Colección permanente, sete novas incorporacións

Título:                        Colección permanente, sete novas incorporacións

Artistas:                     Laxeiro

Tipo de obra:            pintura

Comisariado:            Javier Pérez Buján

Inauguración:           venres, 17 de marzo, 19h

Clausura:                  domingo, 23 de xullo

Lugar:                        Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo

A Colección permanente da Fundación Laxeiro / Concello de Vigo está formada por sesenta e cinco obras que, no seu conxunto, conforman un percorrido pola traxectoria do artista. Estas obras son parte do legado que Laxeiro fixo á cidade de Vigo en 1981, que se completa coas doce obras depositadas no Museo Municipal Quiñones de León.

Nos últimos anos foron incorporándose como depósito, obras de coleccionistas particulares que, dende a Fundación Laxeiro, entendiamos que ilustraban aspectos do pintor que estaban pouco representados na Colección. Actualmente son cinco as obras engadidas á Colección por esta canle, unha maternidade dos anos corenta, pertencente á época granítica de Laxeiro; un retrato dos anos corenta tamén, moi significativo da faceta de Laxeiro como retratista de encarga; unha cabeza dun aforcado, da década dos anos sesenta, moi significativa da serie dos aforcados que Laxeiro pintou neses anos, ao parecer, como protesta contra o réxime franquista; unha cabeza infantil, tamén da mesma época, que exemplifica o xeito en que Laxeiro volveu á estética granítica; e unha abstracción de 1993, moi esquemática, titulada Neno pensador, moi representativa das abstraccións que comezou a facer nos anos noventa, xeralmente con tintas de cor sobre papel.

COLECCIÓN PERMANENTE, SETE NOVAS INCORPORACIÓNS

Agora, Colección permanente, sete novas incorporacións, presenta obras procedentes tamén de coleccións particulares que, nesta ocasión son cedidas por un período limitado de tempo, a modo de exposición temporal.

Trátase de pezas que, nalgúns casos foron moi pouco expostas e noutros, de obras que se expoñen por primeira vez, que abarcan un período que vai de 1961 a 1987, é dicir, que arrancan nunha das épocas máis experimentais do artista, como é o primeiro lustro dos anos sesenta, e culminan xa na súa madurez, entrada a década dos anos oitenta.

Como xa acontecera en 2019, cando se cambiou a concepción museográfica da Colección permanente, Con estas sete incorporacións que se poderán ver ate o 23 de xullo, a Fundación Laxeiro pretende seguir dinamizando a súa colección e aportar así novidades e puntos de interese, fiel á idea de que unha colección que está exposta durante todo o ano, non ter porqué ser sinónimo de estatismo, senón que debe estar viva e procurar continuamente novas claves de lectura da obra dun dos artistas galegos máis salientables e prolíficos do século XX.

OBRAS INCLUÍDAS NA EXPOSICIÓN

A barca espacial, 1961

Esta é a primeira vez en trinta e oito anos que A barca espacial se pode admirar nunha exposición. A última vez que se expuxo foi en 1985, na Bienal de Pontevedra.

A barca espacial é unha obra maxistral que Laxeiro pintou en Bos Aires, en 1961. Os anos sesenta foron un período de grande intensidade creativa para Laxeiro, nos que a súa característica ruptura da idea de estilo único acada un dos momentos máis significativos. Nestes anos Laxeiro alternaba a experimentación con linguaxes neo expresionistas, cunha figuración ás veces onírica e outras veces de carácter esperpéntico, ademais de xogar cunha, cada vez máis presente tendencia cara á abstracción.

A obra é un dos seus fitos narrativos, comparable ao seu célebre Trasmundo de 1946, pertencente á Colección Fundación Laxeiro – Concello de Vigo, actualmente exposto no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. A barca espacial é unha escena delirante, composta dunha morea de personaxes que ocupan unha nave imposible, nunha composición excesiva e barroquizante na que actualiza a súa capacidade excepcional para a fabulación que caracterizou a súa produción dos anos trinta e corenta.

Humanidade, 1972

En 1972 había pouco máis dun ano que Laxeiro retornara definitivamente de Bos Aires e residía entre Lalín, Vigo e Madrid, onde tiña un piso e taller enriba do coñecido café Gijón.

Pintado en Vigo, móstranos esa faceta de Laxeiro na que practica unha figuración expresionista, altamente elaborada, propia de quen é xa un artista consumado, cunha grande mestría técnica e un discurso moi desenvolvido.

Humanidade non deixa de ser unha maternidade, un xénero que o artista cultivou durante toda a súa traxectoria e que, nesta ocasión, o pintor nola ofrece sen tenrura, cunha solución técnica e estética características dunha figuración informalista, moi practicada por Laxeiro dende mediados dos anos cincuenta e que, na década dos setenta, acadaría a súa madurez como linguaxe, na ampla produción do noso artista.

A familia do Marquesado da Romea, 1978

O Laxeiro fabulador volve aquí a facer acto de presencia, cun tema recurrente no que Laxeiro evoca o Marquesado da Romea, unha terra imaxinada, un Neverland, un Macondo, un Castroforte de Baralla ou un Comala. Un lugar subterráneo, baixo Botos, a súa aldea natal, onde habitan seres fnatásticos e onde José Otero Abeledo atopa a súa inspiración como Laxeiro. A obra, pintada a finais de 1978, retoma o seu característico tenebrismo, e as cabezas colgadas, remítennos á serie dos aforcados, que Laxeiro pintou por estes anos, como plasmación da angustia existencial e da situación política española.

Sen título, ca. 1980

Nos anos oitenta a obra máis xestual e libre de Laxeiro volve experimenta un auxe debido ao panorama internacional da pintura que volve a interesarse polos neo expresionismos e as artes primitivas. Laxeiro é reivindicado por o grupo Atlántica que, en 1981 lle fai unha homenaxe en forma de exposición, titulada Érase unha vez Laxeiro, todo un recoñecemento por parte da nova xeración de artistas galegos, a un pintor vello que soubo manter a súa independencia e liberdade creativa durante toda a súa vida.

Nestes anos Laxeiro xoga cos pinceis e parece lembrar a súa experiencia de proxectista de vidreiras na Habana, durante a súa adolescencia. A súa pintura abandona a terceira dimensión, faise plana e a paleta cromática énchese de luz, como se o vello pintor estivera a vivir unha segunda mocidade.

O Laxeiro dos anos oitenta, xa consagrado, estabilizado profesionalmente e recoñecido, parece xogar cos pinceis e ascores, para facturar unha obra lúdica e sen dramatismos, como expresión de quen, ao final da súa vida, a recoller o froito do seu compromiso continuo coa pintura.

Retrato, 1980

Igual que acontece coa obra anterior, este é un claro exemplo desa liberdade creativa do Laxeiro maduro, nun rexistro de abstracción ao que lle dá unha función narrativa co título de Retrato no reverso do cadro.

A súa mestría para a composición permítelle facer gala dese xeito rápido de pintar, froito de toda unha vida dedicado ao oficio, mais tamén, dunha actitude na que a acción de pintar é tan importante coma o resultado final. Estas obras abstractas de pequeno formato, do principio dos anos oitenta, ilustran un momento de dominio do oficio sen caer nunca no manierismo.

Gaiteiro dos ventos, 1983-84

Con Gaiteiro dos ventos, estamos perante outro rexistro do maxistral Laxeiro, o que poderiamos chamar o Laxeiro metafísico que era quen de producir unha figuración de liñas precisas, xa non tan xestuais coma nos seus rexistros expresionistas, para crear personaxes que son unha lección de pintura e de imaxinación.

Aos setenta e seis anos Laxeiro continúa coas súas investigacións e, nesta peza, conxuga a figuración e o debuxo preciso, cun trazo áxil e unha actualización da imaxe descomposta en planos, característica do Cubismo, pero sen a frialdade analítica daquel movemento de principios do século XX.

sen título, 1987

Esta obra pecha o conxunto de novas incorporacións á Colección permanente, unha obra matérica, na que Laxeiro retoma a súa técnica de pintado con espátula que tanto utilizara nos anos trinta e corenta na súa época granítica, nesta ocasión, para plasmar dous personaxes, dúas anatomías en branco e negro, nas que volve facer unha acertadísima combinación de códigos expresivos entre a pintura de xesto e a pintura xeométrica sen deixar de ser totalmente recoñecible e persoal, como só acontece cos grandes artistas que son quen de interiorizar a sensibilidade da súa época sen mimetizarse coa contorna.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2023 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo