Jorge Castillo, obra recente

16.07.2004 – 12.09.2004
Planta Baixa, Casa das Artes. Vigo 
En colaboración co Centro Cultural Deputación de Ourense 
Museo Provincial de Lugo 
Comisario: Francisco González Bouzán

Unha interesante mostra formada por 32 lenzos e 23 debuxos dos últimos anos (2000-2004) nos que o artista deixa constancia do excelente momento creativo no que se atopa.

O de Vigo é o derradeiro destino dunha itinerancia galega que pasou polo Centro Cultural da Deputación de Ourense (entidade promotora do proxecto) e o Museo provincial de Lugo e conta, na súa montaxe de Vigo, co atractivo de 23 dbuxos que o artista engade ós 32 lenzos que xa se mostraron nos seus anteriores destinos.

Jorge Castillo (Pontevedra, 1933) é a estas alturas, un nome clave no panorama artístico internacional da segunda metade do século XX. Cunha personalísima traxectoria, chea de referencias a diversas tendencias como o surrealismo, o expresionismo ou certos momentos de achegamento ó pop (lembremos a súa etapa de Nova York), a súa obra sempre se desmarcou da adscripción plena a cualquera destes movementos, tendo quizais, como fío conductor, un tratamnto argumental existencial que o emparentan coa pintura inglesa xurdida en torno á obra de Bacon.

A presente exposición, mostra ó Jorge Castillo máis vigoroso no trazo e a composición, centrando a maioría das pezas no tema da figura humana que, sen dúbida, lle da un carácter intimista ó conxunto da mostra. Non esquece, sen embargo, a súa paixón por esas paisaxes misteriosas, dun realismo máxico do que o valor máis interesante é quizais esa atmósfera que trascende ó propio motivo e que el sabe recrear como ninguén.

A medio camiño entre a figuración e a abstracción, Castillo deixa constancia do momento de síntese estilística que está a vivir na súa madurez, producto lóxico da serenidade da experiencia, tanto vital como profesional. Por todo isto, a mostra deixa constancia de que Jorge volve para quedarse. Despois da magnífica retrospectiva que o CGAC lle dedicara en 2001, a exposición que agora se pode ver en Vigo, é a demostración evidente de que o mellor Jorge Castillo, ten moito que ver co presente.

A exposición complétase cun video de factura pretendidamente doméstica no que, durante 45 minutos, se documenta o proceso debuxístico do artista, desde unha óptica intimista e cercana que posúe unha gran beleza plástica, debido ól tratamiento documental: son directo no que o ruido do rozamento do carbón sobre o soporte combínase co propio son da respiración do artista, marcando esta os tempos narrativos da peza.

A mostra, coproducida en colaboración coa Fundación Laxeiro, poderá visitarse hasta o 12 de setembro e promete ser o acontecemento artístico do verán na cidade.

Dous son os catálogos que se editan con motivo da mostra:

Jorge Castillo, obra recente. Editado pola Deputación de Ourense, con textos de Francisco González Bouzán (comisario da mostra) e Xosé F. Armesto Faginas. Unha luxosa edición de tapa dura e magníficas reproduccións da totalidade dos lenzos que forman a exposición.

Castillo, o debuxante. Editado polo Concello de Vigo, con textos do propio artista, Pilar Corredoira e dous breves extractos de Rafael Santos Torroella y Werner Haftman, ambos xa publicados con anterioridade.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo