venres, 10 de xaneiro, 2015. 19.30h. Fundación Laxeiro
Como parte das actividades da exposición sonora Ollo á orella, o venres, 10 de xaneiro, ás 19.30h, a artista Acacia Ojea (Vigo, 1994), levou a cabo unha sesión sonora inspirada na fisicidade do son e no ruído dixital, a partir dos que a artista e investigadora recreou un espazo de atención auditiva mediante a selección de diversos materiais sonoros sintéticos que interactuaron entre si.
Nesta sesión, Acacia Ojea incidiu no carácter físico do son, unha cuestión moi presente na exposición Ollo á orella, na que a dimensión escultórica do son, como elemento que ocupa o espazo, é unha das ideas de reflexión propostas.
Outra das ideas centrais do traballo de Acacia Ojea é a posta en cuestión da diferencia entre o son e o ruído, unha fronteira difusa na que a artista se sitúa para desenvolver parte do seu proceso creativo, de feito, a obra que ten na exposición, trata tamén desta cuestión, preguntándose que é o ruído e se se pode ver, propoñendo tres representacións gráficas de ruído en audio dixital, nunha sistematización que parece poñer en cuestión a tradicional asociación de son con intencionalidade e ruído con azar, algo que estivo presente tamén na sesión de escoita que ofreceu na Fundación Laxeiro e que tivo unha duración de media hora. Nela, os diferentes elementos sonoros foron superpoñéndose ao longo do tempo, xogando así con elementos como a dinámica, o volume e as texturas.