia como axudante de escenografía no Teatro Martí de La Habana, na súa adolescencia, e tamén a súa fascinación polas historias da cultura oral galega. Esta estética persoal ten tamén unhas características formais propias, como son a construción dunha forma de ver afastada da tradición mediterránea, que pon a atención nas imaxes ambiguas, como consecuencia da luz de Galicia, unha xeografía que mira, non ao Mediterráneo, senón cara ao Océano Atlántico, ao Norte onde o descoñecido vai conformando unha visión misteriosa do mundo.

Laxeiro Descoñecido I. Obras inéditas de primeira época, proponse así como o inicio dun proxecto artístico que, xa nos seus primeiros anos, deixaba ver unha forte personalidade que desenvolvería ao longo de todo o século XX unha das traxectorias máis brillantes e ricas da pintura galega.

Ver reportaxe no programa Zigzag Diario da RTVG

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo