Espantallos 2012-2025. Manuel Sendón

FICHA TÉCNCIA

Título:                        Espantallos 2012 – 2025

Artistas:                      Manuel Sendón

Comisariado:            Manuel Sendón / Javier Pérez Buján

Tipo de obra:            fotografía

Inauguración:           mércores, 11 de febreiro de 2026

Clausura:                  domingo, 10 de maio de 2026

Lugar:                        Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 3º, Vigo

Espantallos 2012-2025 nace cando Manuel Sendón se decata de que os espantallos que el fotografara entre 2012 e 2014, teñen unha vida máis longa do que cabería esperar. Sendón mudou a súa mirada e, onde vía obxectos efémeros e fráxiles, comezou a ver personaxes fortes que ían cambiando ao longo do tempo con máis ou menos fortuna.

Ao conferirlles a estes espantallos unha proxección a través do tempo, Sendón incide, por unha banda, no seu status como personaxes e, por outra, na súa evolución, e conforma así tres historias coas súas respectivas peripecias vitais. O desenlace non sempre se concreta no feito de morrer, senón que tamén teñen cabida outras posibilidades como o feito de resistir e mesmo de rexurdir.

A obra de Manuel Sendón, caracterizada ao longo da súa  traxectoria por un interesante equilibrio entre o documental e o poético, pon o acento neste traballo no elemento narrativo, co que nos propón unha relectura dos seus coñecidos espantallos, despois de facer fincapé na vivacidade do momento presente en proxectos como Cuspindo a barlovento, 2003; conferirlle á súa fotografía unha marcada función evocativa, como na serie Derradeira sesión, 2009; ou de pararse no estrañamento ante a potencia escultórica dos obxectos que o mar devolve á terra, mostrado na serie Crebas, 2007-2020.

Esta función narrativa, lonxe de ser unha fin en si mesma, preséntase como un recurso expresivo mediante o que Manuel Sendón nos fala metaforicamente da situación do agro nestes tempos de auxe do neoliberalismo máis salvaxe, nos que o mundo rural parece esmorecer, ao tempo que continúa resistindo dunha maneira case incrible.

A idea de deterioración e de decadencia material como símbolo do final dun período, outra das características da obra de Sendón, volve estar presente neste traballo e, con ela, podemos entender tamén unha chamada de atención sobre a actual situación mundial, na que os sinais que anuncian a fin dunha época parecen ser cada vez máis evidentes.

Como xa acontecera cando presentou Espantallos en 2014, o proxecto incide sobre outras ideas que se evidencian nestas fotografías, como o recurso da reciclaxe de materiais como un elemento totalmente integrado nas culturas rurais europeas dende sempre, por suposto, moito antes do auxe do movemento ecoloxista. Ao fío desta cuestión, o autor comenta no texto que acompaña a exposición o criterio diferente co que ás veces xulgamos unha solución de reutilización de elementos cotiás, como por exemplo, unha bañeira convertida en bebedoiro, que podemos admirar como unha solución enxeñosa e sustentable ou rexeitar como un exemplo de feísmo.

Outra interesante reflexión que propón o autor, é a observación que fai sobre unha certa actitude estética que se adiviña na realización dos espantallos, nos que se poden rastrexar as diferentes autorías polas características expresivas e construtivas empregadas. Este desprazamento da funcionalidade á recreación estética, é un elemento que Sendón quere destacar, entre outras cousas, pola coincidencia deste proceso con certas estratexias da arte contemporánea, consistentes na re-contextualización de obxectos (compact disc, fitas magnéticas, roupa, recipientes…) do mesmo modo que Duchamp creaba os seus célebres ready-made, unha forma coincidente de utilizar os obxectos dende dous mundos ben afastados, como son o mundo campesiño e o mundo da creación artística.

Dende o principio, o elemento temporal e narrativo marcou a montaxe da exposición, de xeito que pronto se chegou á conclusión de artellar unha montaxe que potenciara unha lectura secuencial das imaxes das tres series que conforman a totalidade da mostra.

Esta solución en secuencia impuxo tamén unha presentación das fotografías nun mesmo tamaño de 50 x 50 centímetros e sen elementos externos á propia imaxe, como marcos, passe-partout, cristais, cartelas, etc., na procura dunha lectura limpa que relacionara dunha forma natural as imaxes de cada serie entre si, case ao xeito de fotogramas.

Para potenciar esta visualización, optouse por utilizar unha luz cálida e puntual que incidira en cada unha das trinta e dúas fotografías que conforman a exposición e pintar os panos expositivos dunha cor gris case negra, de forma que a combinación de todos estes recursos, propiciara unha observación limpa e concentrada, sen elementos alleos ás imaxes fotográficas, moi preto da experiencia cinematográfica.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2026 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo