Laxeiro, as viñetas que non foron ao prelo

Título                     Laxeiro, as viñetas que non foron ao prelo

Artista                    José Otero Abeledo, Laxeiro. (1908-1996)

Tipo de obra         Debuxo e pintura sobre papel

Comisariado        Javier Pérez Buján

Lugar                     Fundación Laxeiro, sala B

Inauguración        16 de xuño de 2026

Clausura               20 de setembro de 2026

Esta exposición rescata do esquecemento unha serie de debuxos realizados por Laxeiro na segunda metade dos anos vinte, cando o pintor, apenas saído da adolescencia e retornado da Habana, xa tiña decidido ser artista.

O título obedece a que, polo seu estilo e tamén pola técnica utilizada, estes debuxos aseméllanse moito aos coñecidos como os Monos de Laxeiro, unha serie de corenta e nove viñetas que o artista publicou nos xornais El pueblo gallego e Faro de Vigo entre 1928 e 1930, no que foi o seu primeiro traballo profesional. Estas viñetas foron recuperadas na súa totalidade pola Fundación Laxeiro en 2018 e mostráronse na exposición titulada Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa, para a que se publicou o libro co mesmo título, na editorial Laiovento.

Laxeiro, as viñetas que non foron ao prelo, recompila unha serie de obras sobre papel que parecen ser o antecedente daquel traballo periodístico, sospeita que se corrobora co feito de que no reverso dalgún destes debuxos, haxa escrito un diálogo entre os seus personaxes. Pero, máis alá da finalidade coa que estes debuxos foron realizados, descubrimos neles un indiscutible interese histórico, narrativo, plástico, e tamén estético, o que lles confire unha relevancia capital para o estudo e o coñecemento da obra do pintor.

  • Interese histórico: En primeiro lugar, ilustran o traballo dun Laxeiro moi novo que, neses anos vinte xa se vía como artista e andaba á procura da súa propia linguaxe. Na Habana, o mozo Laxeiro xa fora a clases de debuxo e pintura e desenvolvera traballos artísticos como axudante de escenografía no Teatro Martí, proxectista de vidreiras e debuxante publicitario. Presenciara ademais unha exposición de Xesús Corredoyra e outra de Ignacio Zuloaga que o impresionaron fondamente, ademais de pola súa calidade, polo tratamento da luz e a coincidencia coa experiencia visual da Galicia interior á que Laxeiro pertence. O predominio da escuridade e da cor negra conectaba de forma moi directa coa sensibilidade de Laxeiro, como se pode apreciar nas súas primeiras obras e, de forma case paradigmática, nalgunhas das que compoñen esta exposición, nas que a cor negra define a iluminación da escena e tamén o seu ton expresivo, ao servizo da ambientación de dúas escenas mortuorias.
  • Interese narrativo: Dende un punto de vista narrativo, malia que non está presente a vertente máxica que caracterizou unha parte importante do seu traballo posterior, nestes debuxos atopamos os principais temas da condición humana, como son o traballo, a festa, a maternidade, o amor e a morte, un fío condutor que anuncia o interese argumental do pintor polo que, con diversas variacións será o gran tema da súa produción: o factor humano en xeral e máis concretamente, as clases populares, como naqueles anos acontecía coa maioría dos artistas das vangardas internacionais.
  • Interese plástico:Estes debuxos temperáns, parecen estar feitos para a súa reprodución mecánica, debido á economía cromática -trátase de debuxos, case todos realizados en branco e negro- e á construción de sombras a partir da aplicación de tintas grises planas, ou de liñas que fan o efecto de sombreado. Todos eles, recursos moi adecuados para a reprodución fotomecánica dos xornais.
  • Interese estético: Podemos observar nestes debuxos diversas tendencias ben representativas daqueles primeiros anos do período de entre guerras, como o interese pola liña clara, e a construción dos volumes mediante o recurso de planimetrías con diferentes saturacións de grises, en consonancia coas aportacións dos movementos postcubistas, como se pode apreciar na parella de namorados. Por outra banda, apreciamos a adhesión a unha certa renovación do tenebrismo, introducido en España por José Rivera e O Greco, entre outros, e continuado a principios do século XIX, polo Goya das Pinturas negras e, xa nos primeiros anos do século XX, cultivado con profusión por José Guitérrez – Solana, ademais de polos xa mencionados Xesús Corredoyra e Ignacio Zuloaga. No caso destes debuxos de Laxeiro, trátase dun tenebrismo que se dá con total coherencia na forma e no contido, nas dúas pezas de temática funeraria. Mais este Laxeiro tan novo, xa radical nas súas formulacións, é quen de combinar eses recursos expresivos con outros rexistros, tamén moi da época, como ese trazo xestual, ás veces case mancha que, co paso do  tempo sería un dos seus sinais de identidade e que aquí xa están presentes. Non podemos obviar as similitudes e coincidencias ou, se se quere, a sintonía con estéticas europeas daqueles tempos de ruptura, como as que vemos con artistas que se movían entre o expresionismo e a nova obxectividade como os xermanos Otto Dix ou Georges Grosz, ou a coincidencia con estéticas postcubistas, que tiveron gran profusión na Europa dos anos vinte, impregnando a imaxinería de movementos como a Art déco. Estas coincidencias danse nunha época na que, debido á curta idade de Laxeiro, non é probable que coñecera estas tendencias artísticas, unha circunstancia que redunda nesa aptitude de Laxeiro como catalizador da sensibilidade das épocas que lle tocou vivir ao longo da súa carreira.

Estamos, por tanto, ante un Laxeiro moi novo, que xa se decanta por unha obra radical, de gran forza expresiva e unha temática centrada na peripecia humana, principalmente, en escenas populares, que oscila entre a tenrura da nenez e a mocidade, un certo hieratismo na escena familiar, un evidente naturalismo nas escenas populares de traballo, a utilización de certos recursos caricaturescos na escena festiva de músicos, e unha brutal crueza nas escenas funerarias.

Con estes debuxos, Laxeiro retrata a paisaxe humana da súa contorna, con todos os elementos culturais daquel contexto e, como consecuencia, retrata tamén a súa propia mirada, non só como espectador, senón como actor dun mundo ao que el mesmo pertencía. O incipiente artista en pleno período de aprendizaxe, capta todo ese mundo tradicional cunha linguaxe radicalmente nova e cosmopolita que, seguramente debeu resultar ben estaña á súa veciñanza.

Por todo isto, a coidada escolma de debuxos que forman esta exposición, aporta moita información sobre a posterior evolución de Laxeiro. Esa facilidade para catalizar o seu tempo estaba xa naqueles primeiros anos de procura dunha mirada propia, mesmo antes de viaxar a Madrid e estudar na Real Academia de Belas Artes de San Fernando e visitar o Museo de El Prado e, por suposto, moito antes da súa aventura arxentina.

Esta exquisita selección de debuxos inéditos dunha época tan temperá na traxectoria de Laxeiro, cando tiña entre 18 e 21 anos, é froito do labor de investigación que a Fundación Laxeiro ven desenvolvendo de forma continuada dende a súa creación en 1999; un traballo que resulta imprescindible para coñecer, cada vez con máis precisión, as características da evolución da obra do pintor, tanto no que atinxe á súa evolución persoal, como tamén, ao seu lugar no contexto artístico e cultural de cada momento da súa traxectoria. Se en 2009 publicamos o Catálogo universal do artista, coa editorial Nova Galicia Edicións, no que se recollían un total de 3.580 referencias, actualmente, a Fundación Laxeiro conta cunha base de datos de 4.600 obras catalogadas, unha circunstancia que fai que Laxeiro sexa o artista galego cunha produción máis controlada e coñecida e, por tanto, nos permita afondar en diferentes aspectos da súa obra.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2026 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo