Elisa Terroba. Tecer os referentes

Título                 Tecer os referentes

Artista                Elisa Terroba

Tipo de obra     Escultura, instalación, libros intervidos, papel tecido

Comisariado    Yaiza González / Pedro Gallego de Lerma

Inauguración   17 de xullo, a partir das 18h

Clausura          4 de outubro

Comisariada por Yaiza González e Pedro Gallego de Lerma, Tecer os referentes proponse como un exercicio de post produción co que a artista busca desmontar, disolver e fragmentar o libro para volvelo montar de forma diferente, deconstruíndo e pervertendo as súas estruturas, construíndo unha nova orde matemática e incidindo na realidade híbrida que o libro vive na actualidade e na modificación da súa linguaxe na sociedade dixital.

O PROXECTO

O proxecto enmárcase na investigación que a artista leva realizando nos últimos anos sobre o significado do libro como ferramenta de transmisión de coñecementos.

A artista inclúe pezas como a serie titulada Tapices, que articula toda a mostra. Tapices está composta por libros cuxas páxinas desmontou e cortou coidadosamente, para transformalas nos fíos de papel cos que, literalmente, tece un tapiz que permite contemplar todo o contado a un tempo, pero facendo inintelixible o contido orixinal.

Esta estratexia ilustra a necesidade de tecer os referentes, como mecanismo de re – interpretación do xa contado, do que se da por sabido, cuestionando así as narrativas que construíron a nosa herdanza cultural a partir de relaciones de poder que deben ser revisadas.

A súa preocupación por traballar nos límites do libro concrétase así nun traballo que, máis que propoñer solucións, apunta cara á idea de crise dunha narratividade que xa non vale para explicar o mundo. Elisa Terroba instálase así no territorio do conflito entre o narrado e o acontecido, traballando nos límites do formato libro, como xesto metafórico que, no fondo, está apuntando aos límites do discurso como dispositivo de construción do real.

O proxecto é unha colaboración coa gelería La Gran.

A EXPOSICIÓN

 A artista retorna a Galicia, onde cursou el Máster en Arte contemporánea en 2014, esta vez cunha exposición individual na que desprega todos os seus recursos expresivos para ofrecernos a súa mirada crítica sobre o peso do libro como mecanismo de construción cultural.

A medio camiño entre a Instalación, a escultura e a documentación, Terroba propón unha montaxe articulado formalmente a partir de tres soluciones técnicas, como son o tecido de papel, colgado en parede como un cadro convencional, a escultura en papel e o libro intervido.

Con estes tres recursos técnicos, aos que engade unha manta realizada pola súa nai, da que se apropia, como testemuño obxectual e simbólico da acción de tecer, a artista centra a temática na Historia da Arte, con pezas de parede como Velázquez, Ribera, Goya, El Greco, tapices de papel, todos de 2019, ademais de El Realismo y el Impresionismo, La pintura en el Barroco, Art Decó, Arte y nuevas tecnologías, el Fauvismo y el Expresionismo, realizados entre 2019 e 2020, aos que engade seis pezas feitas expresamente para a exposición, realizadas con seis catálogos da serie Laxeiro, debuxos inéditos, cos que completa a temática referente á Historia da Arte. Todas estas titúlanse como os libros que utilizou, descompoñéndoos e tecéndoos.

Completan a exposición pezas de tres dimensións, como Cuentos para dormir, 2015-2018, unha obra na que tritura as páxinas de varios libros de contos, mudando no recheo de varios coxíns transparentes, invitándonos a descansar sobre un montón de palabras escritas e impresas que, desordenadas, alteran por completo o seu sentido.

Esta parte escultórica complétase coa obra titulada Boom, 2012-2018, unha instalación formada por seis libros con forma de proxectís bélicos, pendurados do teito, como metáfora do gran poder que tivo o libro, como elemento de transformación das mentalidades e, por iso, obxecto de ataque en certos períodos históricos.

Por último, a parte máis documental está representada por obras como Museo del Prado, 2019, unha peza en tres dimensións, realizada a partir do libro intervido do mesmo título e a obra titulada Impresiones, 2015, consistente nunha colección de colofóns de diversas publicacións como testemuño temporal e histórico que contextualiza no tempo cada publicación.

Tecer os referentes propón así un exercicio de distanciamento do peso que o libro sempre tivo na cultura, mediante estratexias de deconstrución que, no fondo, non son máis que diferentes xogos, á maneira dos xogos da linguaxe propostos por algúns pensadores do século XX.

A ARTISTA

Elisa Terroba (Málaga, 1986) desmonta a linguaxe e os libros para volvelos montar de forma diferente, deconstruíndo e pervertendo as súas estruturas para así xerar discursos e formas mutantes que nos recordan a realidade híbrida que vive na actualidade o libro e como a linguaxe se ve modificada na sociedade dixital.

As novas estruturas que xera (obxectuais unhas veces, dixitais outras) fan desaparecer a narración literal do texto orixinal para expandirse e revelar as infinitas variables do seu contido. Así, os seus libros, convertidos en obxectos e en poesía visual, narran cousas distintas aos seus propios argumentos.

Nun momento no que o libro vai deixando de ser “unha extensión da memoria e da imaxinación”, mediante a cosificación do seu código, a artista investiga o “arrefriamento” que sufre como obxecto na era dixital e o desprazamento da memoria da humanidade cara a outros soportes.

Elisa Terroba acompaña o seu discurso conceptual con referencias ás vangardas e á arte dixital máis contemporánea, establecendo pontes entre pasado e presente e facendo novas lecturas da tradición cunha linguaxe plástica inspirada con frecuencia en elementos do deseño industrial máis utópico e unha resolución técnica moi coidada: “A metade do meu traballo artístico dedícoa a construír ferramentas propias e a procurar a mellor resolución técnica para a idea que quero levar a cabo.”

Ten exposto individualmente en Lamosa (Cuenca, 2015); Fundación Antonio Pérez (Cuenca, 2015); Galería Theredoom  (Madrid, 2014) e Galería La Zúa, (Madrid, 2014). A súa obra forma parte de coleccións como as do Centro de Documentación MUSAC de León; Biblioteca Nacional de Madrid; Casa de Velázquez de Madrid; Centro de Arte Contemporáneo Fundación Antonio Pérez de Cuenca; Colección Los Bragales e Colección Alicia Aza.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo