Coodenadas Incertas. Colectivo AlNorte

Título Coordenadas incertas
Artistas Colectivo AlNorte: Cristina Brea – Raquel Calviño – Rita Ibarretxe – Paula Pez
Tipo de obra Fotografía, vídeo
Comisariado Rita Ibarretxe
Inauguración 23 de outubro, 2020, 18h
Clausura 24 de xaneiro, 2021
Lugar Fundación Laxeiro c/Policarpo Sanz, nº 15, 3, Vigo tlf: 986-43 84 75 fundacion@laxeiro.org; www.laxeiro.org

Os catro puntos cardinais serven de referencia espacial para artellar un proxecto expositivo que ofrece unha reflexión sobre as certezas e incertezas da identidade construída ao longo da nosa vida e que nos sitúa no mundo dunha forma determinada.

O PROXECTO

Coordenadas incertas é unha proposta na que o colectivo AlNorte fai un achegamento a problemas existenciais comúns, adoptando a referencia xeográfica dos catro puntos cardinais como punto de partida, para poñer en común os seus respectivos traballos, fotográficos e videográficos, moi diferentes en canto a estética e linguaxe.

NORTE

Cristina Brea (Vigo, 1973) identifica o Norte como a latitude principal, a referencia que toma o compás para establecer os catro puntos cardinais. Un destino, mais tamén un punto de partida, frío, racional, cheo de luz que a artista identifica coa cordura. Non en van, expresións como perder o norte fan referencia á desorientación e á loucura. Cristina Brea toma o corpo humano como motivo nas obras que presenta neste proxecto, desprazando así a xeografía terrestre á xeografía humana e advertindo da fraxilidade da nosa propia orientación no mundo.

SUR

Raquel Calviño (Pontevedra, 1970) mira cara ao Sur como ámbito da luz constante e cálida, como ese territorio no que a experiencia da mirada é exuberante e plena, chea de matices cromáticos que ela celebra nas súas fotografías. O Sur entendido tamén como fonte de enerxía e de vida.

ESTE

Rita Ibarretxe (Ourense, 1970) propón unha identificación de Oriente co sentimento de desexo, de falta de ser que os poetas modernistas puxeron de manifesto a finais do século XIX e principios do século XX. Oriente entendido como unha idealización, como un paraíso inalcanzable, identificado cun sentimento de morriña de algo que nunca experimentaron, porque nunca estiveron alí. O sentimento de perda de algo que nunca se tivo constitúe un paradoxo que a artista utiliza para propor unha obra contemplativa, na que a vexetación, a paisaxe e a arte do pasado, nos invitan a unha certa melancolía.

OESTE

Paula Pez (Vigo, 1981) parte do Oeste como lugar onde nos atopamos e nos conforma como o que somos, finisterre a partir do que só existe o descoñecido, materializado nun océano inabarcable que nos configurou como pobo ao longo da nosa historia e preguntándose se somos os galegos, os habitantes da fin do mundo. Oeste, di, é unha busca, un proceso de análise da dirección interna que tratamos de procurar no labirinto da nosa vida. Partindo desta idea, a artista propón unha vídeo instalación na que diferentes personaxes intentan situarse na paisaxe, movéndose continuamente na procura dun camiño a seguir.

Coordenadas Incertas pon en cuestión as referencias que utilizamos para situármonos no mundo, a partir das que construímos as nosas identidades. Con esta estratexia, o proxecto propón outras formas de relación coa xeografía como metáfora da nosa propia orientación existencial.

AS ARTISTAS

CRISTINA BREA. Vigo, 1973

Licenciada en Belas Artes, facultade onde entra en contacto co mundo da fotografía sen abandonar de todo a súa base de debuxo e pintura. O seu gusto pola figura  humana, o cotiá e a sedución, son as claves arredor das que se vai construíndo a súa obra persoal máis recente, que xira en torno aos escenarios persoais e ás vivencias diarias. Forma parte do Photobook Club Vigo e da Asociación Latente nos seus inicios, asociacións dende as cales promove actividades relacionadas co mundo da fotografía e o audiovisual. Agora mesmo é unha persoa moi activa pola visibilización da muller na fotografía e a arte contemporánea, formando  parte do colectivo AlNorte, composto por 4 mulleres fotógrafas coas que expón na Sala Sargadelos en decembro de 2015 como parte do Outono Fotográfico, na sala Nemonon en 2017 e no Gnoc Noc en Guimaraes en 2019. Pouco antes expón como parte do colectivo de mulleres fotógrafas Femenino Plural en Pontevedra. Tamén participa en Eclecticidade Diálogos coa imaxe contemporánea en Vigo en agosto dese mesmo ano na Casa das Artes de Vigo. Nesta nova etapa foi seleccionada en SCANOFF 2014, así como no festival VISIÓNS 2014, cunha proxección de base fotográfica que parte da súa colaboración na exposición colectiva Mobil_foto_crea na edición do ano 2013 do Outono Fotográfico. Colabora co mundo editorial como no caso do libro/disco RAPOEMAS de AID entre outros traballos.

Anteriormente estivo moi  relacionada coa escena musical galega, con colaboracións fotográficas en diversas revistas, promoción de prensa e traballos discográficos de artistas como Lucía Martínez, Lizgairo, Orquestra Folc SonDeSeu, Xosé Manuel Budiño, Lulavai, Mercedes Peón e Uxía Senlle.

Dende febreiro de 2019, forma parte de Fvck (Fotografía Viguesa Contemporánea), colectivo dende o que se organizan charlas, talleres e exposicións fotográficas na cidade de Vigo.

RAQUEL CALVIÑO. Pontevedra, 1970

Dende o ano 2011 recibe formación que afonda na narración fotográfica dende un proxecto persoal finalizando en 2018 os estudos de especialización co Mestrado de fotografía artística no ICPI-Instituto de Produçao Cultural e Imaxe de Porto. Destacan os traballos Caderno de exercicios para poetas visuais na Galería Sargadelos de Vigo, dentro da sección oficial do Outono Fotográfico en 2015; Estar é Ser, dentro da sección oficial da 34 edición do Outono Fotográfico, comisariada por Ramón Rozas en Pontevedra en 2016, El Otro Yo co Colectivo ALNorte na sala Nemonon en Pontevedra; El Poder de la Sombra dentro dos Encontros da Imagen en Braga en 2018 e no Festival de Fotografía de Alacante en marzo de 2020.

RITA IBARRETXE. Ourense, 1970

O seu primeiro contacto coa fotografía produciuse de forma autodidacta, participando en exposicións individuais  e colectivas e publicando en diversos medios gráficos.

No ano 2005 obtén o Título de Grao Superior en Fotografía Artística pola Escola de Arte Antonio Faílde de Ourense, e a partir desa data participa en diversos talleres con Oscar Molina, Javier Vallhonrat ou Bleda y Rosa.

O seu método de traballo comeza con algunha idea ou historia que quere mostrar; non lle interesa tratar temas concretos, senón traballar simbólicamente con imaxes que traspasan o límite da súa representación para ser unha metáfora de diferentes estados emocionais internos. Interésalle empatizar co espectador despertando nel sentimentos común e universais que lle remitan á súa propia historia, creando baleiros por onde poida fluír a súa imaxinación, nunha categoría de fotografía que hoxe se denomina fotografía poética ou poesía do cotiá, con imaxes que máis que dicir, suxiren, e onde os motivos non se buscan, senón que se recoñecen aparecendo como sorpresas ou azares, e que teñen unha correspondencia cunha arela ou un estado.

Os seus últimos proxectos consistiron en exposicións co colectivo AlNorte en 2015, Cuaderno de ejercicios para poetas visuales na Galería Sargadelos de Vigo e no ano 2016, El Otro Yo na sala Nemonon en Pontevedra. Agora está traballando no proxecto titulado Sentimiento oceánico que foi seleccionado para os visionados de portafolios no Imago Lisboa Photo Festival e no Festival Revela- T de Barcelona.

PAULA PEZ. Vigo, 1981 En 2005 licénciase en Bioloxía pola Universidade de Vigo e comeza a mesturar a súa paixón pola natureza coa fotografía. En 2008 trasládase a Barcelona para levar a cabo estudos de iluminación, composición e expresión fotográfica na Escola GrisArt. En 2010 comeza a traballar no libro, exposición e documental Un mar de mulleres que a obriga a deixar a bioloxía para dedicarse en exclusiva ao mundo audiovisual e fotográfico. Dende entón, participa en varias exposicións colectivas en Galicia, na realización dun documental de natureza en Aveiro (Portugal), na formación do Colectivo fotográfico AlNorte e fai a súa primeira exposición individual, titulada Isla. Na actualidade traballa como directora de fotografía no Departamento de imaxe da produtora audiovisual Verve Creative Group e segue combinando traballos de encarga, con outros de índole máis persoal.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo