Destacado

Interaccións. Espazo, corpo e obxecto

A Fundación Laxeiro inaugura a terceira entrega do ciclo que, co título xenérico Un berro por Belas Artes, programa anualmente en colaboración coa Universidade de Vigo, no que participa alumnado, graduados e profesorado con vinculación pasada ou presente coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

En Interaccións. Espazo, Corpo e Obxecto, a comisaria Basilisa Fiestras proponnos unha mirada á escultura contemporánea, na que os e as artistas participantes convidan o público a transitar a escultura superando a mera observación e establecendo así novas relacións entre o visitante e as obras.

NOITE BRANCA, 2025

A Fundación Laxeiro súmase ao programa Noite branca, promovido pola Concellería de Cultura do Concello de Vigo, unha convocatoria que, dende 2013, contribúea á dinamización da Rede de Museos Municipais, coa ampliación dos horarios de visita e a organización de actividades específicas, constituíndo no seu conxunto, unha oferta cultural variada e transversal que celebra a cultura como actividade de encontro cidadá no espazo público, para o que se amplían os horarios dos museos ata a 01.00h da madrugada do sábado ao domingo.

Litografía de José Manuel Moraña

LITOGRAFÍAS CLUB DE LA ESTAMPA DE BUENOS AIRES. 1968

A Fundación Laxeiro presenta esta carpeta de litografías asinadas por vinte e cinco artistas arxentinos -agás Laxeiro e Luís Seoane- publicada en Bos Aires, en 1968 xunto a un texto do artista e crítico de arte Leonardo Estarico no que, baixo o título Variaciones sobre el grabado, fai un repaso polos procesos de creación da imaxe, dende a prehistoria, ata chegar ás artes gráficas e, concretamente á técnica litográfica.

No proxecto, editado polo Club de la Estampa de Buenos Aires, participan artistas
-todos varóns- que se agrupan ao redor dos diferentes rexistros do neoexpresionismo arxentino de finais dos anos sesenta. No seu conxunto, contextualiza o ambiente artístico no que Laxeiro se movía naquela época de finais dos anos sesenta, nos que o pintor gozaba dunha integración plena no sistema arxentino da arte.

Acto de entrega do Premio Laxeiro 2025 á pintora Bea Rey

Este é o primeiro Premio Laxeiro concedido a título póstumo, razón pola que recolleu o galardón o historiador X. Antón Castro, membro do Museo Bea Rey

Premio Laxeiro 2025: Bea Rey

A Fundación Laxeiro recoñece o compromiso da artista coa renovación pictórica e tamén os eu compromiso social

Seis cabezas de Alejandro Fuertes

Seis cabezas é un proxecto presentado no espazo Arte CTJV, en Monçao, Portugal, entre o 16 de novembro de 2024 e o 17 de xaneiro de 2025. Agora o proxecto chega á Fundación Laxeiro, comisariado por Javier Pérez Buján, o seu Director Artístico.

Alejandro Fuertes (Avilés, 1997) é un artista formado nas facultades de Salamanca e Pontevedra cun evidente interese no que el denomina a estética da devastación que materializa mediante unha obra realizada a partir da ensamblaxe de elementos de refugallo.

Coa man nas tripas. Acacia Ojea

Como parte das actividades da exposición sonora Ollo á orella, o venres, 10 de xaneiro, ás 19.30h, a artista Acacia Ojea (Vigo, 1994), levou a cabo unha sesión sonora inspirada na fisicidade do son e no ruído dixital, a partir dos que a artista e investigadora recreou un espazo de atención auditiva mediante a selección de diversos materiais sonoros sintéticos que interactuaron entre si.

Ollo á orella. 8 obras sonoras e 1 partitura colectiva

Ollo á orella é un proxecto comisariado por Ignacio Barcia, profesor titular da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, quen reúne a un grupo de artistas, que nalgún momento estudaron nesa facultade, cuxos traballos se sitúan entre a arte sonora, o audiovisual, a instalación e a performance.

Este proxecto constitúe a segunda achega do convenio asinado coa Universidade de Vigo, en virtude do que se inclúe un proxecto expositivo vencellado á Facultade de Belas Artes, como parte da programación anual de exposicións temporais da Fundación Laxeiro.

LIÑA E GARABATO. Recursos expresivos no debuxo de Laxeiro

A Fundación Laxeiro presenta este proxecto que, mediante unha escolma de obras sobre papel, pretende afondar nos recursos expresivos que un debuxante excepcional como era Laxeiro, utilizaba para desenvolver o seu universo estético, narrativo e artístico.

Esta exposición propón un achegamento ao debuxo de Laxeiro a partir da coexistencia da liña limpa e o garabato, dous recursos que conforman os dous extremos expresivos a partir dos que o noso pintor construíu un dos máis sólidos discursos estéticos da arte galega do século XX.

Fundación Laxeiro

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente o 23 de febreiro de 1999 por acordo do Concello de Vigo e da Familia do pintor sendo declarada polas consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Cultura, Comunicación Social e Turismo, da Xunta de Galicia, de INTERESE CULTURAL e de INTERESE GALEGO respectivamente.

Fundación Laxeiro © 2025 All Rights Reserved Policarpo Sanz, nº15, 3º - 36202 - Vigo - Tel/Fax.: 986 438 475

Aviso Legal | Política de Privacidade | Panel de Control | Contactar

Deputación de pontevedra Xunta de Galicia: Consellería de Educación e Ordenación universitaria

Fundación Laxeiro Concello de Vigo