Full View de Belén Uriel

16.05.2008 – 28.09.2008

Sala B. Fundación Laxeiro
Comisario: Javier Pérez Buján
Proxecto gañador das Bolsas Feima-Fundación Laxeiro á creación artística
Prorrogada ata o 28 de setembro

Co título Full View a artista Belén Uriel (Madrid, 1974) presenta a súa primeira exposición individual en Vigo, na sede daFundación Laxeiro.

 

O PROXECTO

Full View é o proxecto gañador da pasada edición das Bolsas Feima-Fundación Laxeiro á creación artística, patrocinadas pola Fundación Feima, cuxo premio consiste en 3.000 euros + 2.000 euros en compra de obra e a inclusión do proxecto expositivo gañador na programación de exposicións temporais da Fundación Laxeiro en Vigo e a Fundación Feima en Madrid, ademais da edición de un exhaustivo catálogo retrospectivo sobre a traxectoria da artista cun texto en galego, castelán e inglés, nesta ocasión, asinado pola crítica de arte Elena Vozmediano.

Full View xurde como unha reflexión sobre a interacción entre a paisaxe natural e a súa alteración por medio da acción humana, en concreto, por medio da construcción de vivendas que, con frecuencia, responden máis a un interese especulativo que á necesidade de acubillo do ser humano.

 

A artista dá forma a esta reflexión nun traballo que se articula en dous tempos:

Realización de fotografías dunha urbanización de vivendas unifamiliares, que nunca chegóu ser rematada, no municipio de Pantín (A Coruña). A urbanización ofrece un aspecto inusual no que a Natureza se toma a súa “revancha”, invadindo con vexetación as estruturas a medio facer das devanditas vivendas. O aspecto desta paisaxe resulta ambiguo, xa que, por unha banda, as vivendas en construción seguen prometendo un proxecto de futuro (atópanse ademais en moi bon estado); e por outra banda, a vexetanción impide o acceso e testamuña a falla de actividade construtiva. Co resultado deste traballo, a artista  construíu unha vala publicitaria que estivo instalada na entrada ao pobo de Cedeira (A Coruña), integrada con outras valas publicitarias que sí respondían a promocións inmobiliarias reais. O resultado é un soporte comunicativo que resulta, en palabras da propia autora “extranamente familiar”. “Familiar” pola súa ubicación nunha contorna usual para este tipo de soportes publiciarios e, “extrana” porque non emprega os mesmos códigos comunicativos: a imaxe representada conleva unha grande carga poética e metafórica na que, en contraposición ao habitual, é a natureza a que invade o espazo urbanizado. Ademais carece de texto que reclame a atención do espectador. Por último, non se trata dunha infografía en tres dimensións dunha construción futura, senón dunha fotografía dunha construción presente.

Instalación da vala publicitaria no espazo expositivo da Fundación Laxeiro. A partir do 16 de maio, se pode ver a vala instalada fora do seu contexto orixinal – o espazo exterior da publicidade de estrada – para ser contemplada no espazo neutro da sala de exposicións. A vala imponse na súa materialidade, con toda a súa presenza escultórica, fóra da contorna habitual deste tipo de publicidade.

A estrutura metálica, a iluminación e a ilustración fotográfica son os únicos elementos a partir dos cales, a autora constrúe un espazo irreal, establecendo unha narrativa propia que invita a reflexionar sobre o sentido da inercia empresarial inmobiliaria que, frecuentemente se apoia na idea de luxo e status social para acometer intervencións que degradan a paisaxe do noso litoral. O propio título do proxecto alude á idea de vivendas “con vistas panorámicas ao mar”, unha contradicción que se fai patente nesa degradación da contorna a favor do gozo de uns poucos (os propietarios).

 

A ARTISTA

O pensamento de Belén Uriel móvese no ámbito da realidad visual entendida como un artificio constuido entre o autor e o espectador que completa o sentido da obra de arte. Por iso, o seu traballo sole estar a medio camiño entre a instalación e osite specific, co fin de maximizar esa sensación de artificialidade que toda percepción visual leva implícita, por tratarse dun mecanismo de interpretación e, por tanto, de construción mental.

A fotografía, o video e a intervención no espazo solen ser os soportes cos que Belén Uriel traballa habiualmente para construir mensaxes que nos alertan sobre a relativa “fiabilidade” da nosa percepción e a manipulación da que somos susceptibles, mediante o consumo de mensaxes pensadas para influir na nosa conducta como consumidores de productos, usuarios de servizos ou electores políticos.

Licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, Belén Uriel vive actualmente entre Cedeira e Londres, onde cursou estudos dentro da Associate Research Course en el Chelsea College or Art and Desing de Londres. Entre outros premios e becas, destacan: a Beca Generación 2008 de Cajamadrid; Primeiro Accesit no Premio de Fotografía e Pintura de ABC, en 2006; Beca colección CAAM de Artes Plásticas en 2005; Beca residencia en Pekín, en 2004, pola Red Mansión Art Foundation Prize; ese mismo ano foi becada polo INJUVE para ampliación de estudos en Londres e Mención de Honra no Premio ABC de pintura e fotografía, ademais de Premio Adquisición na Mostra Unión Fenosa. En 2003 foi Premio Joven de Artes plásticas na Fundación General Universidad Complutense de Madrid E Premio adquisición no Certame de Artes plásticas da UNED. Foi tamén Premio Generación 2002 en Caja Madrid.

A súa traxectoria expositiva contempla catro exposicións individuais en Madrid (Galería Vacío 9; Galería Valle Quintana, Galería Espacio F e o Centro de Arte Joven de Madrid) e Lisboa (Enes, Arte contemporánea). Ademais ten participado en numerosas exposicións colecitvas, entre as que destacan a realizada en 2007, dentro do programa Intermediae na sala El Matadero de Madrid; Space Odity, en Lxprojects, Lisboa; Art Brussels 07, no stand da Galería Vacío 9; e coa mesma galería, en México, arte contemporáneo; Círculo de Bellas artes de Madrid; e ARCO 07, tamén coa galería Vacío 9. En 2006 destaca a súa participación na exposición colectiva The tales of Hoffman, en St. Agustine’s Tower, en Londres; The Process Room, no IMMA de Dublín, Irlanda; e diversas feiras. En 2005 participa en Transit, Action Field, Kodra na cidade de Tesalónica, en Grecia; Inéditos 2005 na Casa Encendida de Madrid; E The Cavern, no Chelsea College of Art and Design, en Londres. En 2004 participou na mostra colectiva organizada por Red Mansion Art Foundation Prize, en Pekín, ademais de diversas exposicións en Londres e Madrid.

 

AS BOLSAS FEIMA-FUNDACIÓN LAXEIRO Á CREACIÓN ARTÍSTICA

Esta iniciativa, unha das máis interesantes no apoio aos novos creadores en Galicia, enmárcase dentro da liña de difusión dos creadores emerxentes que a Fundación Laxeiro leva adiante desde a súa constitución.

O formato actual da convocatoria está dirixido a artistas galegos ou residentes en Galicia, menores de 36 anos que deben presentar un proxecto expositivo pensado para a sala B da Fundación Laxeiro, presentándose un total de 31 proxectos na presente edición.

 

O premio do proxecto gañador consiste en:

3.000 euros

2.000 euros en concepto de compra de obra

3.000 euros para produción de obra para a exposición

Inclusión da exposición na programación da Fundación Laxeiro en Vigo e  da Fundación Feima en Madrid.

Edición dun catálogo que recollerá non só a obra exposta, senón toda a produción anterior do artista gañador, co fin de que se convirta nunha ferramenta eficaz de difusión do seu traballo. O catálogo leva un texto que analiza a obra da artista, asinado por algún crítico de relevancia e editado en tres idiomas: galego, castelán e inglés, ademais de reproduccións da obra.

 

Esta convocatoria consta ademais de 2 premios adquisición, por valor de 2.000 euros cada un que, nesta edición se ampliaron a tres, dado o gran interese dos proxectos presentados. Os galardoados foron:

Antía Moure, Monforte de Lemos, 1981

Ronda Bautista, Combarro, Pontevedra, 1984

Emilio Cendón, Vigo, 1977

 

Os gañadores de pasadas edicións foron:
Edición 2004: Antón Cabaleiro, Santiago de Compostela, 1977
Edición 2005: Amaya González Reyes, Sanxenxo, Pontevedra, 1979
Edición 2006: Mar Vicente, Baladouro, Lugo, 1979
Premios adquisición 06: Samuel Castro, A Coruña, 1981;
Pablo Pérez Sanmartín, Vilagarcía, Pontevedra, 1980

A existencia das bolsas FEIMA-FUNDACION LAXEIRO e posible grazas o patrocinio e apoio da Fundación Feima.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo