Francisco Curra. O abstracto e o concreto

FICHA TÉCNICA

Título Francisco Curra. O abstracto e o concreto. Fotografías 1988-2005
Comisariado Javier Pérez Buján
Tipo de obra Fotografía
Lugar Fundación Laxeiro. r/Policarpo Sanz, 15, 3º, Vigo
Inauguración Venres, 5 de abril, 19.00h
Clausura Domingo, 9 de xuño

A Fundación Laxeiro presenta esta individual do fotógrafo Francisco Curra (Bueu, Pontevedra, 1964), un artista atípico cunha traxectoria de máis de trinta anos que apenas ten amosado o seu traballo en todo este tempo. Por iso, esta exposición ten certo carácter de primicia, de presentación dun autor que, a pesares da súa experiencia, practicamente se estrea no ámbito expositivo.

O PROXECTO

O abstracto e o concreto é un proxecto de síntese, realizado a partir dunha coidada selección de trinta fotografías analóxicas en branco e negro, datadas entre 1988 e 2005, procedentes do arquivo persoal do autor, nas que deixa constancia do seu talento para producir imaxes cunha gran carga poética, a partir do ámbito cotiá.

Cun ton introspectivo, Francisco Curra vainos guiando pola súa intimidade, nun itinerario formado por interiores domésticos, retratos e paisaxes que consigue atraparnos a través dun tratamento formal impecable, no que as sutís gamas de grises e unha composición precisa, nos introducen de cheo nos límites do visible.

O abstracto e o concreto convídanos á fabulación a partir da contorna cotiá nun exercicio de contemplación que transcende as imaxes captadas para levarnos ao mundo interior do autor, no que seguramente, hai algo tamén do noso.

A OBRA

Un dos aspectos de maior interese quizais resida no contraste entre o clasicismo da súa linguaxe e a fragmentación da súa narrativa, que nos sitúa ante unha mirada inequivocamente contemporánea, dende a que cuestiona a construción da realidade e introduce un certo desasosego argumental que está presente en toda a exposición, unha crise do narrado na que o que se agocha, o que apenas se ve, é quizais o fío condutor.

Insinuar, non dicilo todo, mostrar só o imprescindible, ou quizais un pouco menos, é o recurso adoitado por Francisco Curra para invitarnos a transitar camiños incertos e preguntarnos por outras maneiras de ver e, por tanto, outras maneiras de situármonos no mundo, e todo iso, a partir do ámbito cotiá, o dos espazos e dos obxectos coñecidos e familiares, cuxo misterio é desvelado nun exercicio de hixiene da mirada, mediante o que é posible descubrir como algo novo, o xa visto.

A súa preocupación pola forma adquire todo o seu sentido no momento no que conseguimos transcendela e centrarnos no que Francisco Curra propón como elemento de reflexión. Para o autor, a forma é só un medio de expresión, unha ferramenta para conseguir contar algo que, frecuentemente, está só dito a medias. Por iso as súas fotografías poden parecer un mero exercicio compositivo para mudar, despois dunha observación máis atenta, nunha pregunta ou nun problema sen resolver, case sempre formulado a partir dun proceso solitario de captación das imaxes que potencia esa estética da insinuación.

A MONTAXE

A tensión entre clasicismo e actualidade á que faciamos referencia, intensifícase no modo elixido de mostrar a obra que, positivada de forma analóxica e en pequeno formato e enmarcada de maneira convencional, se distribúe por temas, pero de maneira regular, no espazo, adoitando unha retórica expositiva tamén moi clásica e potenciando así unha relación de intimidade co espectador, a través da que accedemos ao mundo visual do artista, enchido de historias inconclusas, nas que a fragmentación do discurso se potencia, ao propoñer unha lectura lineal e clásica, na que se fai fincapé no que cada fotografía expresa de forma individual.

A idea do abstracto e o concreto queda así escenificada mediante unha disposición expositiva que nos remite á fotografía clásica e nos invita a dar ese salto conceptual da contemplación da imaxe concreta e recoñecible, á construción de puntos de fuga na interpretación do observado, superando así a función documental da fotografía, para introducirnos na especulación poética da expresión plástica.

O ARTISTA

Como diciamos ao principio, Francisco Curra é un artista alleo aos circuítos expositivos e editoriais da arte e a fotografía. Con algunha exposición colectiva a finais dos anos oitenta en Vigo e Ourense, esta é a súa primeira exposición individual, na que o artista quere mostrar parte das súas orixes como fotógrafo, nas que bebeu de clásicos como Alfred Stiglitz, Eugene Atget, Andre Kertesz ou Laura Gilpin e autores posteriores, clásicos tamén, como Gabriele Basilico, Philip-Lorca Dicorcia, impregnado desa atracción polo branco e negro que a finais dos anos setenta e nos anos oitenta, practicaron autores como Francesca Woodman, Mapplethorpe, García Rodero ou García-Álix.

A partir destas referencias, vai construíndo unha estética propia que centra o seu interese nos obxectos, na paisaxe e, con menos frecuencia nas persoas, evolucionando cara a un imaxinario persoal a partir da proximidade, que lle serve para construír unha poética que transcende a concreción das imaxes fotografadas e nos introduce nun universo aberto a múltiples interpretacións.

Con esta exposición, a Fundación Laxeiro quere apostar pola difusión do traballo dun artista moi solvente, centrándose nunha etapa moi frutífera na súa produción e apenas difundida, co propósito de normalizar a súa proxección. O artista presenta este proxecto cunha actitude de peche de etapa, para centrarse en futuros proxectos expositivos, compostos de obra máis recente que abre outras vías de investigación das que, sen dúbida, seremos testemuñas nun futuro.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2019 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo