Identidades feridas. Da arte na doenza e na enfermidade

21.12.2001- 16.01.2002
Artistas participantes: Mª Xosé Ares, María Jesús Fariña Busto, Dolores Gálvez, Lucía Gómez, Ernesto González Torterolo, Enrique Lista, Juan Carlos Meana, Alex Mene, Jorge Migoya, Marta Riv, Sara Sapetti
Comisario: Xosé Manuel Buxán Bran

Neste proxecto expositivo a arte galega reflexiona sobre a doenza e a enfermidade como materia artística, temática que resulta paradoxal e novidosa no panorama expositivo desenvolvido na nosa Comunidade. Tan só houbo unha exposición ao respecto, comisariada por Juan de Nieves, que se realizou no Pazo de Fonseca, organizada polo Vicerrectorado de Política Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, titulada SIDA, Pronunciamento e acción, no ano 1994. Pero naquela ocasión os artistas participantes procedían todos e todas de fóra de Galiza. Agora, desta volta, a exposición xurde, na súa práctica totalidade, das reflexións feitas no noso própio contexto polas novas fornadas de estudantes saídos da Faculdade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

Se a exposición da Universidade de Santiago de Compostela tiña como leitmotiv a doenza da sida, tamén desta volta é a sida a impulsora primeira deste proxecto xurdido dentro do programa de reflexións e accións cidadás proxectadas por Legais, o colectivo de lesbianas e gais de Vigo, en colaboración coa Concellería de Benestar Social do Concello de Vigo co gallo das actividades a desenvolver ao redor do 1 de decembro de 2001, Día Mundial da Loita contra a Sida. Mais a reflexión en torno a sida que xurdiu primeiramente foise estendendo cara os diferentes pregues da enfermidade e as doenzas ata conformar o que é agora Identidades feridas que organiza a Fundación Laxeiro de Vigo.

Identidade Feridas son as reflexións de once artistas novos e novas que tratan de diagnosticar a pulsión artística que se acubilla en torno ao corpo doente, ao corpo en crise e ao corpo na enfermidade, dende linguaxes, técnicas e soportes diversos.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo