Faílde. Anatomía da pedra

Título: Faílde, anatomía da pedra

Comisariado:
Natalia Figueiras

Tipo de obra:
escultura

Lugar: Fundación
Laxeiro. r/Policarpo Sanz, 15, 3º, Vigo

Inauguración:
4 de xullo

Clausura: domingo, 15 de setembro. Prorrogada ata o 29 de setembro

ANO FAÍLDE

A Fundación Laxeiro súmase ás actividades programadas con motivo do Ano Faílde, promovidas polo concello de Ourense, co apoio da Xunta de Galicia, unha iniciativa que reivindica a figura e a obra de Antonio Faílde (Ourense, 1907 – 1979), nesta ocasión, dende un enfoque concreto, como é o do seu traballo en pedra máis persoal, formado por unha selección de obras realizadas por iniciativa propia do autor, sen formaren parte de encargas de terceiros, polo que o que se pretende con esta exposición, é achegar ao público a faceta máis persoal do proceso creativo do artista.

O testemuño e a total colaboración do seu fillo Miguel Ángel Faílde, falecido recentemente, e a conservación e custodia que este exerceu sobre estas obras, resultou ser un factor decisivo na concreción da exposición. Dende a Fundación Laxeiro queremos recoñecer e agradecer este labor e ademais, facer público o noso pesar pola súa recente desaparición.

O ARTISTA

Antonio Faílde naceu en
Ourense en 1907 na parroquia de San Lourenzo de Piñor e en 1957 foi nomeado académico
da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, o que potenciou a súa
carreira como escultor, artista e mestre. Foron moitas as exposicións rexionais,
nacionais e internacionais nas que se incluíron obras súas, tanto en vida do
artista, como despois do seu falecemento.

Inicia a súa aprendizaxe como escultor en Piñor, seguindo os pasos do
seu tataravó, senteiro que traballou mesmo ó tacto cando, xa ancián,
quedou cego. Aos doce anos, traballa como canteiro en Ourense, en tarefas
industriais que lle dan un grande dominio do oficio. Matricúlase na Escola de
Artes e Oficios.

Ao concluí-lo primeiro cuarto do século XX, Faílde ten xa o seu propio
taller e nel iníciase na verdadeira creación artística, convencido de poder ser
un escultor persoal a partir do seu oficio de canteiro e tallista. En Ourense
convive con outros artistas e estuda apaixonadamente a catedral, poñendo
especial atención no pórtico, pertencente á escola do Mestre Mateo. Acode tamén
ao museo, para se empapar das vellas formas da pedra, dende as mostras ibéricas
ata a imaxinería relixiosa do barroco.

Traba amizade cos intelectuais da Xeración Nós: Risco, Cuevillas, Otero
Pedrayo. Faílde comeza a expresarse na talla directa do granito do país, a
partir da herdanza do románico e do gótico. Pouco antes da Guerra Civil é
bolseiro da Deputación ourensá para seguir estudios na Real Academia de
Bellas Artes de San Fernando
de Madrid. Concluída a contenda, regresa a
Ourense e gaña unha praza de profesor na Escola de Artes e Oficios, un posto
que desempeñou ata o seu cese voluntario en 1956.

Faílde tardou moito tempo en expoñer a súa obra persoal. As primeiras
mostras datan de 1949, en Ourense, 1950, en Vigo, e en 1951, en Bos Aires. Na
cidade viguesa acada considerable eco, dentro do escaso ambiente artístico que daquela
se vivía nun medio eminentemente industrial. Preséntase en Madrid en 1953. A
crítica máis esixente eloxia a este escultor diferente, tradicional e
modernísimo a un tempo.

A resonancia das súas aportacións lévano a ser elixido membro correspondente
da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en 1957. Realiza en
Madrid unha gran exposición monográfica na Dirección Xeral de Belas Artes, en
1960.

Volve expoñer en Madrid en 1968, dúas veces máis en Vigo, nas salas da
Caixa de Aforros, esa mesma institución dedicaralle unha antolóxica póstuma en
1986. Tamén leva a súa obra a Caracas, en 1979, ano no que falece na súa cidade
natal, a primeiros de xuño.

A EXPOSICIÓN

Anatomía da pedra é un proxecto comisariado por Natalia Figueiras para a Fundación Laxeiro
que, como diciamos ao principio, se compón de obras realizadas para o artista,
libres por tanto, de calquera concesión técnica, formal, estilística ou
temática, derivadas das circunstancias da obra feita por encarga.

Así, as quince esculturas que
compoñen esta selección, permítennos mergullarnos no universo máis persoal do
artista. Trátase de pezas das que o escultor nunca quixo desprenderse e que,
por tanto, pertencen ao seu ámbito privado, ao que volverán, unha vez rematada
a exposición.

Nesta selección, Antonio Faílde puido desenvolver o seu proxecto
estético en completa liberdade e por iso, supoñen unha boa mostra das súas
preocupacións como artista. O escultor encara o proceso creativo dende unha convicción
apriorística que entende que a escultura final xurde da natureza da propia pedra,
porque sempre formou parte dela. Neste sentido, o escultor actúa como un descubridor,
alguén que, ao xeito de Michelangelo, extrae o que xa estaba contido na pedra
orixinal.

Faílde confiaba en que a obra
estaba creada antes da súa intervención, que os personaxes das súas esculturas
existían na natureza dende as orixes do material. A materia era para el un
estado latente, á espera de que a súa visión de creador puidese extraer o que sempre
estivera alí, a expensas do rescate e da visibilidade que obterían cando a súa
man puidera salvalas do anonimato.

A OBRA

Na escultura de Antonio Faílde
danse dúas características indisolubles, por unha banda, a emoción contida da
expresión do corpo e, por outra, a emoción exultante do proceso creador na fase
de recoñecemento. Algo así como a emoción expresada nos seus dous polos de
intensidade, a enerxía vital do acto creativo e a quietude, calmada e
silenciosa do que xa habitaba na materia da pedra, que o escultor fai visible.
Unha da orixe á outra, e ambas son xeradoras de emoción.

O mestre guíanos nun diálogo
en voz baixa, coa emoción do proceso de creación que finalmente se expresa en
cada obra, unha vez rematada. Con esta idea, o autor busca chegar á verdade que
habita en cada persoa, a esencia que, máis alá da superficie axitada do día a
día, está presente en cada individuo. Trátase por tanto, dunha actitude que,
partindo da representación do cotiá, de anatomías humanas concretas, tenta
chegar ao máis fondo da esencia do ser humano.

Faílde concibía ao ser humano na súa
relación co medio e os seus semellantes, dende o vínculo fraternal da tenrura e
a inxenuidade. A súa escultura é admirada pola emoción contida que emana da utilización
formal dos volumes e, no plano narrativo, dos diálogos entre os personaxes.

Faílde desenvolveu a súa obra en torno a dous
xéneros predominantes, o cotiá e o nú feminino, levados ambos a unha
interpretación en ocasións, mitolóxica e alegórica. Traballou incansablemente a
anatomía do corpo, viaxando entre a figuración máis académica e a experimentación,
onde o volume natural da rocha, semella apoderarse do que nun principio, foi un
corpo humano. Faílde identificaba na materia natural, ao ser humano xa creado.

De aí que a materia natural, utilizada como
materia plástica, sexa transformada polo artista entendendo que contén a forma
humana en si mesma, xa dende un principio. A materia da pedra, soporte maioritariamente
traballado polo artista, alcanza a súa máxima expresión na contención do movemento
e o carácter pechado e compacto da anatomía.

Todas estas características son concretadas nunha obra que unifica a tradición galega da escultura en pedra, principalmente o románico, e un compromiso inquebrantable de renovación, dous factores nos que coincide co resto de Os novos e o seu proxecto de renovación, dentro do contexto internacional da figuración non realista do primeiro terzo do século XX.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo